Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Mércores, 14 de decembro de 2022 Páx. 63371

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 29 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de axuda ao alugueiro de vivenda do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2023 (códigos de procedemento VI483A e VI483B).

BDNS (Identif.): 661905.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán beneficiarse das axudas previstas neste programa as persoas físicas maiores de idade que reúnan todos e cada un dos requisitos seguintes:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España.

b) Ser titular, en calidade de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos. Os contratos deberán ter unha duración mínima dun ano e facer mención expresa á referencia catastral da vivenda arrendada.

c) Que a vivenda arrendada constitúa a residencia habitual e permanente da persoa arrendataria, o que se deberá acreditar mediante certificado ou volante de empadroamento, en que consten, á data da solicitude, as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda obxecto do contrato de alugamento.

d) Que a renda mensual da vivenda non supere os importes establecidos no ordinal oitavo destas bases reguladoras.

e) Que a suma total das rendas anuais das persoas que teñan o seu domicilio habitual ou permanente na vivenda arrendada, consten ou non como titulares do contrato de alugamento, sexan iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM. O límite será de 4 veces o IPREM no caso de que a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría xeral ou dentro dela haxa persoas con discapacidade ou vítimas de terrorismo. O límite será de 5 veces o IPREM cando a unidade de convivencia sexa familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con discapacidade cun grao recoñecido igual ou superior ao 33 %.

f) Que os ingresos mínimos da unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,5 veces o IPREM.

g) As persoas beneficiarias deberán atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Non se poderá conceder a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das integrantes da súa unidade de convivencia na vivenda obxecto do contrato de alugamento se atope nalgunha das situacións que a seguir se indican:

a) Ser persoa propietaria ou usufrutuaria dalgunha vivenda en España. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non teren a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa titular ou algunha outra persoa da unidade de convivencia.

b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora.

c) Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora.

d) Ser inquilina dunha vivenda xestionada polo IGVS ou por calquera outra Administración pública.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas ou entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ás cales se lles revogase algunha das axudas previstas neste ou no anterior plan de vivenda por incumprimento ou causa imputable ao solicitante.

Segundo. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión inicial (código de procedemento VI483A) e a renovación (código de procedemento VI483B) das subvencións do Programa de axudas ao alugueiro de vivenda, de conformidade do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o bono alugueiro á mocidade e o Plan estatal para o acceso a vivenda 2022-2025 (en diante, Plan 2022-2025), para facilitar o goce dunha vivenda en réxime de alugamento a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias.

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2023, con carácter plurianual.

3. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.1, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por un importe total de 13.750.000 euros, distribuídos nas seguintes anualidades:

– 2.750.000 euros para a anualidade 2023.

– 2.750.000 euros para a anualidade 2024.

– 2.750.000 euros para a anualidade 2025.

– 2.750.000 euros para a anualidade 2026.

– 2.750.000 euros para a anualidade 2027.

O financiamento desta convocatoria faise con cargo aos fondos finalistas do Estado asignados á anualidade 2023 do Programa de axuda ao alugueiro de vivenda do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Cuarto. Contía e duración das axudas

1. Concederase ás persoas beneficiarias unha axuda do 50 % da renda que deban satisfacer polo alugueiro da súa vivenda habitual e permanente.

2. A contía da axuda recoñecida na resolución de concesión determinarase en función da renda establecida no contrato, sen que en ningún caso o seu importe poida ser incrementado, aínda que a citada renda aumente ao longo da duración do contrato.

3. Se na renda do contrato se incluísen os gastos de comunidade e os seus custos non estivesen desagregados, figurando no contrato unicamente o importe global, para os efectos da determinación da subvención, valorarase o importe dos gastos de comunidade como un 5 % do importe da renda e descontarase do seu total para aplicarlle a porcentaxe de subvención do 50 %.

Así mesmo, se no contrato se incluísen anexos, como garaxes ou rochos, e o prezo de cada un deles non estivese desagregado, figurando no contrato unicamente o importe global, para os efectos da determinación da subvención, valorarase o importe da vivenda como un 80 % do total da renda, cando esta inclúa vivenda e garaxe, 95 % cando se inclúan vivenda e rocho, e 75 % cando se inclúan vivenda, garaxe e rocho.

4. A axuda concederase anualmente e poderá acadar o prazo máximo de cinco anos. Non obstante, para poder desfrutar das anualidades do segundo e posteriores anos deberá solicitarse a renovación anual no prazo que se sinale na resolución de concesión da axuda inicial ou, de ser o caso, da última renovación concedida. Para estes efectos, deberase achegar a documentación especificada no ordinal décimo cuarto.

5. O recoñecemento do dereito da axuda poderá ter carácter retroactivo, se se prevé expresamente na correspondente convocatoria.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 2 de xaneiro de 2023 e terminará o día 5 de maio de 2023 e, en todo caso, ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria.

2. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2022

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo