Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Martes, 8 de novembro de 2022 Páx. 58309

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 28 de outubro de 2022 pola que se fai público o incremento de crédito previsto na Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o desenvolvemento de paquetes de propostas audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207H).

O 25 de xaneiro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o desenvolvemento de paquetes de propostas audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207H).

No seu artigo 3.3 e 3.4 establécese que poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria logo da declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, de acordo coa orde de prelación de solicitudes establecida no artigo 1.3 das bases reguladoras e no caso de que os créditos fosen ampliados, publicarase esta circunstancia nos mesmos medios que a convocatoria, sen que esta publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Nos orzamentos do ano 2022 existen remanentes de crédito suficientes dentro do código de proxecto 2021 00001, e a dita ampliación obedece á presentación dun recurso favorable ao interesado e por unha renuncia presentada por outro benefeciario faise necesario a ampliación por importe de corenta mil euros (40.000,00 €).

Por este motivo, e co obxecto de estimar o recurso presentado, increméntase o crédito dispoñible na Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o desenvolvemento de paquetes de propostas audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207H).

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

ACORDO:

Artigo único. Incremento dos créditos

Increméntase o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Resolución do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o desenvolvemento de paquetes de propostas audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207H), en corenta mil euros (40.000,00 €), da aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0, código de proxecto 2021 00001.

A publicación desta resolución non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2022

Román Rodríguez González
Conselleriro de Cultura, Educación, Formación Profesional
e Universidades