Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Mércores, 9 de novembro de 2022 Páx. 58428

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 2 de novembro de 2022 pola que se suprimen a oficina do rexistro auxiliar da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e a oficina do rexistro auxiliar do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), ambas en Santiago de Compostela.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 26.5 que o Sistema único de rexistro dependerá da consellería competente en materia de administracións públicas e, no artigo 33.3, que as oficinas da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro se crearanse, modificarán e suprimirán mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de administracións públicas.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 196, do 13 de outubro), dispón no seu artigo 8.2 que a creación, modificación ou supresión das oficinas de rexistro auxiliares se fará mediante orde da consellería competente en materia de administracións públicas, por proposta da consellería ou entidade correspondente, logo de informe da Oficina de Rexistro Xeral.

O Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, regula no seu artigo 12 as funcións da Subdirección Xeral de Coordinación do Rexistro e Atención á Cidadanía, entre as que consta a de dirección, coordinación e control das oficinas de rexistro e atención á cidadanía.

No anexo I do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, figura a listaxe inicial de oficinas de rexistro. A relación actualizada está á disposición da cidadanía no portal institucional www.xunta.gal, segundo o previsto na disposición adicional segunda dese decreto.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea remitiu unha solicitude de supresión da oficina de rexistro auxiliar da mencionada dirección xeral, con sede na rúa do Hórreo, 61, de Santiago de Compostela.

En primeiro lugar, alega que o edificio en que se sitúa o rexistro non cumpre as condicións mínimas de accesibilidade e comodidade para os administrados, xa que o rexistro está situado nunha terceira planta.

Ademais, segundo xustifican na súa memoria, actualmente todos os procedementos e trámites desa dirección xeral poden ser realizados de modo telemático, polo que o volume de entradas e saídas en formato papel descendeu drasticamente, proceso que se acelerou coa situación producida durante a pandemia da COVID-19.

Por outra banda, o secretario xeral da Consellería de Medio Rural solicitou, o 16 de setembro de 2022, a supresión do rexistro auxiliar do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) na súa dependencia da rúa dos Irmandiños, s/n, Salgueiriños, de Santiago de Compostela. Xustifica a supresión do rexistro auxiliar polo descenso progresivo das entradas e saídas de documentación en papel. Sinala que as liñas de traballo que xestiona o Fogga levan anos desenvolvéndose con medios exclusivamente electrónicos, con especial incremento nos últimos dous anos, que se prevé manter nas próximas liñas de axudas.

Os datos de xestión que constan na Subdirección Xeral de Coordinación do Rexistro e Atención á Cidadanía son semellantes aos sinalados nas dúas propostas de supresión, e constátase un descenso importante da súa carga de traballo nesta materia.

Esta supresión faise tendo sempre en conta os principios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Suprímense a oficina de rexistro da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, con sede na rúa do Hórreo, 61, e a oficina de rexistro auxiliar do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), con sede na rúa dos Irmandiños, s/n, Salgueiriños, ambas en Santiago de Compostela.

Disposición derradeira primeira

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Nesa mesma data actualizarase para a cidadanía a relación de oficinas de rexistro auxiliar, existente na páxina web institucional.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes