Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Mércores, 28 de decembro de 2022 Páx. 66276

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se publica a Resolución do 16 de decembro de 2022 pola que se conceden os Premios Galicia de Acción Voluntaria, ao abeiro da Orde do 14 de outubro de 2022 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2022 e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento BS508D).

O 24 de outubro de 2022 publícase no Diario Oficial de Galicia número 202 a Orde do 14 de outubro de 2022 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2022 e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento BS508D).

De conformidade co artigo 15 da citada orde, o órgano competente para resolver será a persoa titular da dirección xeral competente en materia de voluntariado, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Xuventude.

Así mesmo, no seu artigo 18, establécese que se publicarán no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do contido íntegro da Resolución do 16 de decembro de 2022, de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, ao abeiro da Orde do 14 de outubro de 2022 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2022 e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento BS508D), que se incorpora como anexo.

Segundo. Comunicar que a Resolución do 16 de decembro de 2022 esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Non obstante, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022

Cristina Pichel Toimil
Directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

ANEXO

Resolución do 16 de decembro de 2022 dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, ditada no procedemento BS508D, ao abeiro da Orde do 14 de outubro de 2022 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2022 e se convocan para o ano 2022

A Orde da Consellería de Política Social e Xuventude, do 14 de outubro de 2022, pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2022 e se convocan para o ano 2022 (DOG núm. 202, do 24 de outubro), establece as bases reguladoras polas que rexe a concesión dos indicados Premios Galicia de Acción Voluntaria.

O artigo 2 da orde sinala que os Premios Galicia de Acción Voluntaria constan de 3 modalidades:

a) Premio voluntaria/o do ano: modalidade individual, para as persoas físicas.

b) Premio entidade de acción voluntaria do ano: modalidade colectiva, para as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

c) Premio mellor proxecto de acción voluntaria do ano: modalidade para proxectos elaborados por entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, presentados por unha entidade de xeito individual ou por varias entidades de xeito conxunto, que se caractericen pola innovación e a repercusión social.

Outorgarase un premio en cada unha das modalidades establecidas, cuxa dotación económica será de 4.000 euros por modalidade, de conformidade co artigo 3 da orde de convocatoria.

Consonte o establecido nos artigos 7 e 8 da orde de convocatoria presentáronse un total de 27 solicitudes de participación, distribuídas do seguinte xeito:

Na modalidade individual para persoas físicas: 3 solicitudes.

• Na modalidade colectiva para entidades de acción voluntaria: 10 solicitudes.

• Na modalidade de mellor proxecto de acción voluntaria do ano: 14 solicitudes.

O artigo 13 da orde de convocatoria prevé a constitución dun xurado para o exame e valoración dos expedientes, designado para o efecto por resolución da persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de voluntariado que será quen desempeñe a súa presidencia.

O artigo 12 da orde sinala que o órgano instrutor do procedemento será o órgano competente en materia de voluntariado e participación da dirección xeral con competencias en materia de voluntariado. De acordo co citado artigo, unha vez completos os expedientes, o Servizo de Voluntariado e Participación, como órgano instrutor do procedemento, remitiu ao xurado as candidaturas en cada unha das modalidades para a súa valoración, conforme os criterios recollidos no artigo 14.

O día 13 de decembro de 2022, o xurado emitiu o informe proposta de candidaturas premiadas para cada unha das modalidades, de acordo co prescrito no artigo 14 da orde reguladora.

Con base no anterior e conforme o sinalado no artigo 15 da orde, á vista do expediente e da valoración do xurado, o día 14 de decembro de 2022 o Servizo de Voluntariado e Participación, como órgano instrutor do procedemento, propuxo que se resolvese a terceira convocatoria dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2022 nos termos propostos polo xurado.

Consonte a proposta de resolución, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias e atribuída a competencia para resolver, por delegación da conselleira de Política Social e Xuventude, segundo o disposto no artigo 15 e na disposición derradeira primeira da orde de convocatoria,

RESOLVO:

Primeiro. Conceder os premios da terceira convocatoria dos Premios Galicia de Acción Voluntaria ás seguintes candidaturas, dado que obtiveron en cada modalidade a maior puntuación por parte do xurado, consonte os criterios recollidos no artigo 14 da orde de convocatoria:

• Premio voluntario do ano, na modalidade individual para as persoas físicas, cunha puntuación de 60 puntos e dotado de 4.000 euros, para Abraham Benítez Somoza, con NIF **9353***, dada a súa traxectoria e calidade en diferentes áreas de actuación acreditadas no ámbito do voluntariado.

• Premio entidade de acción voluntaria do ano, na modalidade colectiva, cunha puntuación de 55 puntos e dotado de 4.000 euros, á Asociación Cultural O Castro, con CIF G36116879, pola ampla consolidación como entidade en diferentes áreas de actuación de carácter social no medio rural.

• Premio ao mellor proxecto de acción voluntaria do ano, pola súa plenitude e completa estruturación, cunha puntuación de 60 puntos e dotado de 4.000 euros, á Asociación Orensana de Esclerosis Múltiple, Párkinson y Enfermedades Raras, Aodemper, con CIF G32209983, polo seu proxecto Programa de voluntariado de Aodemper.

Segundo. As persoas físicas e xurídicas premiadas deberán cumprir coas obrigas previstas no artigo 17 da Orde do 14 de outubro de 2022.

Terceiro. A presente resolución esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Non obstante, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de acordo co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Cuarto. A publicación desta resolución producirá os efectos de notificación, nos termos establecidos no artigo 18 da Orde do 14 de outubro de 2022 e no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2022. A conselleira de Política Social e Xuventude; P.D. (Artigo 15.2 e disposición derradeira primeira da Orde do 14 de outubro de 2022; DOG núm. 202, do 24 de outubro); Cristina Pichel Toimil, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.