Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Luns, 28 de novembro de 2022 Páx. 61316

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 21 de novembro de 2022 pola que se modifica a Orde do 22 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a creación de novos centros de atención a persoas maiores, dependentes ou con discapacidade, e para a remodelación e adaptación de equipamentos xa existentes, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS631D).

O 5 de setembro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 168 a Orde do 22 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a creación de novos centros de atención a persoas maiores, dependentes ou con discapacidade, e para a remodelación e adaptación de equipamentos xa existentes, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS631D).

No seu artigo 21, referido ao período subvencionable e ao prazo de execución, indícase como data límite para executar os proxectos e presentar a documentación xustificativa dos investimentos o 30 de novembro do ano correspondente á anualidade a que se impute o orzamento.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes, o que xera un esforzo na tramitación superior ao estimado previamente e, polo tanto, con incidencia na súa resolución.

O exposto comportará a concorrencia de dificultades para as entidades que sexan beneficiarias para executar e xustificar os investimentos subvencionados nas referidas datas límite, o que motiva a necesidade da súa ampliación, que non supón un prexuízo dos dereitos de terceiros.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, con carácter xeral, no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que a Administración, agás precepto en contrario e antes do vencemento do prazo de que se trate, poderá conceder de oficio ou por petición das persoas interesadas unha ampliación dos prazos establecidos que non exceda a metade destes, se as circunstancias o aconsellan e non prexudica dereitos de terceiros.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 22 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a creación de novos centros de atención a persoas maiores, dependentes ou con discapacidade, e para a remodelación e adaptación de equipamentos xa existentes, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS631D)

O número 3 do artigo 21 da Orde do 22 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a creación de novos centros de atención a persoas maiores, dependentes ou con discapacidade, e para a remodelación e adaptación de equipamentos xa existentes, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento BS631D), queda redactado da seguinte maneira:

«3. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será do 30 de novembro do ano correspondente á anualidade a que se impute o orzamento, salvo para a anualidade 2022, que se estenderá ata o 30 de decembro do dito ano, da seguinte maneira:

a) O 30 de decembro de 2022 para os gastos que se imputen ata o mes de outubro de 2022.

b) O 30 de novembro de 2023 para os gastos correspondentes ao período comprendido entre o mes de novembro de 2022 e outubro de 2023.

c) O 30 de novembro de 2024 para os gastos correspondentes ao período comprendido entre o mes de novembro de 2023 e outubro de 2024.

d) O 30 de novembro de 2025 para os gastos correspondentes ao período comprendido entre o mes de novembro de 2024 e outubro de 2025».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude