Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Luns, 14 de novembro de 2022 Páx. 59113

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2022 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Resolución do 23 de xuño de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract (código de procedemento IN500B).

Mediante a Resolución do 23 de xuño de 2022 establécense as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2022 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas á valorización e á segunda transformación das pequenas e medianas empresas da industria forestal galega e do contract (código de procedemento IN500B).

O número 1 do artigo 31 da dita resolución establece que «o prazo de xustificación será, para a anualidade de 2022, ata o 15 de novembro de 2022 incluído e, para a anualidade de 2023, ata o 15 de abril de 2023. Así mesmo, logo de solicitude motivada da persoa beneficiaria e sempre que o órgano que ditou a resolución de concesión o autorice, terase en conta que as cantidades non xustificadas polas beneficiarias na anualidade de 2022 se poderán computar e xustificar na anualidade 2023, sempre e cando non sexan susceptibles de perda de dereito ao seu cobramento e o solicitasen».

Tendo en conta o longo proceso de avaliación e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar este artigo 31 da resolución e ampliar o prazo de xustificación ata unha data que permita unha mellor xustificación da subvención por parte das persoas beneficiarias.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Axencia e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Artigo único

O número 1 do artigo 31 da referida resolución queda redactado nos seguintes termos:

«O prazo de xustificación será, para a anualidade de 2022, ata o 5 de decembro de 2022 incluído e, para a anualidade de 2023, ata o 15 de xuño de 2023. Así mesmo, logo de solicitude motivada da persoa beneficiaria e sempre que o órgano que ditou a resolución de concesión o autorice, terase en conta que as cantidades non xustificadas polas beneficiarias na anualidade de 2022 se poderán computar e xustificar na anualidade 2023, sempre e cando non sexan susceptibles de perda de dereito ao seu cobramento e o solicitasen».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2022

Jacobo José Aboal Viñas
Director da Axencia Galega da Industria Forestal