Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Mércores, 7 de decembro de 2022 Páx. 62569

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 22 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 24 das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Vilanova de Arousa, para a redelimitación do núcleo da Torre.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu Regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 24 das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Vilanova de Arousa, para a redelimitación do núcleo da Torre, mediante a Resolución da directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 15 de novembro de 2022, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón: https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/plans-e-programas-por-tipoloxia?p_p_id=aaeTipology_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeTipology_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2248&_aaeTipology_WAR_aae_id=2248

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2022

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

Resolución de aprobación definitiva da modificación puntual número 24 das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Vilanova de Arousa para a redelimitación do núcleo rural da Torre (PTU-PO-19/100)

O Concello de Vilanova de Arousa remite documentación relativa a esta modificación puntual (MP) de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 78.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e no artigo 191 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu Regulamento (RLSG).

Analizada a documentación redactada polo arquitecto Alejandro Arias Novas e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Vilanova de Arousa conta cunhas normas subsidiarias de planeamento (NNSSP) aprobadas definitivamente o día 14.3.1997 e publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) do día 28.5.1997 e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra (BOP) do día 5.5.1997.

I.2. Mediante Resolución do 10.12.2019, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático resolveu non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria esta modificación puntual (expediente 2019AAE2382 e código 2248/2019).

I.3. Consta a exposición ao público polo prazo de dous meses, mediante publicación no DOG núm. 47, do 10.3.2020, e nos xornais Diario de Arousa e Faro de Vigo do día 9.3.2019. Xúntase copia da notificación a titulares catastrais.

I.4. Foron solicitados polo concello os informes sectoriais autonómicos e recibíronse informes da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en materia de costas, do 13.3.2020; da Axencia Galega de Infraestruturas, do 17.3.2020; da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (27.5.2020, 20.10.2020, 15.12.2020 e 21.1.2021); de Augas de Galicia (19.5.2020); da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (13.3.2020); do Instituto de Estudos do Territorio (6.5.2020 e 14.1.2022) e da Deputación de Pontevedra (5.6.2020). Non foron recibidos os informes requiridos á Consellería do Medio Rural e á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

I.5. O Concello de Vilanova de Arousa solicitou tamén informe á Subdelegación do Goberno, á Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (24.3.2020 e 21.10.2020) e á Dirección Xeral da Costa e do Mar (10.3.2020).

I.6. Constan informes municipais favorables: técnico, do 20.5.2021; xurídico, do 20.5.2021, e de secretaría, do 20.5.2021.

I.7. O Pleno do Concello aproba provisionalmente a modificación puntual en sesións do 19.7.2021 e do 18.7.2022.

II. Obxecto da modificación puntual.

O obxectivo desta modificación puntual é a redelimitación do núcleo rural da Torre, incluído nun núcleo maior xa delimitado polas normas subsidiarias que inclúe A Torre, Romarís e Paderne, para adaptala á realidade territorial, á lexislación urbanística e para integrar no núcleo algunhas novas vivendas xurdidas fóra do ámbito.

Delimítase un núcleo descontinuo, cunha superficie total de 66.396 m2, clasificado como solo de núcleo rural tradicional e núcleo rural común.

III. Análise e consideracións.

III.1. Respecto ao requirimento da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 25.4.2022, previo á aprobación definitiva desta modificación puntual, púidose comprobar que se emendaron as deficiencias sinaladas no seu punto III.2.

III.2. En todo caso, e á vista da última documentación achegada, cómpre subliñar:

– Emendarase a discrepancia de superficies incluídas na ficha do núcleo, pois a de vías debe clasificarse como solo de núcleo rural común ou tradicional, segundo corresponda, de modo que a suma das superficies de cada tipo básico coincida coa superficie total do ámbito.

– Á vista da superposición de tramas do plano O.01, deberanse reflectir as aliñacións de xeito claro, identificando os muros tradicionais de xeito eficiente.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, e en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual número 24 das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Vilanova de Arousa para a redelimitación do núcleo rural da Torre, condicionado á emenda das cuestións indicadas no punto III.2 anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio esta modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da modificación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita esta no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.