Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Luns, 28 de novembro de 2022 Páx. 61308

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se modifica a Resolución do 11 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral, por redución da xornada de traballo como medida de fomento da conciliación e a corresponsabilidade, financiadas con fondos REACT-UE, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento SI440A).

Mediante a Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade do 11 de agosto de 2022 establecéronse as bases reguladoras e convocáronse as axudas destinadas á conciliación da vida familiar e laboral, por redución da xornada de traballo como medida de fomento da conciliación e a corresponsabilidade, para o ano 2022 (código de procedemento SI440A) (DOG núm. 162, do 26 de agosto).

O artigo 22.1 da Resolución do 11 de agosto de 2022 establece que a axuda concedida será aboada nun pagamento único polo importe que corresponda, segundo as contías determinadas no artigo 7 desa resolución, unha vez presentada a documentación sinalada no número 2 deste artigo, coa data límite para a súa presentación que figure na resolución da concesión, e que, en todo caso, non excederá o 22 de decembro de 2022.

Tendo en conta o axustado do prazo, co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o citado artigo 22.1 e ampliar o prazo de xustificación ata unha data que permita a mellor xustificación por parte das persoas beneficiarias.

A modificación do prazo de presentación da documentación xustificativa prevista nesta resolución non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes establecido na Resolución do 11 de agosto de 2022.

Por todo o exposto, no uso das atribucións que me conferiron,

DISPOÑO:

Artigo 1

Modifícase o punto 1 do artigo 22 (solicitude de pagamento e prazo) da Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade do 11 de agosto de 2022, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral, por redución da xornada de traballo como medida de fomento da conciliación e a corresponsabilidade, financiadas con fondos REACT_UE, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento SI440A) (DOG núm. 162, do 26 de agosto), que queda redactado como:

«1. A axuda concedida aboarase nun pagamento único polo importe que corresponda segundo as contías determinadas no artigo 7 desta resolución, unha vez presentada a documentación sinalada no número 2 deste artigo, coa data límite para a súa presentación que figure na resolución da concesión e que, en todo caso, non excederá a data límite do 30 de decembro de 2022. O pagamento farase por transferencia na conta que as persoas solicitantes fagan constar no modelo de solicitude (anexo I)».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2022

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade