Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Mércores, 30 de novembro de 2022 Páx. 61673

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 15 de novembro de 2022 pola que se concede a autorización definitiva para impartir as ensinanzas elementais e profesionais de música no Conservatorio Profesional de Xinzo de Limia.

O Concello de Xinzo de Limia solicita a autorización definitiva para impartir as ensinanzas elementais e profesionais de música no Conservatorio Profesional de Xinzo de Limia.

O Real decreto 303/2010, do 15 de marzo, establece os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas artísticas. O Decreto 253/1995, do 29 de setembro, e a Orde do 5 de decembro de 1995 regulan o procedemento para a autorización de centros docentes privados para impartiren ensinanzas artísticas; trámites preceptivos iniciados na Xefatura Territorial de Ourense que achega o expediente cos correspondentes informes para a súa autorización.

Por canto antecede, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Autorización definitiva

Autorizar as ensinanzas de música elementais e profesionais no conservatorio de Xinzo de Limia, cuxos datos se sinalan a seguir:

Denominación: CMUS Profesional de Xinzo de Limia.

Código do centro: 32016534.

Enderezo: rúa Curros Enríquez, 15.

Localidade: Xinzo de Limia.

Concello: Xinzo de Limia.

Provincia: Ourense.

Titular: Concello de Xinzo de Limia.

Composición resultante:

Ensinanzas elementais de música para 80 postos escolares.

Ensinanzas profesionais de música para 60 postos escolares.

Artigo 2. Inicio da actividade

Para a posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades de Ourense, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia.

Artigo 3. Inscrición no Rexistro de Centros

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Revisión da autorización

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que se sinalan nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición, ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades