Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Venres, 23 de decembro de 2022 Páx. 65454

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 21 de decembro de 2022 pola que se fai pública a ampliación da dotación orzamentaria para a concesión das axudas establecidas na Orde do 12 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR352A).

A Orde da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade do 12 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 139, do 21 de xullo) establece no seu artigo 2 o crédito orzamentario que financia as subvencións reguladas nesta orde para o ano 2022.

Así mesmo, establece no seu artigo 2.3 que os créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En consecuencia, existindo crédito na mesma aplicación 11.04.322C.481.7 (código de proxecto 2015 00489) para os mesmos fins, cómpre ampliar o importe dos créditos destinados ás axudas deste programa que poderán ser concedidas ao abeiro da orde que se cita nesta disposición, coa finalidade de facer chegar estas ao maior número de entidades beneficiarias posible.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1

Amplíase o importe total das axudas establecidas na Orde da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade do 12 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 139, do 21 de xullo), na seguinte contía e aplicación orzamentaria que figura dotada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022:

Fomento do emprego a través dos programas de cooperación 11.04.322C.481.7, no código de proxecto 2015 00489, na contía de 3.208.558,42 € con fondos finalistas do Estado.

Artigo 2

Estas modificacións non afectan ao prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade