Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Martes, 20 de decembro de 2022 Páx. 64702

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2022 pola que se convoca concurso de acceso a prazas de corpos docentes universitarios.

De conformidade co establecido no artigo 62 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril (en diante, LOU); nos reais decretos 1312/2007, modificado polo Real decreto 415/2015, do 29 de maio, e 1313/2007, do 5 de outubro, que regulan, respectivamente, a acreditación nacional para o acceso aos corpos docentes universitarios e o réxime dos correspondentes concursos de acceso; nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (no sucesivo, Estatutos da USC), aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro (DOG do 12 de febreiro), e no Regulamento para a selección de profesorado con vinculación permanente (en diante, Regulamento), aprobado polo Acordo do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela do 27 de setembro de 2019.

En cumprimento do Acordo do Consello de Goberno desta universidade do 29 de novembro de 2022, e unha vez aprobadas e publicadas as ofertas de emprego público correspondentes aos anos 2021 e 2022, esta reitoría, no exercicio das competencias atribuídas polos artigos 20 da LOU e 85 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, resolve convocar os concursos de acceso que se relacionan no anexo I desta convocatoria e que corresponden a 3 prazas de profesorado titular de universidade incluídas nas ofertas de emprego público de 2021 e de 2022. Dúas delas corresponden á oferta de emprego público de 2022 dentro da reserva de prazas para a incorporación de persoal investigador do programa Ramón y Cajal e doutros programas de excelencia nacionais ou internacionais que obtivesen o certificado I3. A terceira delas pertence á oferta de emprego público de 2021 e correspóndelle a unha praza xa convocada, pero cuxa proposta de provisión foi anulada pola Resolución do 20 de xuño de 2022.

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Estes concursos rexeranse polo disposto na LOU e no Real decreto 1312/2007, modificado polo Real decreto 415/2015, do 29 de maio, e o Real decreto 1313/2007, do 5 de outubro, que regulan, respectivamente, a acreditación nacional para o acceso aos corpos docentes universitarios e o réxime dos correspondentes concursos de acceso. Ademais, regularanse polo disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPACAP); na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, LRXSP); no Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social; nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela; no Regulamento; nas bases desta convocatoria e, con carácter supletorio, polo previsto na lexislación xeral de funcionarios civís do Estado.

1.2. As referencias que para cada posto de traballo se conteñan nesta convocatoria en relación coas obrigas docentes e de investigación que deberán asumir as persoas adxudicatarias non suporán en ningún caso para quen obteña estes postos un dereito de vinculación exclusiva a esas actividades, nin limitarán a competencia da Universidade para asignarlles distintas obrigas docentes e investigadoras. Do mesmo modo, a referencia ao centro en que se deberá desenvolver a actividade docente non suporá o dereito a non exercer actividade docente ou investigadora noutro centro dependente da propia universidade, aínda no caso de que radique en localidade distinta.

1.3. Cando os prazos a que se fai referencia nesta convocatoria se expresen en días, entenderase que estes son hábiles, excluíndose do cómputo os sábados e domingos e os declarados festivos, de acordo co disposto no artigo 30 da LPACAP. Consideraranse festivos para estes efectos os festivos locais tanto de Santiago de Compostela como de Lugo, ampliándose en calquera caso en ambos os campus o prazo establecido por un número de días igual ao dos festivos existentes.

1.4. Esta convocatoria comprende un concurso independente de cada unha das prazas convocadas.

1.5. O prazo máximo para a resolución do concurso será de catro meses contados a partir da data de publicación da convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Requisitos de carácter xeral que deberán reunir para poder participar nestas probas selectivas:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún Estado membro da Unión Europea ou país estranxeiro que, de acordo co disposto no artigo 57 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se proba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e no artigo 89 e a disposición adicional décimo primeira da LOU, permita o acceso ao emprego público.

b) Cumprir os requisitos mínimos e máximos de idade legalmente establecidos para o acceso á Administración pública.

c) Estar en posesión do título de doutor e da acreditación pertinente para o corpo de que se trate, de conformidade co establecido no Real decreto 1312/2007; cumprir os requisitos establecidos no artigo 4 do Real decreto 1313/2007, e no caso de ser funcionario/a do mesmo corpo, non estar incurso na prohibición do punto 4 do artigo 9 deste real decreto.

As persoas acreditadas que sexan nacionais doutros Estados non membros da Unión Europea poderán tomar parte nos concursos de acceso e, de ser o caso, acceder á función pública cando o Estado da súa nacionalidade recoñeza aptitude legal aos/ás españois/españolas para ocupar na docencia universitaria posicións análogas ás dos/das funcionarios/as docentes na universidade española.

d) Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

e) Acreditar, unha vez nomeados/as funcionarios/as, un nivel de coñecemento das dúas linguas oficiais na Universidade de Santiago de Compostela, de conformidade co establecido na lexislación vixente.

f) Non ter sido despedido ou separado mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin estar na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se tratase de acceder á mesma categoría profesional a que pertencía.

No caso de nacionais doutros Estados, non estar inhabilitado ou en situación equivalente, nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

g) Aboar as taxas previstas na base 3.5.

2.2. Requisitos de carácter específico.

2.2.1. Para ser admitido nos concursos de acceso a prazas de profesores titulares de universidade incluídas na reserva de prazas para a incorporación de investigadores do programa Ramón y Cajal e doutros programas de excelencia, será necesario acreditar a obtención do certificado I3 no marco do programa Ramón y Cajal ou dun programa de excelencia de entre os recoñecidos para estes efectos pola Secretaría Xeral de Universidades.

2.2.2. As persoas aspirantes que teñan recoñecida legalmente unha discapacidade igual ou superior ao 33 % e opten por unha praza reservada para persoas con discapacidade deberán achegar unha fotocopia do certificado en vigor que acredite o recoñecemento da discapacidade de que se trate. En caso de precisar algunha adaptación, e co obxecto de que se poida garantir a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade e adoptar as medidas oportunas, achegarase xunto coa solicitude de participación no concurso un escrito en que se soliciten as adaptacións de tempo e medios correspondentes.

No caso de que os aspirantes a que se refire este parágrafo non soliciten as adaptacións no momento de presentaren a solicitude de participación ao concurso, entenderase que non as precisan ou que renuncian a elas, sen que se poida expoñer solicitude en ningún outro momento posterior do procedemento.

Á vista das propostas de adaptación efectuadas, o reitor ou persoa en quen delegue determinará as medidas de adaptación ás necesidades das persoas con discapacidade que fosen admitidas ao concurso e así o solicitaran.

2.3. A posesión de todos os requisitos estará referida sempre á data de expiración do prazo de presentación de solicitudes de participación e deberase manter ao longo de todo o proceso selectivo, excepto no caso sinalado no punto 2.e), que poderán acreditar as persoas candidatas propostas nos termos establecidos no punto 9.1 desta convocatoria.

3. Solicitudes.

3.1. As persoas que desexen participar nesta convocatoria deberán presentar a súa solicitude, acompañada da documentación correspondente en formato PDF, unicamente por medios electrónicos, a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da USC (https://sede.usc.es/sede/publica/catalogo/procedemento/126/ver.htm). Para realizar a inscrición as persoas interesadas deberán empregar os medios de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da USC (https://sede.usc.es/sede/publica/informacion/aspectosTecnicos.htm).

No caso de que desexen participar en máis dun concurso, deberán presentar unha solicitude e a documentación acreditativa independente para cada un deles e cubrir os formularios electrónicos citados anteriormente. Non presentar a solicitude electrónica será causa de exclusión e non se poderá reparar no prazo establecido na base 5.2 desta convocatoria.

Será requisito imprescindible para participar en calquera das prazas a concurso que as persoas aspirantes, no acto de presentación, fagan entrega ao/á presidente/a da Comisión, en formato electrónico, dunha copia do seu curriculum vitae e do seu proxecto investigador. No mesmo acto deberase entregar, igualmente, a documentación acreditativa dos méritos alegados, que se poderá presentar en formato electrónico ou ben en papel.

3.2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia presentada.

A inexactitude, falsidade ou omisión de carácter esencial de calquera dato ou información na declaración, así como a non presentación da documentación cando lle sexa requirida, determinará a non selección e/ou a non formalización do nomeamento, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que proceda.

3.3. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, aquelas persoas con necesidades específicas derivadas de alteracións físicas, psíquicas ou sensoriais cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar as medidas ou os recursos adicionais necesarios para desenvolver o procedemento selectivo conforme se describe no punto 2.2.2.

Quen solicite proba adaptada deberao facer constar expresa e motivadamente no momento da inscrición.

3.4. As solicitudes deberán presentarse no prazo de quince días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

3.5. Dereitos de exame.

As persoas aspirantes deberán aboarlle á USC, por cada concurso en que soliciten participar, a cantidade de 44,17 euros en concepto de dereitos de exame.

Estarán exentas do pagamento da totalidade da taxa por dereitos de exame aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % e as que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Gozarán dunha bonificación do 50 % da taxa por dereitos de exame as persoas que sexan membros de familias numerosas de categoría xeral e as que figurasen como demandantes de emprego desde polo menos seis meses antes da data de publicación desta convocatoria, e non perciban prestación ou subsidio por desemprego.

Todas as circunstancias que supoñen unha bonificación total ou parcial das taxas por dereitos de exame deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, achegando copia da cualificación do grao de discapacidade ou do carné de familia numerosa, segundo corresponda. As relativas á condición de demandante de emprego, así como o feito de non percibir prestación ou subsidio por desemprego, deberanse acreditar mediante certificados expedidos polo Servizo Público de Emprego.

A persoa solicitante deberá realizar a liquidación de taxas na aplicación informática e o seu aboamento a través dun dos seguintes medios:

1) Pagamento a través do impreso de autoliquidación. Para iso, deberá seleccionar esta opción no formulario electrónico, imprimir o documento de pagamento e realizar o ingreso na entidade bancaria.

2) Pagamento electrónico mediante tarxeta de crédito. Para iso, deberá seleccionar esta opción no formulario electrónico e realizar o pagamento a través da pasarela bancaria a que se dea acceso a través da aplicación informática.

En ningún caso a presentación e pagamento da taxa suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude. Entenderase como defecto non emendable non realizar o pagamento dentro do prazo de presentación de solicitudes.

Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen a totalidade dos dereitos de exame dentro do prazo de presentación de solicitudes. No caso de que as persoas aspirantes se acollesen a unha exención ou bonificación e non xustifiquen ese aspecto, de non o teren feito con anterioridade, no prazo de reposición de documentación, serán excluídas do procedemento por non teren feito o pagamento da totalidade das taxas dentro do prazo de presentación de solicitudes.

Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer constar a entidade bancaria e o seu número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figurar estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

Para calquera aclaración ou información sobre a tramitación electrónica, as persoas solicitantes poderanse poñer en contacto co Centro de Atención aos/ás Usuarios/as seguindo o procedemento indicado na páxina http://www.usc.gal/gl/servizos/atic/cau/

No caso de non poder formalizar a solicitude mediante o formulario electrónico dentro dos prazos establecidos e sempre que o motivo sexa por causas técnicas non imputables ao interesado que imposibiliten o funcionamento ordinario da web, estarase ao que a USC estableza nesta materia para tal fin.

4. Documentación acreditativa de requisitos e méritos. Momento de presentación.

4.1. Acreditación de requisitos de carácter xeral.

Xunto coa solicitude, e sempre a través do formulario electrónico mencionado no punto 3.1, presentarase a seguinte documentación:

a) Copia dixitalizada en formato PDF do documento nacional de identidade, pasaporte ou documento acreditativo da nacionalidade.

As/os descendentes e descendentes do cónxuxe non separado de dereito deberán presentar, ademais, os documentos acreditativos do vínculo de parentesco e, de ser o caso, do feito de viviren expensas ou estaren a cargo dun nacional dun Estado membro da Unión Europea ou doutros Estados, cando así o estableza un tratado internacional subscrito pola Unión Europea e ratificado por España, co cal teña o dito vínculo. A acreditación realizarase por medio de certificados expedidos polas autoridades competentes do seu país de orixe, traducidos a algunha das linguas oficiais da USC.

b) Copia dixitalizada en formato PDF dos documentos que acrediten o cumprimento dos requisitos que se sinalan na alínea c) da base 2.1 e na base 2.2. No suposto de ser profesor/a dunha praza de igual categoría, certificación acreditativa do seu desempeño.

4.2. Acreditación de requisitos de carácter específico.

Os aspirantes a prazas correspondentes ás prazas do corpo de profesores titulares de universidade incluídas na reserva do 15 % para o persoal investigador do programa Ramón y Cajal e doutros programas de excelencia nacionais ou internacionais que obtivesen o certificado I3, deberán presentar copia dixitalizada do certificado I3 obtido no marco do programa Ramón y Cajal ou dun programa de excelencia nacional ou internacional recoñecido para estes efectos pola Secretaría Xeral de Universidades.

As persoas candidatas que pertenzan á Universidade de Santiago de Compostela só deberán presentar os documentos a que se refire este punto que non consten no seu expediente persoal.

Non presentar os documentos especificados nos puntos citados será causa de exclusión, que se deberá emendar no prazo establecido na base 5.2 desta convocatoria.

5. Admisión de aspirantes.

5.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, nun prazo máximo de dez días hábiles, a Vicerreitoría de Profesorado publicará unha resolución que aprobe a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos no taboleiro electrónico da USC (https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm).

5.2. Contra esta resolución, e nun prazo máximo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico da USC, as persoas interesadas poderán interpoñer unha reclamación ante o reitor para emendar os defectos que motivaron a exclusión ou omisión da dita lista. Se non o fan, serán excluídos definitivamente do proceso selectivo sen teren dereito á devolución das taxas aboadas.

5.3. Para emendar os defectos que motivaron a exclusión ou omisión a persoa aspirante deberá realizar o trámite a través da aplicación de concursos incorporando no punto correspondente a documentación requirida e/ou formular as alegacións que considere pertinentes.

5.4. Rematado o prazo para emendar os defectos que motivaron a exclusión ou omisión das persoas aspirantes, a Vicerreitoría de Profesorado publicará, no prazo máximo de dez días hábiles, a lista definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, no lugar indicado na base 5.1. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade cos artigos 46 e 8.2.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o órgano que a ditou.

5.5. A inclusión na lista definitiva de admitidos/as non prexulga o cumprimento dos requisitos normativamente exixidos para ser nomeado/a funcionario/a de carreira. A posesión dos requisitos exixidos terá que acreditarse no seu momento.

6. Comisións de selección.

6.1. A composición das comisións de selección é a que figura no anexo II desta convocatoria. De acordo co establecido no artigo 6.4 do Real decreto 1313/2007, do 5 de outubro, o curriculum vitae dos membros da Comisión de Selección poderán ser consultados polas persoas interesadas, durante o tempo que dure o proceso, na páxina web da USC (http://www.usc.gal/gl/servizos/profesorado/Prazas-PDI/funcionarios.html).

6.2. Para a constitución e actuación das comisións aplicarase o disposto no Regulamento para a selección de profesorado con vinculación permanente da USC. Os membros das comisións deberán absterse de actuar, e as persoas interesadas poderán recusalos, en calquera momento do procedemento, cando concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 23 da LRXSP.

6.3. Unha vez resoltas a renuncia, abstención ou recusación que se puideran ter presentado, as persoas afectadas serán substituídas polos/as respectivos/as suplentes. No suposto de que tamén no membro suplente de que se trate concorra algunha das circunstancias de impedimento citadas anteriormente, a súa substitución farase por orde correlativa de nomeamento entre os membros suplentes.

6.4. As comisións de selección constituiranse no prazo máximo de tres meses desde o día seguinte ao da data de publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado. Para isto, a persoa titular da Presidencia da Comisión, logo de consultar cos restantes membros, convocará os membros titulares e, de ser o caso, os suplentes, para proceder ao acto de constitución da Comisión, con indicación do lugar e a data. Ademais, o/a presidente/a deberá informar as persoas candidatas admitidas acerca do acto de constitución e convocalas para o acto de presentación de candidaturas, que deberá ter lugar con posterioridade á constitución da Comisión e á aprobación dos criterios de valoración dos méritos. A convocatoria para o acto de presentación de candidaturas realizarase a través do taboleiro electrónico, e incluirá o lugar, a data e a hora de realización.

No acto de constitución, a Comisión de Selección aprobará e publicará no taboleiro electrónico da USC os criterios de valoración dos méritos e os criterios para o acceso das persoas aspirantes ás distintas fases. En todo caso, a puntuación exixida para superar cada unha das fases non poderá ser superior ao 50 % da cualificación máxima asignada. Polo demais, os criterios deberán axustarse ás pautas que se indican nos baremos recollidos no anexo III.

6.5. O acto de constitución e a aprobación dos criterios de valoración poderase realizar de maneira presencial ou telemática.

7. Desenvolvemento dos concursos.

7.1. Acto de presentación.

7.1.1. A orde de actuación das persoas aspirantes a prazas seguirá a ordenación alfabética por apelido a partir da letra T, de conformidade co establecido na Resolución do 28 de xaneiro de 2022, da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia (DOG do 4 de febreiro).

7.1.2. No acto de presentación, que será público, as persoas candidatas ás prazas dos corpos de profesor/a titular de universidade entregaranlle ao/á presidente/a da Comisión unha copia en formato electrónico do seu curriculum vitae e a documentación acreditativa dos méritos alegados.

O curriculum vitae deberá axustarse no posible ao modelo de currículo do aspirante publicado na páxina do Catálogo de procedementos da USC (https://sede.usc.es/sede/publica/catalogo/procedemento/126/ver.htm) e na web do Servizo de Planificación de PDI da USC. En calquera caso, será posible tamén presentar o curriculum vitae noutro formato, preferentemente normalizado.

A documentación acreditativa dos méritos alegados poderase presentar en formato electrónico ou en papel e segundo os requisitos establecidos no anexo IV desta convocatoria.

No caso de que as persoas aspirantes opten pola presentación en formato electrónico da documentación acreditativa de méritos, esta deberase organizar en carpetas ordenadas seguindo a estrutura do curriculum vitae.

Se se opta pola presentación en papel, o exemplar da documentación acreditativa terá que ordenarse seguindo a estrutura do curriculum vitae. Recoméndase que os documentos estean numerados en cada unha das páxinas e encadernados ou suxeitos de calquera outro modo que os manteña unidos de maneira sólida e impida a perda da documentación. Os libros e outros materiais non encadernables deberán presentarse en arquivadores ou similares, numerados, no caso de que se entregue máis dun, e identificados co número do concurso e o nome do aspirante. Co fin de facilitar a súa localización, recoméndase que en cada un dos méritos relacionados no curriculum vitae se indique o número de orde da carpeta ou do arquivador que os contén.

7.1.3. No mesmo acto de presentación as persoas aspirantes entregaranlle ao/á presidente/a, ademais do curriculum vitae e a documentación recollida no punto 7.1.2, o proxecto de actividades docentes, así como o proxecto investigador que desenvolverán no caso de serlles outorgada a praza. Os proxectos citados neste punto deberanse presentar en formato electrónico.

O proxecto de actividades docentes terá unha extensión máxima de 100.000 caracteres (espazos incluídos) e deberase referir á materia indicada no anexo I como perfil da praza ou, cando neste indique «materias da área», a unha materia obrigatoria ou de formación básica adscrita á área de coñecemento de que se trate, das cursadas para a obtención de títulos de carácter oficial de grao ou equivalente na USC. O proxecto deberá recoller, polo menos, os seguintes aspectos: datos descritivos da materia, sentido da materia no plan de estudos, obxectivos, desenvolvemento do temario, metodoloxía de ensino-aprendizaxe, bibliografía e criterios de avaliación. As persoas aspirantes deberán entregarlle ao/á presidente/a da Comisión de Selección unha copia do texto nun formato electrónico que permita verificar o cumprimento do requisito relativo á extensión.

O proxecto investigador terá unha extensión máxima de 50.000 caracteres (espazos incluídos) e deberase referir ao proxecto que desenvolverá a persoa solicitante no caso de serlle outorgada a praza. As persoas aspirantes deberán entregarlle ao/á presidente/a da Comisión de Selección unha copia do texto nun formato electrónico que permita verificar o cumprimento do requisito relativo á extensión.

7.1.4. Non serán valorados os proxectos de actividades docentes e os proxectos investigadores que incumpran os requisitos de extensión fixados.

7.1.5. O/a secretario/a da Comisión garantirá que a documentación entregada polas persoas concursantes poida ser consultada antes do inicio das probas por todas as persoas candidatas presentadas que o desexen.

7.1.6. As probas deberán comezar nun prazo máximo de dez días desde o acto de presentación.

7.1.7. No acto de presentación, os membros da Comisión de Selección poderán actuar a través de sistemas de videoconferencia. No lugar de realización do acto deberá estar presente, ademais das persoas aspirantes, como mínimo un membro da Comisión.

7.2. Realización das probas.

7.2.1. Os concursos de acceso ás prazas do corpo de profesorado titular de universidade constarán de dúas probas, que serán públicas, cada unha delas de carácter eliminatorio:

a) A primeira proba terá unha valoración máxima de 100 puntos e consistirá na exposición e defensa oral dos méritos e historial académico, docente, investigador, de xestión e, se é o caso, sanitario-asistencial de cada persoa candidata. A exposición non poderá exceder os noventa minutos, e irá seguida dun debate coa Comisión durante un tempo máximo de dúas horas.

No caso de que exista unha única persoa aspirante, a Comisión, logo de analizar a documentación presentada por esta, se considera por unanimidade que resulta suficiente para a superación da proba, poderá eximila da exposición oral e posterior debate.

Rematada a proba, cada membro da Comisión emitirá un informe razoado e axustado aos criterios de valoración previamente fixados.

A persoa que presida a Comisión de Selección publicará no taboleiro electrónico da USC a lista da/das persoa/s candidata/s que superaron a primeira proba e a convocatoria para a realización da segunda proba.

b) A segunda proba consistirá na exposición oral, en sesión pública, do proxecto de actividades docentes e do proxecto investigador, durante un tempo máximo de noventa minutos. Seguidamente a Comisión debaterá coa persoa aspirante á praza sobre os contidos da súa exposición durante un tempo máximo de dúas horas.

Rematada a proba, cada membro da Comisión emitirá un informe razoado e axustado aos criterios de valoración previamente fixados.

O proxecto de actividades docentes e o proxecto investigador terán unha valoración máxima de 50 puntos cada un.

c) A puntuación final de cada aspirante será o resultado da suma das puntuacións obtidas na primeira e na segunda proba.

7.2.2. Nestas probas, os membros da Comisión de Selección poderán actuar a través de sistemas de videoconferencia. Non obstante, no lugar de realización das probas deberá estar presente fisicamente, ademais das persoas aspirantes, cando menos un membro da Comisión.

8. Proposta de provisión.

8.1. De acordo coas valoracións e informes realizados, no prazo máximo de cinco días desde o seguinte ao de finalización da última proba, a Comisión elaborará unha proposta de provisión, que incluirá a relación de todas as persoas candidatas que sexan consideradas aptas para ocupar a praza, ordenadas pola puntuación final acadada no proceso (de maior a menor). No caso de que ningunha das persoas candidatas acade a puntuación mínima establecida nos criterios, a Comisión elaborará unha proposta de non provisión. Esta proposta farase pública no taboleiro electrónico da Universidade.

Unha vez publicada, a Comisión de Selección remitirá o expediente completo ao Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador, xunto coa xustificación documental correspondente.

Rematado o procedemento, a documentación das persoas concursantes quedará á súa disposición no Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador, de onde deberán retirala. Non obstante, no caso de interposición de recurso, a documentación non se poderá retirar ata que a resolución impugnada sexa firme, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan realizar copia da documentación para outros efectos.

Transcorridos seis meses desde a finalización do procedemento ou, en caso de ter recurso, desde que a resolución impugnada adquira firmeza, a documentación que non fose retirada será destruída.

8.2. Contra a proposta de provisión as persoas interesadas poderán presentar unha reclamación perante o reitor no prazo de dez días contados desde o seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico. A reclamación será valorada por unha comisión de reclamacións nos termos e de acordo co procedemento establecido no artigo 20 do Regulamento. Admitida a trámite a reclamación, suspenderase o nomeamento ata a súa resolución definitiva.

9. Presentación de documentos e nomeamentos.

9.1. No prazo máximo de vinte días contados desde o seguinte ao da publicación da proposta de provisión, a persoa candidata proposta en primeiro lugar pola Comisión de Selección deberá presentar os seguintes documentos na Vicerreitoría de Profesorado, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 16 da LPACAP, para proceder a efectuar o seu nomeamento como funcionario/a de carreira do corpo de que se trate:

a) Copia compulsada do título académico requirido para a praza para a que foi proposta.

b) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separada mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública nin estar inhabilitada para o exercicio das funcións públicas. As persoas aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar, de conformidade co establecido no artigo 7.2 do Real decreto 543/2001, do 18 de maio, sobre acceso ao emprego público na Administración xeral do Estado e os seus organismos públicos de nacionais doutros Estados aos que é de aplicación o dereito á libre circulación de traballadores/as, que non están sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

c) Acreditación do requisito exixido na base 2.d) de non padecer enfermidade nin estar afectada por limitación física ou psíquica que impida o desempeño das funcións correspondentes a profesor/a de universidade, mediante a certificación médica oficial ou o informe de saúde emitido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

d) Acreditación do requisito exixido na base 2.e), que se deberá axustar ao seguinte:

As persoas candidatas propostas para ocupar o posto de profesor/a titular de universidade deberán acreditar o coñecemento das dúas linguas oficiais na Universidade de Santiago de Compostela, de conformidade co establecido na lexislación vixente. O coñecemento do español acreditarase mediante certificado de lingua española como lingua estranxeira de nivel B2 ou superior. As persoas que sexan nacionais de Estados que teñen o español como lingua oficial non terán que acreditar o seu coñecemento. A acreditación do coñecemento do idioma galego farase mediante o certificado de lingua galega Celga 3 ou equivalente.

De non acreditar o coñecemento das linguas oficiais da USC antes da toma de posesión, a persoa candidata proposta terá un prazo máximo dun ano para facelo a través dos documentos citados no parágrafo anterior. De non ser así, a USC realizaralle ao/á candidato/a proposto/a unha proba específica, que terá lugar antes de que transcorran dous anos desde a toma de posesión.

9.2. Aquelas persoas que tivesen a condición de funcionarios/as públicos/as de carreira en activo estarán exentos/as de presentar os documentos mencionados nas alíneas b) e c) do número 9.1. No seu lugar, deberán presentar certificación da Administración de que dependan, acreditativa da súa condición de funcionarios/as e de cantas circunstancias consten na súa folla de servizos.

As persoas candidatas que pertenzan á Universidade de Santiago de Compostela só deberán presentar aqueles documentos a que se refire o número 9.1 que non consten no seu expediente persoal.

9.3. O reitor da Universidade de Santiago de Compostela efectuará o nomeamento como funcionario/a de carreira da persoa candidata proposta en primeiro lugar pola Comisión, unha vez que esta presente en prazo a documentación exixida no número 1 desta base. No caso de que a primeira persoa candidata proposta non acredite en tempo e forma os aspectos sinalados no parágrafo anterior, o reitor procederá, de forma sucesiva, ao nomeamento das seguintes persoas candidatas propostas segundo a orde establecida pola Comisión de Selección, logo de acreditación por estas dos mencionados requisitos en idéntico prazo de vinte días.

9.4. Os nomeamentos, que especificarán a denominación da praza con indicación da área de coñecemento e do corpo a que pertence, serán publicados no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia e comunicados aos rexistros correspondentes para os efectos do outorgamento do número de Rexistro de Persoal e da inscrición no corpo respectivo, así como ao Consello de Universidades.

9.5. No prazo máximo de vinte días, contados desde o día seguinte ao de publicación do nomeamento no Boletín Oficial del Estado, a persoa candidata proposta deberá tomar posesión do seu destino, momento en que adquirirá a condición de funcionario/a de carreira do corpo docente universitario de que se trate. No momento da toma de posesión a persoa candidata deberá presentar declaración de non estar afectada de incompatibilidade, ou opción no caso de ter outro traballo no sector público.

Estes documentos deberán presentarse en:

• Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador-Colexio de San Xerome-Santiago de Compostela, se a praza se convocou para Santiago de Compostela.

• Vicexerencia-Edificio Biblioteca Intercentros-Lugo, se a praza se convocou para Lugo.

10. Norma derradeira.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente poderase interpoñer recurso de reposición ante o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, sen que neste caso se poida interpoñer o recurso contencioso-administrativo antes mencionado ata a resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Relación de prazas

Nº de concurso: 133T/22.

Nº de prazas: 1 (C01958).

Área de coñecemento: Química Orgánica.

Departamento: Química Orgánica.

Perfil: Química para a Bioloxía (G1021103).

Centro: Facultade de Bioloxía.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: 135T/22.

Nº de prazas: 1 (C01921).

Área de coñecemento: Química Orgánica.

Departamento: Química Orgánica.

Perfil: Química Farmacéutica I (G2081322).

Centro: Facultade de Farmacia.

Localidade: Santiago de Compostela.

(*) Centro onde se realizará con carácter preferente a actividade.

ANEXO II

Comisións de selección

Nº de concurso

133T/22

Corpo

Profesor/a titular de universidade

Área de coñecemento

Química Orgánica

Comisión titular

Presidente

Granja Guillán, Juan Ramón

T

Catedrático de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

Secretario

Fernández Megía, Eduardo

T

Catedrático de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

1ª vogal

López Estévez, Susana

T

Profesora titular de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

2ª vogal

López Ram de Viu, María Pilar

T

Profesora titular de universidade

Universidade de Zaragoza

3ª vogal

Parra Álvarez, Margarita

T

Catedrática de universidade

Universidade de Valencia

Comisión suplente

Presidente

Mascareñas Cid, José Luis

T

Catedrático de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

Secretario

Fernández Masaguer, Jorge Christian

T

Profesor titular de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

1ª vogal

Pérez Meirás, María Dolores

T

Catedrática de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

2ª vogal

Sotomayor Anduiza, María Nuria

T

Catedrática de universidade

Universidade do País Vasco

3º vogal

Pons Valles, Miquel

T

Catedrático de universidade

Universidade de Barcelona

Nº de concurso

135T/22

Corpo

Profesor/a titular de universidade

Área de coñecemento

Química Orgánica

Comisión titular

Presidente

Blanco Fernández, José Manuel

T

Profesor titular de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

Secretaria

Torneiro Abuín, Mercedes

T

Profesora titular de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

1º vogal

Paz Castañal, Manuel María

T

Profesor titular de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

2º vogal

Berna Canovas, José

T

Profesor titular de universidade

Universidade de Murcia

3ª vogal

Gómez Neo, Ana María

T

Profesora titular de universidade

Universidade de Extremadura

Comisión suplente

Presidenta

Paleo Pillado, María Rita

T

Profesora titular de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

Secretario

García Suárez, Luis Alberto

T

Profesor titular de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

1ª vogal

González Bello, Concepción

T

Catedrática de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

2º vogal

Rubio Royo, Eduardo

T

Catedrático de universidade

Universidade de Oviedo

3ª vogal

Aleu Casatejada, Josefina

T

Profesora titular de universidade

Universidade de Cádiz

ANEXO III

Baremo para a valoración dos méritos e do historial
das persoas candidatas

Anexo III.1. Profesorado titular.

1. Traxectoria investigadora e de transferencia (máximo de 55 puntos; 45 no caso de prazas con vinculación asistencial). Nesta epígrafe valoraranse, entre outros, os seguintes aspectos:

1.1. Difusión da actividade investigadora.

1.1.1. Publicacións científicas.

1.1.2. Participación en congresos e reunións científicas.

1.2. Proxectos e contratos de investigación.

1.2.1. Participación en proxectos de investigación.

1.2.2. Participación en contratos de investigación.

1.3. Bolsas e contratos de investigador.

1.3.1. Bolsas e contratos pre e posdoutorais obtidos en convocatorias competitivas.

1.3.2. Bolsas e contratos pre e posdoutorais con cargo a proxectos e contratos de investigación.

1.4. Patentes, produtos con rexistro de propiedade intelectual e outras actividades de transferencia.

1.5. Estadías en centros de investigación ou outras institucións de educación superior.

1.6. Outros méritos relacionados coa experiencia investigadora.

2. Traxectoria docente (máximo de 40 puntos; 25 no caso de prazas con vinculación asistencial). Nesta epígrafe valoraranse, entre outros, os seguintes aspectos:

2.1. Dedicación docente.

2.1.1. Docencia en titulacións universitarias oficiais.

2.1.2. Docencia en ensinanza oficial non universitaria.

2.1.3. Dirección de traballos académicos.

2.2. Calidade da actividade docente (avaliacións positivas da actividade docente, elaboración de materiais docentes orixinais, participación en proxectos de innovación docente, etc.).

2.3. Calidade da formación docente (participación ou impartición de actividades de formación docente universitaria, estadías en centros docentes, etc.).

2.4. Outros méritos relacionados coa traxectoria docente.

3. Experiencia asistencial (máximo 25 puntos, só para prazas con vinculación asistencial).

4. Outros méritos relevantes para a praza (máximo 5 puntos).

4.1. Participación na xestión académica e na difusión da cultura universitaria.

4.2. Mobilidade.

4.3. Coñecemento de idiomas estranxeiros.

4.4. Acreditación ou habilitación para unha figura de categoría superior á da praza en concurso.

4.5. Outros.

ANEXO IV

Acreditación dos méritos

As comisións de selección poderán admitir e valorar os méritos alegados polos/as candidatos/as sempre que, ao seu xuízo, os documentos presentados non ofrezan dúbidas sobre a súa autenticidade e permitan acreditar de xeito fidedigno os datos necesarios para a valoración de mérito concreto. De utilizaren esta facultade, as comisións de selección deberano facer constar na acta de valoración.

1. Traxectoria investigadora e de transferencia.

1.1. Difusión da actividade investigadora.

1.1.1. Publicacións científicas.

No caso de artigos e capítulos de libros, pdf, ou ben copia ou exemplar en papel, do texto íntegro ou, en todo caso, copia da primeira e da última páxina. Se non figura na primeira páxina a información relativa ao título e número da revista ou ao título do volume, engadiranse copias das páxinas do índice ou da portada en que figuren o ISSN o ISBN, segundo corresponda.

No caso de libros, pdf, ou ben exemplar en papel, co texto íntegro ou, en todo caso, copia da portada e das páxinas en que figuren os créditos do libro (autor ou editor, editorial, ISBN, data de publicación...) e o índice.

No caso de traballos aceptados para publicación ou en prensa, carta asinada polo editor da revista ou polo responsable da editorial, en que se faga constar a aceptación e o estado da publicación. Non se aceptarán correos electrónicos.

1.1.2. Participación en congresos e reunións científicas.

No caso de traballos publicados, pdf, ou ben copia en papel, do texto íntegro ou, en todo caso, a portada, índice e créditos da editorial e primeira e últimas páxinas da contribución.

No caso de traballos non publicados, documento que acredite o tipo de participación e pdf ou copia en papel do resumo ou da presentación.

1.2. Proxectos e contratos de investigación.

1.2.1. Participación en proxectos de investigación.

Copia do documento oficial de concesión, así como das páxinas que acrediten a participación da persoa interesada, e que ademais indiquen o tipo de participación, a duración do proxecto e a subvención total concedida, ou ben certificado da Universidade ou do centro de investigación onde figuren estes datos.

1.2.2. Participación en contratos de investigación.

Certificado da Universidade ou do centro de investigación en que se indique a actividade obxecto do convenio ou do contrato e a súa duración e importe, e en que se acredite a participación da persoa interesada.

1.3. Bolsas e contratos de investigación.

1.3.1. Bolsas e contratos pre e posdoutorais obtidos en convocatorias competitivas.

Copia do contrato ou do documento de concesión por parte do organismo financiador e documentación acreditativa do centro ou institución receptora en que conste a duración efectiva da bolsa ou contrato.

1.3.2. Bolsas e contratos pre e posdoutorais con cargo a proxectos e contratos de investigación.

Copia do contrato e documentación acreditativa da súa duración e da función realizada.

1.4. Patentes, produtos con rexistro de propiedade intelectual e outras actividades de transferencia.

No caso de patentes concedidas, copia dos documentos oficiais de rexistro e concesión, así como, de ser o caso, dos documentos que acrediten a súa explotación.

No caso de patentes non concedidas, copia dos documentos que acrediten a solicitude e o estado de tramitación. En todo caso, para poder ser valorada unha solicitude de patente, esta deberá ter superado algunha fase que supoña un indicio de calidade.

No caso de rexistros da propiedade intelectual e doutras actividades de transferencia, copia dos documentos que os acrediten.

1.5. Estadías en centros de investigación ou outras institucións de educación superior.

Documentación expedida pola autoridade competente do centro receptor en que se constate a realización da estadía, as súas datas de inicio e de finalización e a actividade desenvolvida.

De ser o caso, documento de concesión da axuda para a realización da estadía expedido pola entidade financiadora.

1.6. Outros méritos relacionados coa experiencia investigadora.

Certificación ou documentación acreditativa dos méritos alegados.

2. Traxectoria docente.

2.1. Dedicación docente.

2.1.1. Docencia en titulacións universitarias oficiais.

Certificación da Universidade, asinada pola autoridade que teña esta función (en xeral, a Secretaría Xeral), onde se especifique a categoría docente dos postos ocupados, as datas de inicio e fin de cada un deles, o réxime de dedicación e as materias impartidas no marco de titulacións oficiais. No caso de que a certificación sexa asinada por delegación (vicerreitores, decanos/directores de centro, secretario do centro, xefe de servizo,...), deberase facer constar este aspecto no certificado correspondente.

2.1.2. Docencia en ensinanza oficial non universitaria.

Acreditación do organismo público (mediante certificado dos servizos prestados) ou privado (mediante copia do contrato e documento da Seguridade Social ou equivalente) en que se recollan a actividade docente desenvolvida, a categoría profesional e as datas de realización. Só será computable a ensinanza impartida na educación regulada que conduza á expedición de títulos oficiais.

2.1.3. Dirección de traballos académicos.

Certificación expedida polo órgano competente da Universidade en que consten o número de traballos dirixidos ou codirixidos, o tipo de traballo a que corresponde cada un, a función realizada e a data de presentación.

2.2. Calidade da actividade docente (avaliacións positivas da actividade docente, elaboración de materiais docentes orixinais, participación en proxectos de innovación docente, etc.).

No caso de publicacións impresas, pdf, ou ben copia ou exemplar en papel, do texto íntegro ou, en todo caso, copia da primeira e da última páxina. Se non figura na primeira páxina a información relativa ao título e número da revista ou ao título do volume, engadiranse copias das páxinas do índice ou da portada en que figuren o ISSN o ISBN, segundo corresponda.

No caso de material en soporte electrónico, ligazón á páxina correspondente ou pdf ou copia impresa do índice e os créditos.

2.3. Calidade da formación docente (participación ou impartición de actividades de formación docente universitaria, estadías en centros docentes, etc.).

No caso de participación ou impartición de actividades de formación docente universitaria, documentación acreditativa expedida polo órgano competente da Universidade en que consten a actividade realizada e a súa duración.

No caso de estadías docentes, documentación expedida pola autoridade competente do centro receptor en que se constate a realización da estadía, as súas datas de inicio e finalización e a actividade desenvolvida.

Certificación ou documentación acreditativa dos restantes méritos alegados.

2.4. Outros méritos relacionados coa traxectoria docente.

Certificación ou documentación acreditativa dos méritos alegados.

3. Experiencia asistencial (exclusivamente para prazas con vinculación asistencial).

4. Outros méritos relevantes para a praza.

4.1. Participación na xestión académica e na difusión da cultura universitaria.

Certificación do exercicio de cargos unipersoais recollidos no catálogo aprobado polo Consello de Goberno da USC (ou equivalentes doutras universidades) en que se acrediten as actividades de xestión realizadas e as datas de realización.

4.2. Mobilidade.

Certificación ou documentación acreditativa da mobilidade realizada.

4.3. Coñecemento de idiomas estranxeiros.

Certificación do organismo público ou privado en que se acredite este coñecemento.

4.4. Acreditación ou habilitación para unha figura de categoría superior á da praza en concurso.

Certificado de acreditación expedido pola axencia correspondente.

4.5. Outros.

Certificación ou documentación acreditativa dos méritos.