Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Venres, 25 de novembro de 2022 Páx. 61247

VI. Anuncios

c) Outros anuncios

Fundación Deporte Galego

ANUNCIO do Plan de patrocinio dos equipos de alta competición de Galicia para a tempada 2022/2023 (1ª fase).

A Fundación Deporte Galego, tendo en conta que nos seus fins establece o fomento da actividade física e do deporte base e de alta competición en Galicia, pon en marcha a XIV edición do Plan de patrocinio dos equipos de alta competición de Galicia para a tempada 2022/2023 (1ª fase).

A fundación remitiralle un correo electrónico á entidade obxecto de patrocinio e convidaraa para a presentación da solicitude de patrocinio que se xuntará ao texto do plan de patrocinio.

A entidade invitada para tomar parte no procedemento PR960A presentará a solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realizase a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365), e habilitarase unha ligazón na guía de procedementos e servizos co código PR960A.

O prazo máximo para a presentación das solicitudes será de sete (7) días naturais, contados desde a propia data de recepción da invitación. A presentación das proposicións por unha vía diferente á sinalada será causa de rexeitamento ou exclusión.

As bases poderanse consultar na seguinte ligazón: https://deporte.xunta.gal/gl/convocatorias/pr960a-plan-patrocinio-equipos-alta-competicion-tempada-20222023-1a-fase

Teléfono 881 99 63 77.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022

José Ramón Lete Lasa
Presidente da Fundación Deporte Galego