Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Xoves, 24 de novembro de 2022 Páx. 60839

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 9 de novembro de 2022 pola que se autoriza a constitución da Federación Galega de Baile Deportivo e de Competición e se acorda a inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 21 de marzo de 2011 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 15 de marzo de 2011, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se recoñece a modalidade deportiva de baile deportivo e de competición no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. O 3 de xuño de 2022 tivo entrada no rexistro electrónico da Xunta de Galicia a solicitude de autorización para a constitución, por creación ex novo, da Federación Galega de Baile Deportivo e de Competición.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 5.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, establece que lle corresponde á Administración autonómica: «g) Autorizar ou denegar a constitución das entidades deportivas previstas nesta lei, así como revogar, de ser o caso, a súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia».

Segundo. O artigo 54.1 da mesma lei di: «Correspóndelle á Administración deportiva autonómica autorizar e revogar a autorización da constitución das federacións deportivas galegas e a aprobación dos seus estatutos e regulamentos de réxime interno, agás os que se refiren ás normas técnicas da correspondente práctica deportiva».

A autorización para a constitución dunha federación deportiva está regulada no número 4 e seguintes do citado artigo, nos seguintes termos:

«4. A autorización da constitución dunha federación deportiva exixe, con carácter previo, que a Administración deportiva recoñeza a existencia dunha modalidade deportiva nos termos desta lei.

5. Para a autorización da constitución dunha federación deportiva teranse en conta os seguintes elementos:

a) Existencia dunha modalidade deportiva recoñecida.

b) Interese xeral da actividade deportiva.

c) Suficiente implantación en Galicia.

d) Viabilidade económica da nova federación.

6. O procedemento administrativo para a autorización da constitución dunha federación deportiva galega iníciase mediante solicitude dos interesados, á cal se lle deben xuntar os seguintes documentos:

a) Para a constitución dunha nova federación deportiva ex novo, a iniciativa corresponderalles a representantes de, como mínimo, trinta clubs deportivos con domicilio social en Galicia, constituídos en xunta promotora, e xustificaranse os requisitos a que se refire a alínea anterior. Esta proposta terá o carácter de acta fundacional e deberá outorgarse ante notario.

b) Proxecto de estatutos que van rexer o funcionamento da federación.

Examinados os anteriores documentos e cumpridos os demais requisitos previstos nas normas legais e regulamentarias, a Administración deportiva ditará resolución pola que autoriza a constitución da federación correspondente e aproba provisionalmente os estatutos, que deberán ser ratificados ou emendados, co fin de incorporar as modificacións da Administración deportiva, na primeira asemblea da federación.

Para a validez da súa constitución deberá inscribirse no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia. As federacións deportivas galegas adquirirán personalidade xurídica coa súa inscrición, que será condición previa e necesaria para a integración, se é o caso, na federación española correspondente».

Á vista da solicitude e examinada a documentación achegada, compróbase que cumpre con todos os requisitos exixidos pola Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, para a constitución da Federación Galega de Baile Deportivo e de Competición. Así mesmo, acredítase o interese xeral da actividade deportiva, a suficiente implantación en Galicia e a viabilidade económica da nova federación. Os estatutos presentados axústanse ao establecido na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, e demais normativa aplicable.

Por todo o anterior,

DISPOÑO:

Primeiro. Autorizar a constitución da Federación Galega de Baile Deportivo e de Competición por un período de dous anos, contados desde a publicación da presente orde. A posterior ratificación desta autorización terá por obxecto a comprobación do cumprimento dos requisitos que xustificaron a inicial e do seu funcionamento real.

Segundo. Aprobar provisionalmente os estatutos, que deberán ser ratificados na primeira asemblea da federación. Unha vez ratificados, serán enviados á Secretaría Xeral para o Deporte para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de tres meses desde a súa presentación no rexistro.

Terceiro. Acordar a inscrición da Federación Galega de Baile Deportivo e de Competición co número de rexistro F-14539.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes