Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 3 de xaneiro de 2023 Páx. 415

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 14 de decembro de 2022 pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de expropiación do novo complexo hospitalario da Coruña, fase 1.1, de clave AC/21/215.30.3.

1. Antecedentes de feito:

Primeiro. O obxecto do proxecto é a demolición do actual Hospital de Pacientes e a execución dun novo, dentro do ámbito do futuro complexo hospitalario. Por isto, faise necesaria a adquisición dunha porción de terreo lindeiro coa parcela onde se levará a cabo a actuación, que é precisa para a execución da obra.

Segundo. Pola Resolución do conselleiro de Sanidade do 17 de marzo de 2021, encoméndase á Axencia Galega de Infraestruturas a xestión técnica da execución do novo hospital, e entre as tarefas encomendadas está a xestión das expropiacións.

Terceiro. No Diario Oficial de Galicia núm 197, do 17 de outubro de 2022, publicouse a Resolución do 5 de outubro de 2022 pola que se somete ao trámite de información pública o proxecto de expropiación do novo complexo hospitalario da Coruña, fase 1.1, de clave AC/21/215.30.3, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados.

Cuarto. O 14 de decembro de 2022, a Axencia Galega de Infraestruturas, propón aprobar a información pública e o proxecto de expropiación do proxecto de referencia, mantendo a relación de bens e dereitos, e indicando que os aspectos referentes á valoración serán analizados nunha fase posterior da expropiación.

2. Fundamentos de dereito:

Primero. O conselleiro de Sanidade, como autoridade superior da consellería, desempeña e exerce as competencias que lle confiren a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia, a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais normativa de aplicación.

Segundo. O artigo 101 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, establece que a declaración de utilidade pública enténdese implícita en toda expropiación relativa a obras e servizos que sexan competencia do Servizo Galego de Saúde para o cumprimento das funcións e a consecución dos fins fixados pola lei. A adquisición dos terreos é realizada pola Consellería de Sanidade; o Servizo Galego de Saúde, organismo autónomo de carácter administrativo, é o beneficiario da expropiación, coas consecuencias legais derivadas destas posicións xurídicas.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

Aprobar a información pública e o proxecto de expropiación do novo complexo hospitalario universitario da Coruña, fase 1.1, de clave AC/21/215.30.3, mantendo a relación de bens e dereitos. Os aspectos referentes á valoración serán analizados nunha fase posterior da expropiación.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2022

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade