Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Mércores, 30 de novembro de 2022 Páx. 61689

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dá publicidade á convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional denominado oficial maior da Deputación Provincial da Coruña.

A Deputación Provincial da Coruña aprobou as bases e a convocatoria para a cobertura, polo sistema de libre designación, do posto de traballo denominado oficial maior, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, que remitiu á Dirección Xeral de Administración Local para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e posterior envío ao Ministerio de Facenda e Función Pública para os efectos da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

De acordo coa proposta do subdirector xeral de Réxime Xurídico Local e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 29.3.g) do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes,

RESOLVO:

Dar publicidade á convocatoria e ás bases que rexerán esta, recollidas como anexo a esta resolución, para a provisión polo sistema de libre designación, do posto de traballo reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional que se indica a seguir:

Corporación: Deputación Provincial da Coruña.

Posto: oficial maior.

Subescala: secretaría.

Categoría: superior.

Nivel complemento destino: 30.

Complemento específico anual: 48.133,32 euros.

Coñecemento lingua galega: nos termos do Decreto 103/2008, do 8 de maio.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2022

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local

ANEXO

Bases que rexen a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de oficial maior da Deputación Provincial da Coruña

1. Obxecto.

Estas bases teñen por obxecto rexer a convocatoria para prover o posto de oficial maior da Deputación Provincial da Coruña, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de secretaría, clase primeira, categoría superior, polo sistema de libre designación establecido no artigo 92.bis.6 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, nos artigos 19 e 36 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto do persoal funcionario con habilitación de carácter estatal, e no artigo 45 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional.

2. Corporación.

Deputación Provincial da Coruña.

3. Denominación e clase do posto.

Oficial maior. Secretaría clase primeira.

4. Características do posto.

O posto que se proverá está incluído na relación de postos de traballo (código do posto 1.1.137.1) segundo a modificación aprobada polo Pleno da Corporación Provincial en sesión celebrada o 27 de maio de 2022, e publicada no BOP nº 104 da Coruña, do 2 de xuño, coas seguintes características:

4.1. Denominación do posto na RPT: oficial maior.

4.2. Complemento de destino asignado ao posto na RPT: o correspondente ao nivel 30.

4.3. Complemento específico anual fixado para o posto, referido ao ano 2022 na RPT: 48.133,32 euros.

4.4. Sistema de provisión na RPT: libre designación.

5. Requisitos para o seu desempeño.

Serán requisitos indispensables para concorrer á convocatoria e poder desempeñar o posto, no caso de ser nomeado:

1º. Estar integrado na subescala de secretaría, categoría superior.

Non poderá concorrer á convocatoria os funcionarios inhabilitados e os suspensos en virtude de sentenza ou resolución administrativa firme, se non transcorrese o tempo de suspensión sinalado nelas.

2º. Acreditar o coñecemento do idioma galego mediante a presentación do certificado de lingua galega (Celga 4) ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, segundo o establecido na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).

Na súa falta, a persoa interesada deberá realizar unha proba de carácter eliminatorio, que se valorará como «apto» ou «non apto», destinada a avaliar un grao de coñecemento equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente (artigo 2 do Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter estatal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia).

6. Solicitudes.

A solicitude dirixirase ao presidente da Deputación Provincial da Coruña e presentarase no Rexistro Xeral da Deputación ou nas oficinas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dentro do prazo dos quince días hábiles seguintes ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial del Estado (artigo 46.3 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo), e deberanse indicar nesta, ademais do contido mínimo establecido no artigo 66.1 da citada Lei 39/2015, o número de rexistro de persoal, a situación administrativa en que se atope a persoa solicitante e o seu destino; e deberá vir acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados na base 5.

Xunto coa solicitude, os/as aspirantes achegarán o seu curriculum vitae, no cal constarán os títulos académicos, os anos de servizo, os postos de traballo desempeñados na Administración, os estudos e cursos realizados e outros méritos que consideren oportuno poñer de manifesto, coa correspondente documentación acreditativa.

A presentación da solicitude para participar na provisión do posto de traballo a que se refire estas bases comportará a plena aceptación destas.

7. Nomeamento.

Concluído o prazo de presentación de solicitudes, o presidente procederá, no prazo dun mes, de ser o caso, e tras verificar o cumprimento dos requisitos exixidos nestas bases, a ditar a resolución correspondente, que deberá estar motivada con referencia ao cumprimento dos requisitos, a observancia do procedemento, a competencia para o nomeamento, os concretos criterios de interese xeral elixidos como prioritarios para decidir o nomeamento, e as condicións profesionais tidas en conta para apreciar a maior idoneidade da persoa funcionaria nomeada, e da que dará conta ao Pleno da Corporación, así como traslado á Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e ao ministerio competente en materia de función pública para a publicación no BOE (artigo 46.3 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo).

8. Toma de posesión.

Os prazos para a toma de posesión serán os establecidos no artigo 34 do Decreto 49/2009 e artigo 41 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo; en consecuencia, será de tres días hábiles tratándose de postos de traballo na mesma localidade ou dun mes noutro caso.

Os ditos prazos contaranse a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse no prazo de tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución sobre o nomeamento no Boletín Oficial del Estado.

9. Impugnación.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o presidente da Deputación Provincial da Coruña no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da Coruña no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.