Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Luns, 28 de novembro de 2022 Páx. 61392

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 17 de novembro de 2022 pola que se convoca un posto de persoal directivo.

En virtude do Decreto 81/2017, do 3 de agosto, polo que se crea a Axencia Galega da Industria Forestal e se aproban os seus estatutos, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto que se indica no anexo I desta resolución.

Segundo. Aprobar as bases polas cales se rexerá o proceso de selección, que se inclúen no anexo II.

Para participaren nesta convocatoria, os/as candidatos/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo III.

Terceiro. Esta convocatoria publicarase na páxina web da Axencia Galega da Industria Forestal (https://xera.xunta.gal/). As distintas resolucións que se diten ao longo do proceso de selección serán publicadas na páxina web da Axencia Galega da Industria Forestal (https://xera.xunta.gal/), na parte de procesos selectivos.

Cuarto. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada, perante o presidente da Axencia Galega da Industria Forestal, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022

Jacobo José Aboal Viñas
Director da Axencia Galega da Industria Forestal

ANEXO I

Código: EI.A21.00.002.15770.001.

Denominación do posto: director/a da Área de Innovación Forestal.

Dependencia: Axencia Galega da Industria Forestal.

Localidade: Santiago de Compostela.

Forma de provisión: persoal directivo (artigo 79 da Lei 16/2010, do 17 de decembro). Directivo do grupo III, nivel 2.

Tipo de persoal: alta dirección/funcionario (subgrupo A1).

ANEXO II

Bases reguladoras da convocatoria de selección para o posto de director/a
da Área de Innovación Forestal da Axencia Galega da Industria Forestal

Primeira. Obxecto da convocatoria

Esta convocatoria ten por obxecto a cobertura do posto de dirección da Área de Innovación Forestal da Axencia Galega da Industria Forestal.

Segunda. Vínculo xurídico

IV.1. O vínculo coa persoa seleccionada formalizarase mediante un contrato laboral de alta dirección ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, excepto no suposto de que a persoa seleccionada sexa funcionaria de carreira pertencente ao grupo A, subgrupo A1, en que o vínculo se formaliza mediante libre designación.

IV.2. A dirección estará suxeita ao réxime de incompatibilidades recollido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas; entre outros:

a) Non poderá compatibilizar a súa actividade pública co desenvolvemento, por si mesmo ou mediante substitución de persoa interposta, de calquera outro posto, profesión ou actividade, públicos ou privados, por conta propia ou allea.

b) Non poderá desempeñar actividades privadas, incluídas as de carácter profesional, sexa por conta propia ou baixo a dependencia ou ao servizo de entidades ou particulares, nos asuntos en que estea intervindo ou interviñese nos dous últimos anos, ou teña que intervir por razón do posto público, e non poderá asinar contratos de asistencia técnica, de servizos ou similares coas administracións públicas. No suposto de que se formalice o vínculo xurídico mediante contrato de alta dirección, esta incompatibilidade xustifícase polo pacto de non concorrencia e confidencialidade previsto no artigo 8 do Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto.

Terceira. Funcións

De conformidade co artigo 21 do Decreto 81/2017, do 3 de agosto, de creación da Axencia Galega da Industria Forestal e polo que se aproban os seus estatutos, o/a director/a da Área de Innovación Forestal desenvolverá as seguintes funcións:

a) O impulso á investigación e á innovación das empresas forestais.

b) A coordinación e a cooperación dos distintos centros de investigación e innovación tecnolóxica vinculados á industria forestal e adscritos á Axencia.

c) A promoción na utilización de técnicas biotecnolóxicas modernas nos diferentes proxectos da investigación forestal.

d) A coordinación da transferencia de coñecemento e tecnoloxía entre os diferentes axentes vinculados á industria forestal (administracións, universidades e empresas, e plataformas forestais).

e) O impulso dos instrumentos necesarios para o fomento da cooperación público-privada.

f)  A prestación de asistencia a entidades e empresas do sector forestal para a mellora da calidade no desenvolvemento de proxectos innovadores na industria forestal.

g)  Incentivar a mellora da formación e a cualificación do persoal empregado no sector forestal favorecendo a capacitación profesional e contribuíndo á mellora da produtividade e competitividade das empresas do sector forestal.

h)  O deseño de políticas que permitan desenvolver un tecido industrial forestal no medio rural.

i) O desenvolvemento de programas de apoio á diversificación da actividade económica forestal no medio rural.

j) Calquera outra función que se lle encomende no ámbito da súa competencia.

Cuarta. Requisitos dos/das aspirantes

1. Os/as aspirantes deben reunir os requisitos seguintes:

a) Ter nacionalidade española, ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as. Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores de idade dependentes. Así mesmo, poderán participar os/as estranxeiros/as con residencia legal en España.

b) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitacións físicas ou psíquicas incompatibles co desempeño das correspondentes funcións.

c) Ter feito os dezaseis anos.

d) Non ter sido separado/a do servizo de calquera Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio de funcións públicas. Os/as aspirantes que non teñan a nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidos/as a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

e) Non encontrarse en situación de inhabilitación absoluta ou especial para os empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala de funcionario ou para exercer funcións similares ás que desenvolvían no caso de persoal laboral no que fose separado ou inhabilitado.

f) Estar en posesión ou en condición de obter o título universitario oficial de grao. Tamén poderán acceder a este corpo as persoas que estean en posesión das titulacións de enxeñaría técnica, diplomatura universitaria, arquitectura técnica ou equivalente. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación ou validación, de ser o caso.

2. Os requisitos deberanse cumprir tanto no momento da selección como no da formalización do contrato.

Quinta. Documentación que se cómpre presentar

1. A solicitude deberá reunir todos os datos de identificación requiridos.

2. Os/as aspirantes deberán entregar, xunto coa solicitude de participación (anexo III), a seguinte documentación:

a) Declaración responsable de que reúnen todos e cada un dos requisitos exixidos.

b) Copia cotexada do título universitario exixido ou certificación académica que acredite ter realizado os estudos para a obtención do título ou, de ser o caso, documento que acredite fidedignamente a posesión do título académico.

c) Relación individualizada de cada un dos méritos que aleguen e documentación acreditativa destes para a súa valoración, ben orixinal ou ben fotocopia cotexada.

d) Plan de actuación, en galego ou castelán, destas bases en soporte papel ou en formato electrónico (pdf).

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e, ao abeiro do establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, implicará a autorización á Axencia Galega da Industria Forestal para comprobar os datos de carácter persoal que figuren no documento DNI/NIE da persoa que teña a condición de interesada, por medio do acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Non obstante, o/a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso, deberá presentar, xunto coa solicitude, unha copia cotexada do documento de identidade en vigor.

Sexta. Forma de acreditación e valoración dos méritos

1. A formación acreditarase mediante a presentación de fotocopia cotexada dos títulos ou certificados correspondentes á titulación, especialización, doutoramento, máster ou posgrao nos ámbitos establecidos, así como ás actividades formativas.

2. A formación en materia de coñecemento doutras linguas acreditarase mediante a presentación de certificado oficial ou mediante acreditacións de competencias en linguas estranxeiras emitidas por institucións públicas ou privadas, xa sexan españolas, europeas ou internacionais.

3. A experiencia profesional acreditarase mediante a presentación do informe de vida laboral ou certificado de aboamento de cotas ao réxime de autónomos de se alegaren servizos profesionais por conta propia, contratos de traballo por conta allea ou propia, ou acta de toma de posesión de cargos públicos ou funcionario público, se é o caso. Ademais, o/a aspirante deberá anexar un certificado de tarefas, así como calquera outro documento que permita acreditar o cumprimento dos méritos asociados á experiencia laboral.

4. O tribunal non valorará aqueles méritos das persoas aspirantes que non estean acreditados nin aqueles posteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Sétima. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes para participar nesta convocatoria presentaranse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (San Caetano, s/n, 15780 Santiago de Compostela) ou no resto das oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dirixidas á Axencia Galega da Industria Forestal adscrita á Consellería do Medio Rural. Nestes casos, deberanse remitir ao enderezo de correo electrónico xera.cmr@xunta.gal en formato pdf, e antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, a solicitude rexistrada, a relación individualizada dos méritos que se aleguen e o plan de actuación.

2. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o décimo día hábil contado desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3. De non se presentar solicitudes, de non cumprir ningunha das rexistradas os requisitos exixidos, ou de se considerar que ningún dos/das candidatos/as resulta idóneo para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución do director da Axencia Galega da Industria Forestal.

A resolución que poña fin ao proceso de selección publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Oitava. Notificacións

1. O réxime de notificacións rexerase polo disposto no artigo 40 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. O domicilio que figure nas instancias considerarase como o único válido para os efectos das notificacións e serán responsabilidade do/da aspirante tanto os erros na súa consignación como a comunicación de calquera cambio.

Novena. Admisión de aspirantes

1. Tras a finalización do prazo de presentación das solicitudes de participación, a Axencia Galega da Industria Forestal ditará resolución en que aprobe as listas provisionais de admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión.

2. A lista publicarase na páxina web da Axencia Galega da Industria Forestal https://xera.xunta.gal/

3. As persoas interesadas dispoñen dun prazo de cinco días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación, para presentaren as reclamacións que consideren oportunas.

4. Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución en que se aprobe a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas. Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega da Industria Forestal https://xera.xunta.gal/

Décima. Tribunal de selección

1. O tribunal de selección será nomeado mediante resolución do director da Axencia Galega da Industria Forestal e será constituído unha vez publicada na web da Axencia Galega da Industria Forestal a relación definitiva de aspirantes. Serán de aplicación a este órgano as instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

2. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración auto- nómica de Galicia.

3. Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros se poidan desprazar ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

4. A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderao ampliar baseándose en causas xustificadas.

Décimo primeira. Procedemento selectivo

1. Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, a selección efectuarase polo procedemento de concurso, que consistirá na valoración dos méritos alegados e acreditados polos/as aspirantes, que se puntuarán de acordo co baremo sinalado a seguir, cuxa puntuación máxima é de 50 puntos.

Décimo segunda. Primeira fase do proceso de selección

1. O procedemento selectivo constará de dúas fases:

A. Primeira fase: baremación de méritos alegados (ata un máximo de 30 puntos). A puntuación máxima é, nesta primeira fase, de 30 puntos e será necesaria a obtención dun mínimo de 20 puntos para superala. Os/as aspirantes que non acaden a puntuación anterior quedarán eliminados/as do proceso selectivo.

A valoración dos méritos desenvolverase conforme a seguinte distribución:

A.1. Formación (puntuación máxima de 10 puntos).

– Por titulacións académicas diferentes á exixida nesta convocatoria para a admisión como aspirante: 2 puntos por cada titulación académica, ata un máximo de 4 puntos.

– Por posesión do título de doutor/a, ata un máximo de 2 puntos.

– Por comprensión e fala de idiomas estranxeiros con nivel B1 ou superior consonte o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER), sen computar a lingua galega e castelá: 1 punto por cada idioma, ata un máximo de 4 puntos.

A.2. Experiencia (puntuación máxima de 20 puntos).

– Por experiencia laboral no ámbito da coordinación ou dirección de equipos de traballo, docencia, investigación, xestión económica ou xustificación de fondos públicos: 2 puntos por cada ano acreditado. As fraccións iguais ou superiores a seis (6) meses computaranse como un ano completo, ata un máximo de 15 puntos.

– Por outra experiencia laboral: 1 punto por cada ano acreditado. As fraccións iguais ou superiores a seis (6) meses computaranse como un ano completo, ata un máximo de 5 puntos.

A relación provisional coas puntuacións obtidas polos/polas aspirantes publicarase na páxina web da Axencia Galega da Industria Forestal, e as persoas interesadas disporán dun prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación na páxina web, para presentaren as reclamacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas as reclamacións, ditarase resolución pola cal se aproba a lista coas puntuacións definitivas da primeira fase. Esta resolución farase pública na páxina web da Axencia Galega da Industria Forestal.

Os/as candidatos/as que superen a primeira fase do procedemento selectivo serán convocados, nun prazo máximo de tres días hábiles desde a publicación da lista coas puntuacións definitivas da primeira fase, para a defensa do plan de actuación.

B. Segunda fase: plan de actuación e exposición deste.

A puntuación máxima nesta segunda fase é de 20 puntos e será necesaria a obtención dun mínimo de 10 puntos para superala. Os/as aspirantes que non acaden a puntuación anterior quedarán eliminados/as do proceso selectivo.

B.1. Plan de actuación (ata un máximo de 15 puntos).

As persoas aspirantes deberán elaborar, presentar e defender un plan de actuación que se desenvolverá a medio prazo na Área de Innovación Forestal no ámbito das competencias da Axencia.

O plan non poderá superar os 30 folios de extensión, a dobre espazo por unha soa cara, letra Arial, tamaño 11, incluídos gráficos.

B.2. Exposición do plan de actuación: (ata un máximo de 5 puntos).

Os/as candidatos/as deberanse presentar á proba provistos/as de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade. Deberán presentar nun tempo máximo de 20 minutos o seu plan e responder todas aquelas preguntas e cuestións que permitan valorar a idoneidade da proposta, sen que o tempo de respostas compute para os efectos da duración prevista neste punto.

A data e o lugar establecidos para a defensa dos plans de actuación serán publicados na páxina web da Axencia Galega da Industria Forestal https://xera.xunta.gal/ cunha antelación mínima de corenta e oito horas á sinalada para o seu inicio. Por petición do candidato, poderanse facilitar os medios técnicos ou informáticos habituais para a proxección ou exposición da presentación.

O plan valorarase conforme os seguintes criterios:

a) Pertinencia, entendida como a adecuación dos obxectivos do plan proposto á estratexia e prioridades da Axencia Galega da Industria Forestal.

b) Viabilidade, entendida como unha adecuada identificación e tratamento das condicións económicas, materiais, técnicas e humanas necesarias para afrontar as tarefas e acadar os obxectivos que se propoñen no plan proposto.

c) Eficacia, entendida como o grao previsible de consecución dos obxectivos e resultados propios do plan proposto.

d) Eficiencia, entendida como a relación existente entre os obxectivos e os recursos que se consideran para acadalos.

e) Sustentabilidade, grao en que os efectos transformadores derivados da posta en marcha do plan proposto poderán ser mantidos no tempo.

f) Impacto, valoración e toma en consideración dos efectos, directos e indirectos, derivados da posta en marcha do plan proposto.

g) Coherencia e grao de consistencia entre os diversos compoñentes do plan proposto en relación cos fins que se propoñen.

Décimo terceira. Cualificación final e lista de persoas seleccionadas

1. A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións obtidas en cada unha das fases. En caso de empate na puntuación total, dirimirase a favor da persoa que obtivese maior puntuación nas distintas fases do procedemento selectivo e pola orde establecida nel (1º baremación de méritos; 2º plan de actuación e exposición deste).

2. De persistir o empate, resolverase a favor do/da aspirante que teña a maior puntuación na parte de formación. Se aínda así persiste o empate, resolverase por sorteo.

3. Unha vez finalizado o proceso de selección, o tribunal publicará na páxina web da Axencia Galega da Industria Forestal as puntuacións obtidas polos/as aspirantes, con indicación do/da candidato/a seleccionado/a. Establécese un prazo de cinco días desde a publicación para presentar alegacións. A estimación ou desestimación entenderase implícita na resolución definitiva.

4. O tribunal elevará ao director da Axencia Galega da Industria Forestal a proposta a favor do/da aspirante que obtivese a maior puntuación.

5. O nomeamento corresponde ao Consello Reitor da Axencia Galega da Industria Forestal, por proposta motivada da Dirección.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022. Jacobo José Aboal Viñas, director da Axencia Galega da Industria Forestal.

ANEXO III

Modelo de solicitude

DATOS PERSOAIS:

Primeiro apelido

Segundo apelido

Nome

DNI

Data de nacemento

Domicilio, rúa e nº

Provincia

Localidade

Teléfono

Correo electrónico

NO CASO DE PRESTAR SERVIZOS NA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA:

Vínculo xurídico

Categoría profesional

Situación administrativa

Destino actual

Dependencia

Localidade

SOLICITO: ser admitido/a na convocatoria para prover o posto de persoal directivo denominado director/a da Área de Innovación Forestal, con código EI.A21.00.002.15770.001, anunciada pola Resolución do 17 de novembro de 2022, ao considerar que reúno os requisitos exixidos.

(Lugar, data e sinatura)

Axencia Galega da Industria Forestal

Consellería do Medio Rural

Avenida Fernando Casas Novoa, 38

San Lázaro, 15707 Santiago de Compostela