Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Martes, 15 de novembro de 2022 Páx. 59266

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción da modificación das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Montouto 2000, sito nos concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Mondariz e As Neves (Pontevedra), promovido por Montouto 2000, S.A. (expediente IN661A 01/1-4).

Unha vez examinado o expediente iniciado por solicitude de Montouto 2000, S.A., en relación coa autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do parque eólico Montouto 2000, constan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro. O 6 de xuño de 2001, Antonio Vázquez Fernández, en nome e representación de Montouto 2000, S.A., solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a aprobación do estudo de impacto ambiental, a declaración de utilidade pública e o recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica do parque eólico de referencia, de 49,5 MW, e achega a documentación establecida para o efecto.

Segundo. O 20 de marzo de 2003, a promotora solicitou a aprobación da modificación ao proxecto de execución do parque eólico de Montouto, o que supuxo unha redución na súa potencia ata os 39,75 MW.

Terceiro. Mediante a Resolución do 18 de agosto de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, formulouse a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Montouto 2000, que se fixo pública mediante a Resolución do 28 de agosto de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (DOG nº 176, do 11 de setembro).

Cuarto. Mediante a Resolución do 24 de outubro de 2003, da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, autorizáronse as instalacións electromecánicas, declarouse a utilidade pública, en concreto; aprobouse o proxecto de execución, recoñeceuse a condición de instalación acollida ao réxime especial do parque eólico denominado Montouto 2000 e declarouse a súa compatibilidade co permiso de investigación denominado Santa Marta nº 2952, nos concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Mondariz e As Neves (Pontevedra) (DOG nº 231, do 27 de novembro).

Quinto. Mediante a Resolución do 23 de xaneiro de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, ordenouse a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 15 de xaneiro de 2004, polo que se aprobou definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico denominado Montouto 2000 (DOG nº 43, do 2 de marzo).

Sexto. O 22.6.2004, a Delegación Provincial de Pontevedra da Consellería de Innovación, Industria e Comercio emitiu a acta de comprobación e posta en marcha do parque eólico Montouto 2000.

Sétimo. O 24.6.2019, a promotora presentou unha solicitude de autorización administrativa para a modificación do proxecto do parque eólico Montouto 2000, consistente no incremento na potencia dos aeroxeradores que o compoñen, o que supón un incremento de 7,95 MW na potencia total do parque eólico, que pasa de 39,75 MW a 47,7 MW, mantendo inalteradas as demais características técnicas do proxecto.

Oitavo. O 3.12.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático emite informe no que indica:

«En vista da documentación recibida e unha vez aclaradas as dúbidas arredor do modo de implementación da modificación pretendida (que se efectuará mediante a eliminación da limitación de potencia establecida a través de software, de xeito que os aeroxeradores NM52 Multipower de 750 kW instalados no parque poidan acadar os 900 kW de potencia nominal), considérase que para os únicos efectos ambientais non existen obxeccións á modificación solicitada pola promotora».

Noveno. O 21.3.2022 e o 25.5.2022, a Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe en que establece unha serie de consideracións para incluír no proxecto técnico presentado pola promotora.

Décimo. Con data do 7.6.2022, a promotora achegou o documento do proxecto técnico do PE Montouto 2000, modificación substancial, de xuño de 2022.

Décimo primeiro. O 4.7.2022, a Xefatura Territorial emitiu informe relativo ao cumprimento da normativa de instalacións industriais e eléctricas do proxecto técnico da modificación do parque eólico Montouto 2000, achegado pola promotora o 7.6.2022.

Décimo segundo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para a potencia adicional de 7,95 MW, segundo o informe do xestor da rede do 26.7.2021.

Aos antecedentes de feito descritos son de aplicación os seguintes fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro); pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG nº 39, do 26 de febreiro), e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 251, do 31 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental; na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. O incremento na potencia da modificación solicitada, entre o 10 % e 20 % da potencia nominal autorizada, causa que esta teña a consideración de modificación substancial exenta do trámite de información pública de acordo co artigo 39 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e do artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa á modificación das instalacións do parque eólico Montouto 2000, sito nos concellos de Arbo, A Cañiza, Covelo, Mondariz e As Neves (Pontevedra) e promovido por Montouto 2000, S.A., para o incremento na potencia do parque eólico de 7,95 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción á modificación do proxecto de execución das instalacións do parque eólico Montouto 2000, composto polo documento do proxecto técnico do PE Montouto 2000, modificación substancial, de xuño de 2022, asinado polo enxeñeiro industrial José Ernesto Rodríguez Blanco, colexiado nº 1185 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

Coas modificacións introducidas, as características do proxecto son as seguintes:

Solicitante: Montouto 2000, S.A.

Domicilio social: parque de San Lázaro 7-1º, 32003 Ourense.

Denominación: parque eólico Montouto 2000.

Potencia instalada inicial (funcionando): 39,75 MW.

Potencia autorizada/adicional: 7,95 MW.

Potencia instalada final: 47,70 MW.

Produción neta estimada: 106.108 MWh/ano.

Concellos afectados: Arbo, A Cañiza, Covelo, Mondariz e As Neves (Pontevedra).

Orzamento de execución material da modificación (sen IVE): 11.681 euros.

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación modificadas:

– 53 aeroxeradores Neg Micon NM 52 de 750 kW que, mediante a eliminación da limitación de potencia, pasan a 900 kW de potencia unitaria e cun diámetro de rotor de 52 metros.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. A instalación eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto que por esta resolución se autoriza.

2. Logo do inicio das obras, a promotora comunicará a data de comezo dos traballos á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e á Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

3. A promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

4. En todo momento deberase cumprir canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 á 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro; o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITCRAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio; así como as condicións establecidas nesta resolución e as demais que lle sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental do parque eólico Montouto 2000, formulada o 18.8.2003 pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5. O prazo para solicitar a autorización de explotación será de tres anos, contados a partir do presente outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción. En caso de incumprimento, poderá producirse a súa revogación nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, ou norma que a substitúa.

6. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar, ante a Xefatura Territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución autorizado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Unha vez solicitada a autorización de explotación, a Xefatura Territorial será a encargada de emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

7. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento, poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

8. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

9. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais