Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Martes, 20 de decembro de 2022 Páx. 64678

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2022 pola que se convoca a concurso público unha praza de profesor/a contratado/a doutor/a (oferta de emprego público de 2022).

Esta reitoría, en cumprimento do acordado polo Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela do 28 de outubro de 2022, e logo da autorización da oferta de emprego público para o ano 2022 por parte da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia e da súa publicación no DOG do 31 de maio de 2022,

RESOLVE:

Convocar, para a súa provisión mediante concurso público, 1 praza de profesor/a contratado/a doutor/a correspondente á oferta de emprego público (OEP) de 2022 que resultou vacante no concurso convocado pola Resolución do 5 de xullo de 2022 (concurso 23PX/22), e que se indica no anexo I, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Este concurso rexerase, ademais de polo disposto nas bases desta convocatoria:

– Pola Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (en diante, LOU).

– Pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPACAP).

– Pola Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, LRXSP).

– Pola Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

– Polo Decreto 266/2002, do 6 de setembro, sobre contratación de profesorado universitario.

– Polos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro.

– Polo Regulamento de selección de profesorado permanente, aprobado polo Acordo de Consello de Goberno da USC do 27 de setembro de 2019 (en diante, Regulamento).

– Polo II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, subscrito con data do 26 de xaneiro de 2011 (DOG do 14 de abril), prorrogado con data do 12 de xullo de 2013 (DOG do 29 de xullo) (en diante, Convenio).

1.2. As referencias que para cada posto de traballo se conteñan nesta convocatoria en relación coas obrigas docentes e de investigación que deberán asumir as persoas adxudicatarias non suporán en ningún caso para quen obteña estes postos un dereito de vinculación exclusiva a esas actividades, nin limitarán a competencia da Universidade para asignarlle distintas obrigas docentes e investigadoras. Da mesma forma, a referencia do centro en que deberá desenvolverse a actividade docente non suporá o dereito a non exercer actividade docente ou investigadora noutro centro dependente da propia universidade, aínda no caso de que radique en localidade distinta.

1.3. Cando os prazos a que se fai referencia nesta convocatoria se expresen en días, entenderase que estes son hábiles e excluiranse do cómputo os sábados e domingos e os declarados festivos, de acordo co disposto no artigo 30 da LPACAP. Consideraranse festivos para estes efectos os festivos locais tanto de Santiago de Compostela como de Lugo, e ampliarase en calquera caso en ambos os campus o prazo establecido por un número de días igual ao dos festivos existentes.

1.4. O prazo máximo para resolver o concurso será de 4 meses, contados a partir da data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Requisitos de carácter xeral que deberán reunir para poder participar nestas probas selectivas:

a) Posuíren a nacionalidade española ou a dalgún Estado membro da Unión Europea ou país estranxeiro que, nos termos previstos no artigo 52 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, permita o acceso ao emprego público.

b) Estaren en posesión do título de doutor.

c) Teren recibido a avaliación positiva da súa actividade docente e investigadora para a figura de profesor contratado doutor ou doutras categorías superiores por parte da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANACA) ou de calquera outro órgano de avaliación que determinen as leis doutras comunidades autónomas, sempre que exista un convenio ou concerto previo coa Comunidade Autónoma de Galicia; ou ben reuniren as condicións que determinan a cualificación automática para ser contratado nesta figura.

d) Cumpriren os requisitos mínimos e máximos de idade legalmente establecidos para o acceso á Administración pública.

e) Posuíren as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

f) Acreditaren o coñecemento das dúas linguas oficiais da Universidade de Santiago de Compostela, de conformidade co establecido na lexislación vixente.

g) Non teren sido despedidas ou separadas mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin estaren na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional a que se pertenza.

No caso de nacionais doutros Estados, non estaren inhabilitadas ou en situación equivalente, nin teren sido sometidas a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

h) Aboaren as taxas previstas na base 3.5.

Non poderán participar neste concurso os empregados públicos da Universidade de Santiago de Compostela que pertenzan ao mesmo réxime xurídico, corpo, categoría, área de coñecemento e departamento da praza que se convoca.

2.2. A posesión de todos os requisitos estará referida sempre á data de expiración do prazo de presentación de solicitudes de participación e deberase manter ao longo de todo o proceso selectivo, excepto no caso do sinalado no punto 2.f), que as persoas candidatas propostas poderán acreditar nos termos establecidos no punto 9.3 desta convocatoria.

3. Solicitudes.

3.1. As persoas que desexen participar nesta convocatoria deberán presentar a súa solicitude, xunto coa documentación correspondente, unicamente por medios electrónicos, a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da USC (https://sede.usc.es/sede/publica/catalogo/procedemento/126/ver.htm), para o que deberán empregar os medios de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da USC (https://sede.usc.es/sede/publica/informacion/aspectosTecnicos.htm).

A non presentación da solicitude electrónica será causa de exclusión e non se poderá reparar no prazo establecido na base 5.2 desta convocatoria.

Ademais, será requisito imprescindible para participar no proceso que as persoas aspirantes, no acto de presentación, fagan entrega ao/a presidente/a da Comisión, en formato electrónico, dunha copia do seu curriculum vitae, xunto cunha copia do proxecto de actividades docentes, así como dunha copia do proxecto investigador e a documentación acreditativa dos méritos alegados. A documentación acreditativa dos méritos poderase presentar en formato electrónico ou ben en papel.

3.2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia presentada.

A inexactitude, falsidade ou omisión de carácter esencial de calquera dato ou información na declaración, así como a non presentación da documentación cando lle sexa requirida, determinará a non selección e/ou a non formalización do contrato de traballo, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.

3.3. As persoas aspirantes que teñan recoñecida legalmente unha discapacidade igual ou superior ao 33 %, no caso de precisaren algunha adaptación, e co obxecto de que se poida garantir a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade e adoptar as medidas oportunas, xunto coa solicitude de participación no concurso presentarán un escrito en que soliciten as adaptacións de tempo e medios correspondentes, e deberán xuntar fotocopia do certificado en vigor que acredite o recoñecemento da discapacidade de que se trate.

No caso de que as persoas aspirantes a que se refire este parágrafo non soliciten as adaptacións no momento de presentaren a solicitude de participación ao concurso, entenderase que non as precisan ou que renuncian a elas, sen que se poida expoñer solicitude en ningún outro momento posterior do procedemento.

Á vista das propostas de adaptación efectuadas, o reitor ou a persoa en quen delegue determinará as medidas de adaptación ás necesidades das persoas con discapacidade que fosen admitidas ao concurso e así o solicitasen.

Quen solicite proba adaptada deberao facer constar expresamente no momento da inscrición e motivalo.

3.4. As solicitudes deberán presentarse no prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

3.5. Dereitos de exame.

As persoas aspirantes deberán aboarlle á USC, por cada concurso en que soliciten participar, a cantidade de 44,17 euros en concepto de dereitos de exame.

Estarán exentas do pagamento da totalidade da taxa por dereitos de exame:

1) Aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

2) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Gozarán dunha bonificación do 50 % da taxa por dereitos de exame:

1) As persoas que sexan membros de familias numerosas de categoría xeral.

2) As persoas que figuren como demandantes de emprego desde polo menos seis meses antes da data de publicación desta convocatoria no taboleiro electrónico da USC, e non estean percibindo prestación ou subsidio por desemprego.

Todas as circunstancias que supoñen unha bonificación total ou parcial das taxas por dereitos de exame deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, e xuntarase copia da cualificación do grao de discapacidade ou do carné de familia numerosa segundo corresponda. As relativas á condición de demandante de emprego, así como ao feito de non percibir prestación ou subsidio por desemprego deberanse acreditar con certificados expedidos polo Servizo Público de Emprego.

A persoa solicitante deberá realizar a liquidación de taxas na aplicación informática e o seu pagamento a través dun dos seguintes medios:

1) Pagamento a través do impreso de autoliquidación. Para iso deberá seleccionar esta opción no formulario electrónico, imprimir o documento de pagamento e realizar o ingreso na entidade bancaria.

2) Pagamento electrónico mediante cartón de crédito. Para iso deberá seleccionar esta opción no formulario electrónico e realizar o pagamento a través da pasarela bancaria á cal se lle dea acceso a través da aplicación informática.

En ningún caso a presentación e o pagamento da taxa suporán a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude. Entenderase como defecto non reparable non realizar o pagamento dentro do prazo de presentación de solicitudes.

Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen a totalidade dos dereitos de exame dentro do prazo de presentación de solicitudes. No caso de que as persoas aspirantes se acollesen a unha exención ou bonificación e non xustifiquen ese aspecto, de non telo feito con anterioridade, no prazo de reposición de documentación, serán excluídas do procedemento por non ter feito o pagamento da totalidade das taxas dentro do prazo de presentación de solicitudes.

Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o cal terán que facer constar a entidade bancaria e o seu número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

Para calquera aclaración ou información sobre a tramitación electrónica, as persoas solicitantes poderanse poñer en contacto co Centro de Atención aos/ás Usuarios/as seguindo o procedemento indicado na páxina http://www.usc.gal/gl/servizos/atic/cau/

No caso de non poder formalizar a solicitude mediante o formulario electrónico dentro dos prazos establecidos, e sempre que o motivo sexa por causas técnicas non imputables á persoa interesada que imposibiliten o funcionamento ordinario da web, observarase o que a USC estableza nesta materia para tal fin.

4. Documentación acreditativa de requisitos e méritos. Momento de presentación.

4.1. Acreditación de requisitos de carácter xeral.

Xunto coa solicitude, e sempre a través do formulario electrónico mencionado no punto 3.1, presentarase a seguinte documentación:

a) Copia dixitalizada en formato pdf do documento nacional de identidade, pasaporte ou documento acreditativo da nacionalidade.

Os/as descendentes e descendentes do cónxuxe non separado de dereito deberán presentar, ademais, os documentos acreditativos do vínculo de parentesco e, se é o caso, do feito de viviren a expensas ou estaren a cargo dun nacional dun Estado membro da Unión Europea ou doutros Estados, cando así o estableza un tratado internacional subscrito pola Unión Europea e ratificado por España, con quen teñan o dito vínculo. A acreditación realizarase por medio de certificados expedidos polas autoridades competentes do seu país de orixe, traducidos a algunha das linguas oficiais da USC.

b) Copia dixitalizada en formato pdf do título universitario oficial de doutor (anverso e reverso), excepto no caso de que esta acreditación xa conste no expediente persoal por ser PDI da USC.

Os títulos expedidos por universidades ou autoridades estranxeiras deberán ser acreditados presentando a copia dixitalizada da declaración de equivalencia ao nivel académico de doutor, conforme a disposición adicional quinta do Real decreto 967/2014, do 21 de novembro, ou a copia dixitalizada de calquera outro documento de acreditación equivalente que regulamentariamente se determine.

c) Copia dixitalizada en formato pdf da resolución de avaliación positiva para a figura de profesor/a contratado/a doutor/a ou para outra categoría superior expedida pola ACSUG, pola ANACA ou por calquera outro órgano de avaliación, sempre que exista un convenio ou concerto previo coa Comunidade Autónoma de Galicia, agás que esta acreditación xa conste no expediente persoal por ser PDI da USC.

Os documentos que así o precisen deberán presentarse traducidos a algunha das linguas oficiais da USC.

Non presentar os documentos especificados nos puntos citados será causa de exclusión, que deberá repararse no prazo establecido na base 5.2 desta convocatoria.

5. Admisión de aspirantes.

5.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, nun prazo máximo de dez días hábiles a Vicerreitoría de Profesorado publicará unha resolución que aprobe a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos no taboleiro electrónico da USC (https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm).

5.2. Contra esta resolución, e nun prazo máximo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico da USC, as persoas interesadas poderán presentar unha reclamación ante o reitor para reparar os defectos que motivasen a exclusión ou omisión da dita lista. Se non o fan, serán excluídas definitivamente do proceso selectivo sen teren dereito á devolución das taxas aboadas.

5.3. Para emendar os defectos que motivaron a exclusión ou omisión, a persoa aspirante deberá realizar o trámite a través da aplicación de concursos incorporando no punto correspondente a documentación requirida e/ou formular as alegacións que considere pertinentes.

5.4. Rematado o prazo para reparar os defectos que motivaron a exclusión ou omisión das persoas aspirantes, a Vicerreitoría de Profesorado aprobará e publicará, no prazo máximo de dez días hábiles, a lista definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, e o lugar indicado na base 5.1. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade cos artigos 46 e 8.2.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que a ditou.

5.5. A inclusión na lista definitiva de admitidos/as non prexulga o cumprimento dos requisitos normativamente exixidos para a sinatura do correspondente contrato na categoría docente de que se trate. A posesión dos requisitos exixidos terá que acreditarse no seu momento.

6. Comisións de selección.

6.1. O concurso obxecto desta convocatoria será resolto pola comisión indicada no anexo I.2.

6.2. A Comisión de Selección rexerase polo disposto no Regulamento para a selección de profesorado con vinculación permanente da USC. Os membros da Comisión deberán absterse de actuar e as persoas interesadas poderán recusalos, en calquera momento do procedemento, cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 23 da LRXSP.

6.3. Unha vez resoltas a renuncia, abstención ou recusación que se puidesen ter presentado, as persoas afectadas serán substituídas polos/as respectivos/as suplentes. No suposto de que tamén no membro suplente de que se trate concorra algunha das circunstancias de impedimento citadas anteriormente, a súa substitución farase por orde correlativa de nomeamento entre os membros suplentes.

6.4. As comisións de selección constituiranse no prazo máximo de tres meses desde o día seguinte ao da data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para iso, a persoa titular da Presidencia da Comisión, logo de consultar cos restantes membros, convocará os membros titulares e, se é o caso, os suplentes, para proceder ao acto de constitución da Comisión, con indicación do lugar e da data. Ademais, o/a presidente/a deberá informar as persoas candidatas admitidas acerca do acto de constitución e convocalas para o acto de presentación de candidaturas, que deberá ter lugar con posterioridade á constitución da Comisión e a aprobación dos criterios de valoración dos méritos. A convocatoria para o acto de presentación de candidaturas realizarase a través do taboleiro electrónico e incluirá o lugar, a data e a hora de realización.

No acto de constitución a Comisión de Selección aprobará e publicará no taboleiro electrónico da USC os criterios de valoración dos méritos e os criterios para o acceso das persoas aspirantes ás distintas fases, respectando o baremo recollido no anexo II.

6.5. O acto de constitución e aprobación dos criterios de valoración poderá ser realizado de forma presencial ou telemática.

7. Desenvolvemento dos concursos.

7.1. Acto de presentación.

7.1.1. A orde de actuación das persoas aspirantes á praza seguirá a ordenación alfabética por apelido a partir da letra T, de acordo co establecido na Resolución do 28 de xaneiro de 2022 da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia para o ano 2022 (DOG do 4 de febreiro).

7.1.2. No acto de presentación, que será público, as persoas candidatas entregaranlle ao/á presidente/a da Comisión unha copia en soporte dixital, con forma de lapis de memoria USB, do seu curriculum vitae, do seu proxecto de actividades docentes e do seu proxecto investigador. Ademais, neste mesmo acto deberase entregar a documentación acreditativa dos méritos alegados, que se poderá presentar no soporte dixital anteriormente indicado, en formato pdf ou en papel e segundo os requisitos establecidos no anexo III.

a) O curriculum vitae.

O curriculum vitae deberá axustarse no posible ao modelo de curriculum vitae publicado na páxina do Catálogo de procedementos da USC e na web do Servizo de Planificación de PDI da USC (https://sede.usc.es/sede/publica/catalogo/procedemento/126/ver.htm). En calquera caso, será posible tamén presentar o curriculum vitae noutro formato, preferentemente normalizado.

b) O proxecto de actividades docentes.

O proxecto de actividades docentes terá unha extensión máxima de 100.000 caracteres (espazos incluídos) e deberase referir á materia indicada no anexo I.1 desta convocatoria ou, na súa falta, a unha materia obrigatoria ou de formación básica adscrita á área de coñecemento de que se trate das cursadas para a obtención de títulos de carácter oficial de grao ou equivalente na USC, que tivesen docencia no curso académico en que se realice esta convocatoria. O proxecto deberá recoller, cando menos, os seguintes aspectos: datos descritivos da materia, sentido da materia no plan de estudos, obxectivos, desenvolvemento do temario, metodoloxía de ensino-aprendizaxe, bibliografía e criterios de avaliación. As persoas aspirantes deberán entregarlle ao/á presidente/a da Comisión de Selección unha copia do texto nun formato electrónico que permita verificar o cumprimento do requisito relativo á extensión.

c) O proxecto investigador.

O proxecto investigador terá unha extensión máxima de 50.000 caracteres (espazos incluídos) e deberase referir ao proxecto que desenvolverá a persoa solicitante no caso de serlle outorgada a praza. As persoas aspirantes deberán entregarlle ao/á presidente/a da Comisión de Selección unha copia do texto no soporte dixital indicado no punto 7.1.2 que permita verificar o cumprimento do requisito relativo á extensión.

d) A documentación acreditativa dos méritos alegados poderase presentar en soporte dixital ou en papel e segundo os requisitos establecidos no anexo III.

No caso de que as persoas aspirantes opten pola presentación en soporte dixital da documentación acreditativa de méritos, esta deberase organizar en carpetas ordenadas de acordo coa estrutura do curriculum vitae.

Se se opta pola presentación en papel, o exemplar da documentación acreditativa terá que ordenarse de acordo coa estrutura do curriculum vitae. Os documentos que non sexan libros ou similares deberán estar numerados en cada unha das páxinas e encadernados ou suxeitos de calquera outro modo que os manteña unidos de maneira sólida e impida a perda da documentación. Os libros e outros materiais non encadernables deberán presentarse en arquivadores ou similares, numerados, en caso de que se entregue máis dun, e identificados co número de concurso e o nome da persoa aspirante. Co fin de facilitar a súa localización, recoméndase que en cada un dos méritos relacionados no curriculum vitae se indique o número de orde da carpeta ou do arquivador que os contén.

A persoa que exerza a presidencia da Comisión requirirá as persoas aspirantes para que ordenen a documentación conforme o recollido no parágrafo anterior, no caso de que a documentación presentada non cumpra os requisitos descritos.

7.1.3. Non serán valorados os proxectos de actividades docentes e os proxectos investigadores que incumpran os requisitos de extensión fixados.

7.1.4. O/a secretario/a da Comisión garantirá que a documentación entregada polas persoas concursantes poida ser consultada antes do inicio das probas por todas as persoas candidatas presentadas que o desexen.

7.1.5. As probas deberán comezar nun prazo máximo de dez días desde o acto de presentación.

7.1.6. No acto de presentación, os membros da Comisión de Selección poderán actuar a través de sistemas de videoconferencia. No lugar de realización do acto deberá estar presente, ademais das persoas aspirantes, como mínimo un membro da Comisión.

7.2. Realización das probas.

7.2.1. O concurso correspondente a prazas de profesorado contratado doutor constará de dúas fases, cada unha delas de carácter eliminatorio:

a) A primeira fase terá unha valoración máxima de 100 puntos e consistirá na valoración dos méritos e historial académico, docente, investigador e, de ser o caso, profesional ou sanitario-asistencial alegados polas persoas candidatas no curriculum vitae, sempre que se posúan na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e que estean debidamente acreditados. A Comisión de Selección valorará os curriculum vitae das persoas aspirantes aplicando os criterios que determine e de acordo co baremo correspondente a esta categoría, recollido no anexo II desta convocatoria. Concluída a valoración dos curriculum vitae, os resultados faranse públicos a través do taboleiro electrónico. A Comisión indicará a relación de aspirantes que pasan á segunda fase e fará pública a convocatoria para realizar o exercicio correspondente. A convocatoria incluirá a data, a hora e o lugar en que terá lugar.

b) A segunda fase consistirá na exposición oral en sesión pública do proxecto de actividades docentes e do proxecto investigador, durante un tempo máximo de noventa minutos. A seguir, a Comisión debaterá coa persoa aspirante á praza sobre os contidos da súa exposición durante un tempo máximo de dúas horas.

Finalizada a proba, cada membro da Comisión emitirá un informe razoado e axustado aos criterios de valoración previamente fixados.

O proxecto de actividades docentes e o proxecto investigador terán unha valoración máxima de 50 puntos cada un.

c) A puntuación final de cada aspirante será o resultado da suma das puntuacións obtidas nas dúas fases do concurso.

7.2.2. Nestas probas, os membros da Comisión de Selección poderán actuar a través de sistemas de videoconferencia. Non obstante, no lugar de realización das probas deberá estar presente fisicamente, ademais das persoas aspirantes, cando menos un membro da Comisión.

8. Proposta de provisión.

8.1. De acordo coas valoracións e informes realizados, no prazo máximo de cinco días desde o seguinte ao de finalización da segunda fase, a Comisión elaborará unha proposta de contratación, que incluirá a relación de todas as persoas candidatas que sexan consideradas aptas para ocupar a praza, ordenadas pola puntuación final acadada no proceso (de maior a menor). No caso de que ningunha das persoas candidatas alcance a puntuación mínima establecida nos criterios, a Comisión elaborará unha proposta de non provisión. A proposta de contratación ou de non provisión farase pública no taboleiro electrónico da Universidade.

Unha vez publicada, a Comisión de Selección remitirá o expediente completo ao Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador.

Rematado o procedemento, a documentación das persoas concursantes quedará á súa disposición no Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador, de onde deberán retirala. Non obstante, no caso de interposición de recurso, a documentación non se poderá retirar ata que a resolución impugnada sexa firme, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan realizar copia da documentación para outros efectos.

Transcorridos seis meses desde a finalización do procedemento ou, en caso de ter recurso, desde que a resolución impugnada adquira firmeza, a documentación que non sexa retirada será destruída.

8.2. Contra a proposta de provisión da praza de profesorado contratado doutor as persoas interesadas poderán presentar unha reclamación perante o reitor no prazo de dez días, contados desde o seguinte á publicación no taboleiro electrónico. A reclamación será valorada por unha Comisión de Reclamacións nos termos e de acordo co procedemento establecido no artigo 20 do Regulamento. Admitida a trámite a reclamación, suspenderase a contratación ata a súa resolución definitiva.

9. Resolución reitoral de contratación, presentación de documentos e formalización do contrato.

9.1. A resolución reitoral que autorice, cando proceda, a contratación da persoa candidata ou candidatas segundo a orde de puntuación farase pública no taboleiro electrónico da USC. A publicación no taboleiro electrónico da USC substituirá a notificación persoal ás persoas interesadas e producirá os mesmos efectos que esta, segundo o previsto no artigo 45 da LPACAP.

9.2. A persoa candidata a quen se lle atribúa a praza obxecto deste concurso deberá asinar o contrato nun prazo de cinco días hábiles, contados a partir da publicación da resolución de contratación no taboleiro electrónico da USC. Con carácter excepcional, tras a solicitude motivada da persoa interesada e de acordo coas necesidades do servizo, este prazo poderá ser modificado polo reitor.

9.3. Antes de proceder á sinatura, a persoa candidata deberá presentar para o seu cotexo os documentos orixinais que avalen o cumprimento dos requisitos exixidos nesta convocatoria. En todo caso, deberá acreditar a titulación universitaria de maior nivel que se posúa, co obxecto de que conste no seu expediente persoal.

A acreditación do requisito exixido na base 2.e) farase mediante a presentación do certificado médico oficial ou informe de saúde emitido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

A acreditación dos requisitos exixidos na base 2.f) deberase axustar ao seguinte:

A persoa candidata proposta para ocupar o posto de profesor/a contratado/a doutor/a deberá acreditar o coñecemento das dúas linguas oficiais na Universidade de Santiago de Compostela, de conformidade co establecido na lexislación vixente. O coñecemento do español acreditarase mediante o certificado de lingua española como lingua estranxeira de nivel B2 ou superior. As persoas que sexan nacionais de Estados que teñan o español como lingua oficial non terán que acreditar o seu coñecemento. A acreditación do coñecemento do idioma galego farase mediante o certificado de lingua galega Celga 3 ou equivalente.

De non acreditar o coñecemento das linguas oficiais da USC antes da sinatura do contrato, a persoa candidata proposta terá un prazo máximo dun ano para facelo a través dos documentos citados no parágrafo anterior. De non ser así, a USC realizaralle á persoa candidata proposta unha proba específica, que terá lugar antes de que transcorran dous anos desde a contratación.

Esta documentación deberá presentarse no Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador-Colexio de San Xerome, Santiago de Compostela, se a praza se convocou para Santiago de Compostela.

De non presentarse a documentación na forma e no prazo sinalados anteriormente, ou cando esta non garde correspondencia co declarado na instancia, a persoa candidata decaerá nos dereitos que para ela deriven desta convocatoria.

9.4. Se a persoa candidata non asina o contrato dentro do prazo sinalado no número 9.2 desta base, agás supostos de forza maior debidamente acreditados e sen prexuízo do establecido no artigo 10, in fine, da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, perderá o dereito a desempeñar o posto para o cal fose seleccionada e formalizarase a contratación coa persoa candidata proposta na seguinte posición.

9.5. Con carácter xeral, o contrato que derive desta convocatoria producirá efectos desde a data en que se asine, agás que nel se dispoña outra cousa, sen que en ningún caso poida ter efectos retroactivos. Tan só unha vez formalizada a relación xurídica terá lugar o inicio da prestación de servizos e, polo tanto, a devindicación das retribucións asignadas á praza obtida.

9.6. Serán de aplicación ao persoal contratado en virtude desta convocatoria as normas contidas na Lei 53/1984, do 26 de decembro; na Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica, e na demais normativa de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas e as súas normas de desenvolvemento.

10. Características do contrato.

10.1. Retribucións.

O contrato que se formalice en virtude desta convocatoria terá as remuneracións que se sinalan no artigo 32 do Convenio colectivo para o PDI laboral.

10.2. Duración do contrato.

Este contrato terá efectos a partir da data da sinatura, ou da que se determine na resolución de autorización da contratación se é posterior, e a súa duración será a que corresponda segundo o establecido no artigo 7 do Decreto autonómico 266/2002, do 6 de setembro, de contratación do profesorado universitario.

11. Norma derradeira.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade cos artigos 46 e 8.2.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I.1

Relación de prazas

Profesor/a contratado/a doutor/a.

Nº de concurso: 36PX/22.

Nº de prazas: 1(PX0541).

Área de coñecemento: Organización de Empresas.

Departamento: Organización de Empresas e Comercialización.

Perfil: Estratexia Empresarial (G3071423).

Centro: Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

Localidade: Santiago de Compostela.

(*) Centro onde se realizará con carácter preferente a actividade.

ANEXO I.2

Comisión de Selección

Nº de concurso

36PX/22

Corpo

Profesor contratado doutor

Área de coñecemento

Organización de Empresas

Comisión titular

Presidenta

Álvarez Pérez, María Dolores

T

Profesora titular de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

Secretaria

Castro Casal, María del Carmen

T

Profesora titular de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

1º vogal

Carballo Penela, Adolfo

T

Profesor titular de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

2ª vogal

Bastida Domínguez, María

T

Profesora contratada doutora

Universidade de Santiago de Compostela

3º vogal

Curto Rodríguez, Eduardo

T

Profesor contratado doutor

Universidade de Santiago de Compostela

Comisión suplente

Presidenta

García Chas, Romina

T

Profesora contratada doutora

Universidade de Santiago de Compostela

Secretaria

López Cabarcos, Mª Ángeles

T

Profesora titular de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

1ª vogal

Barreiro Fernández, María Begoña

T

Profesora titular de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

2º vogal

López López, Vicente Ángel

T

Profesor titular de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

3º vogal

Benito Torres, José Leandro

T

Profesor titular de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO II

Baremo para a valoración dos méritos e do historial das persoas candidatas

Profesorado contratado doutor

Os criterios de valoración dos méritos e do historial académico, docente, investigador e, de ser o caso, profesional ou sanitario-asistencial alegados polas persoas candidatas deberán respectar as seguintes puntuacións máximas:

1. Formación académica: máximo de 15 puntos. Nesta epígrafe valoraranse, entre outros, os seguintes aspectos:

– Expediente académico.

– Grao de licenciatura ou proxecto de fin de carreira naqueles estudos que o recollen no seu plan de estudos.

– Diploma de estudos avanzados ou suficiencia investigadora.

– Tese de doutoramento.

– Outras titulacións de grao e máster ou equivalentes.

– Premios extraordinarios de titulacións oficiais.

– Doutoramento europeo ou internacional e outras mencións de calidade.

– Título de especialista relacionado coa praza obxecto de concurso (para áreas de coñecemento con disciplinas de contido clínico).

2. Traxectoria investigadora e de transferencia: máximo de 40 puntos. Nesta epígrafe valoraranse, entre outros, os seguintes aspectos:

2.1. Difusión da actividade investigadora.

2.1.1. Publicacións científicas.

2.1.2. Participación en congresos e reunións científicas.

2.2. Proxectos e contratos de investigación.

2.2.1. Participación en proxectos de investigación.

2.2.2. Participación en contratos de investigación.

2.3. Bolsas e contratos de investigador.

2.3.1. Bolsas e contratos pre e posdoutorais obtidos en convocatorias competitivas.

2.3.2. Bolsas e contratos pre e posdoutorais con cargo a proxectos e contratos de investigación.

2.4. Patentes, produtos con rexistro de propiedade intelectual e outras actividades de transferencia.

2.5. Estadías en centros de investigación ou outras institucións de educación superior.

2.6. Outros méritos relacionados coa experiencia investigadora.

3. Traxectoria docente: máximo de 40 puntos. Nesta epígrafe valoraranse, entre outros, os seguintes aspectos:

3.1. Dedicación docente.

3.1.1. Docencia en titulacións universitarias oficiais.

3.1.2. Docencia en ensino oficial non universitario.

3.1.3. Dirección de traballos académicos.

3.2. Calidade da actividade docente (avaliacións positivas da actividade docente, elaboración de materiais docentes orixinais, participación en proxectos de innovación docente, etc.).

3.3. Calidade da formación docente (participación ou impartición de actividades de formación docente universitaria, estadías en centros docentes, etc.).

3.4. Outros méritos relacionados coa traxectoria docente.

4. Experiencia asistencial (só para prazas con vinculación asistencial).

5. Outros méritos relevantes para a praza: máximo 5 puntos. Nesta epígrafe valoraranse, entre outros, os seguintes aspectos:

5.1. Participación na xestión académica e na difusión da cultura universitaria.

5.2. Mobilidade.

5.3. Coñecemento de idiomas estranxeiros.

5.4. Acreditación ou habilitación para unha figura de categoría superior á da praza en concurso.

5.5. Outros.

ANEXO III

Acreditación dos méritos

As comisións de selección poderán admitir e valorar os méritos alegados polos candidatos sempre que, ao seu xuízo, os documentos presentados non ofrezan dúbidas sobre a súa autenticidade e permitan acreditar de xeito fidedigno os datos necesarios para a valoración do mérito concreto.  De utilizaren esta facultade, as comisións de selección deberano facer constar na acta de valoración.

1. Formación académica.

1.1. Expediente académico.

Certificación académica oficial emitida pola universidade correspondente en que consten os estudos universitarios realizados, as cualificacións recibidas en cada unha das materias e a convocatoria en que foron superadas na titulación principal que serviu de base para os estudos do terceiro ciclo.

1.2. Grao de licenciatura ou proxecto de fin de carreira naqueles estudos que o recollan no seu plan de estudos.

Certificación académica emitida pola universidade correspondente en que consten as citadas mencións.

1.3. Diploma de estudos avanzados ou suficiencia investigadora.

Copia do diploma.

1.4. Tese de doutoramento.

Copia do título de doutor e certificación en que consten a denominación do título, o título da tese, o nome do director ou directora e a cualificación obtida.

1.5. Outras titulacións de grao e máster ou equivalentes.

Copia do título universitario oficial.

1.6. Premio/s extraordinario/s de titulacións oficiais.

Certificación oficial da concesión do premio.

1.7. Doutoramento europeo ou internacional e outras mencións de calidade.

No caso de que o programa de doutoramento cursado tivese mención de calidade ou se tratase dun doutoramento europeo, esta circunstancia deberá ser acreditada mediante a certificación pertinente e/ou a xustificación da súa publicación no BOE.

2. Traxectoria investigadora e de transferencia.

2.1. Difusión da actividade investigadora.

2.1.1. Publicacións científicas.

No caso de artigos e capítulos de libros, pdf ou ben copia ou exemplar en papel do texto íntegro ou, en todo caso, copia da primeira e da última páxinas. Se non figura na primeira páxina a información relativa ao título e número da revista ou ao título do volume, engadiranse copias das páxinas do índice ou da portada en que figuren o ISSN ou o ISBN, segundo corresponda.

No caso de libros, pdf ou ben exemplar en papel co texto íntegro ou, en todo caso, copia da portada e das páxinas en que figuren os créditos do libro (autor ou editor, editorial, ISBN, data de publicación...) e o índice.

No caso de traballos aceptados para publicación ou en prensa, carta asinada polo editor da revista ou polo responsable da editorial en que se faga constar a aceptación e o estado da publicación. Non se aceptarán correos electrónicos.

2.1.2. Participación en congresos e reunións científicas.

No caso de traballos publicados, pdf ou ben copia en papel do texto íntegro ou, en todo caso, a portada, índice e créditos da editorial e primeira e última páxinas da contribución.

No caso de traballos non publicados, documento que acredite o tipo de participación e pdf ou copia en papel do resumo ou da presentación.

2.2. Proxectos e contratos de investigación.

2.2.1. Participación en proxectos de investigación.

Copia do documento oficial de concesión, así como das páxinas que acrediten a participación da persoa interesada, e que ademais indiquen o tipo de participación, a duración do proxecto e a subvención total concedida, ou ben certificado da universidade ou do centro de investigación onde figuren estes datos.

2.2.2. Participación en contratos de investigación.

Certificado da universidade ou do centro de investigación en que se indique a actividade obxecto do convenio ou do contrato e a súa duración e importe, e en que se acredite a participación da persoa interesada.

2.3. Bolsas e contratos de investigación.

2.3.1. Bolsas e contratos pre e posdoutorais obtidos en convocatorias competitivas.

Copia do contrato ou do documento de concesión por parte do organismo financiador e documentación acreditativa do centro ou institución receptora en que conste a duración efectiva da bolsa ou contrato.

2.3.2. Bolsas e contratos pre e posdoutorais con cargo a proxectos e contratos de investigación.

Copia do contrato e documentación acreditativa da súa duración e da función realizada.

2.4. Patentes, produtos con rexistro de propiedade intelectual e outras actividades de transferencia.

No caso de patentes concedidas, copia dos documentos oficiais de rexistro e concesión, así como, de ser o caso, dos documentos que acrediten a súa explotación.

No caso de patentes non concedidas, copia dos documentos que acrediten a solicitude e o estado de tramitación. En todo caso, para poder ser valorada unha solicitude de patente, esta deberá ter superado algunha fase que supoña un indicio de calidade.

No caso de rexistros da propiedade intelectual e doutras actividades de transferencia, copia dos documentos que os acrediten.

2.5. Estadías en centros de investigación ou outras institucións de educación superior.

Documentación expedida pola autoridade competente do centro receptor en que se constate a realización da estadía, as súas datas de inicio e finalización e a actividade desenvolvida.

De ser o caso, documento de concesión da axuda para a realización da estadía expedido pola entidade financiadora.

2.6. Outros méritos relacionados coa experiencia investigadora.

Certificación ou documentación acreditativa dos méritos alegados.

3. Traxectoria docente.

3.1. Dedicación docente.

3.1.1. Docencia en titulacións universitarias oficiais.

Certificación da universidade, asinada pola autoridade que teña esta función (en xeral a Secretaría Xeral), onde se expliciten a categoría docente dos postos ocupados, as datas de inicio e fin de cada un deles, o réxime de dedicación e as materias impartidas no marco de titulacións oficiais. No caso de que a certificación sexa asinada por delegación (vicerreitores, decanos/directores de centro, secretario do centro, xefe de servizo...), deberase facer constar este aspecto no certificado correspondente.

3.1.2. Docencia en ensino oficial non universitario.

Acreditación do organismo público (mediante certificado dos servizos prestados) ou privado (mediante copia do contrato e documento da Seguridade Social ou equivalente) en que se recolla a actividade docente desenvolvida, a categoría profesional e as datas de realización. Só será computable a ensinanza impartida na educación regrada que conduza á expedición de títulos oficiais.

3.1.3. Dirección de traballos académicos.

Certificación expedida polo órgano competente da universidade en que consten o número de traballos dirixidos ou codirixidos, o tipo de traballo a que corresponde cada un, a función realizada e a data de presentación.

3.2. Calidade da actividade docente (avaliacións positivas da actividade docente, elaboración de materiais docentes orixinais, participación en proxectos de innovación docente, etc.).

No caso de publicacións impresas, pdf ou ben copia ou exemplar en papel do texto íntegro ou, en todo caso, copia da primeira e da última páxinas. Se non figura na primeira páxina a información relativa ao título e número da revista ou ao título do volume, engadiranse copias das páxinas do índice ou da portada en que figuren o ISSN ou o ISBN, segundo corresponda.

No caso de material en soporte electrónico, ligazón á páxina correspondente ou pdf ou copia impresa do índice e dos créditos.

3.3. Calidade da formación docente (participación ou impartición de actividades de formación docente universitaria, estadías en centros docentes, etc.).

No caso de participación ou impartición de actividades de formación docente universitaria, documentación acreditativa expedida polo órgano competente da universidade en que consten a actividade realizada e a súa duración.

No caso de estadías docentes, documentación expedida pola autoridade competente do centro receptor en que se constate a realización da estadía, as súas datas de inicio e finalización e a actividade desenvolvida.

Certificación ou documentación acreditativa dos restantes méritos alegados.

3.4. Outros méritos relacionados coa traxectoria docente.

Certificación ou documentación acreditativa dos méritos alegados.

4. Experiencia asistencial (exclusivamente para prazas con vinculación asistencial).

5. Outros méritos relevantes para a praza.

5.1. Participación na xestión académica e na difusión da cultura universitaria.

Certificación do exercicio de cargos unipersoais recollidos no catálogo aprobado polo Consello de Goberno da USC (ou equivalentes doutras universidades) en que se acrediten as actividades de xestión realizadas e as datas de realización.

5.2. Mobilidade.

Certificación ou documentación acreditativa da mobilidade realizada.

5.3. Coñecemento de idiomas estranxeiros.

Certificación do organismo público ou privado en que se acredite este coñecemento.

5.4. Acreditación ou habilitación para unha figura de categoría superior á da praza en concurso.

Certificado de acreditación expedido pola axencia correspondente.

5.5. Outros.

Certificación ou documentación acreditativa dos méritos alegados.