Mediante a Resolución do 29 de setembro de 2022 establécense as bases reguladoras e convócanse para o ano 2022, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
O número 5 da convocatoria sinala que «O prazo máximo e improrrogable para presentar a xustificación das actividades subvencionadas finalizará o 15 de decembro de 2022 para a primeira anualidade, e o 30 de xuño de 2023 para a segunda. Así mesmo, logo de solicitude motivada da persoa beneficiaria e sempre que sexa autorizada polo órgano que ditou a resolución de concesión, as cantidades non xustificadas na anualidade 2022 poderanse computar e xustificar na anualidade 2023, sempre e cando non fosen susceptibles de perda de dereito ao seu cobramento».
Tendo en conta o longo proceso de avaliación e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar este número 5 da convocatoria e ampliar o prazo de xustificación ata unha data que permita unha mellor xustificación da subvención por parte das persoas beneficiarias.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Axencia e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo único
O número 5 da referida convocatoria queda redactado nos seguintes termos:
«O prazo máximo e improrrogable para presentar a xustificación das actividades subvencionadas finalizará o 30 de decembro de 2022 para a primeira anualidade, e o 30 de xuño de 2023 para a segunda. Así mesmo, logo de solicitude motivada da persoa beneficiaria e sempre que sexa autorizada polo órgano que ditou a resolución de concesión, as cantidades non xustificadas na anualidade 2022 poderanse computar e xustificar na anualidade 2023, sempre e cando non fosen susceptibles de perda de dereito ao seu cobramento».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022
Jacobo José Aboal Viñas
Director da Axencia Galega da Industria Forestal