Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e de construción para a instalación eléctrica que a seguir se describe:
Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.
Domicilio social: A Batundeira, 2, Velle (Ourense).
Denominación: LMTS, CTC e RBT Mougán (Guntín).
Situación: concello de Guntín.
Características técnicas principais:
• Liña de media tensión aérea 20 kV LUG802 con orixe no apoio existente nº 190 e final no apoio existente 197, cunha lonxitude de 704 metros (312 metros retensado de condutor existente e 392 metros en condutor novo tipo LA-56). Substitúense tres apoios por deterioración e instálanse dous apoios novos de celosía tipo C-12/2.000 e C-14/3.000.
• Substitución do apoio existente nº 194 tipo HV-13/400 por un apoio metálico tipo C-14/2.000.
• Liña subterránea de media tensión a 20 kV, con orixe no apoio metálico proxectado nº 194 e final no CT proxectado, cunha lonxitude de 424 metros en condutor tipo RHZ1-150 mm.
• Centro de transformación rural, cunha potencia de 100 kVA e unha relación de transformación 20.000/400-230 V.
Finalidade da instalación: regulamentación de instalacións.
Orzamento: 81.304,02 €.
Documentación que se acompaña:
• Separata para o Concello de Guntín.
• Separata para a Axencia Galega de Infraestruturas.
Esta xefatura territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, resolve:
En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción ás ditas instalacións sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración, condicionada ao cumprimento das seguintes condicións:
Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución e a dirección de obra deberá realizala un técnico competente.
Segunda. A peticionaria asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.
Terceira. En todo momento deberán cumprirse as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación, en particular canto establecen a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas da alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias.
En relación coa instalación de baixa tensión, deberase seguir o disposto no artigo 18 do Real decreto 842/2002 para a súa posta en servizo, así como na súa Instrución ITC-BT-04 e, no seu momento, deberase achegar a documentación exixida con carácter previo á posta en servizo da instalación, para a súa revisión por esta Administración e posterior inscrición da instalación no correspondente rexistro.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente en dereito.
Lugo, 17 de outubro de 2022
Gustavo José Casasola de Cabo
Xefe territorial de Lugo