Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 211 Luns, 7 de novembro de 2022 Páx. 58058

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 186/2022, do 20 de outubro, polo que se aproba a disolución da agrupación voluntaria entre os concellos da Pobra de Trives e San Xoán de Río, da provincia de Ourense, para o sostemento en común do posto de traballo de secretaría, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Os concellos da Pobra de Trives e San Xoán de Río, da provincia de Ourense, acordaron aprobar definitivamente a disolución da agrupación voluntaria para o sostemento en común dun único posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional de Secretaría-Intervención e remitir o expediente á Dirección Xeral da Administración Local da Xunta de Galicia. A citada agrupación voluntaria aprobouse polo Decreto 359/1994, do 2 de decembro, que se publicou no Diario Oficial de Galicia nº 240, do 15 de decembro.

De conformidade coa normativa estatal, Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, corresponde ás comunidades autónomas, de acordo coas súas normas propias, acordar a constitución e disolución de agrupacións de Secretaría dentro do seu ámbito territorial.

A normativa autonómica regula as agrupacións voluntarias de municipios para o sostemento en común de postos de traballo reservados a persoal funcionario de Administración local nos artigos 165 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e nos artigos 11, 12, 13 e 16 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal. E o artigo 10 do citado Decreto 49/2009 regula as normas xerais para a clasificación de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional.

No expediente seguíronse os trámites previstos na normativa de aplicación anteriormente referenciada, constando os informes da Deputación Provincial de Ourense e da Delegación do Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 167.c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal. Así mesmo, consta a proposta de clasificación dos postos resultantes.

A competencia para a aprobación da disolución da agrupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de réxime local, segundo dispoñen o artigo 167 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e o artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte de outubro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Primeiro. Aprobar a disolución da agrupación voluntaria dos concellos da Pobra de Trives e San Xoán de Río, na provincia de Ourense, para o sostemento en común dun posto único de secretaría-intervención.

Segundo. Clasificar os postos de traballo reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional resultantes da disolución nos seguintes termos:

Entidade local: Concello da Pobra de Trives.

Posto: Secretaría de clase terceira.

Subescala: Secretaría-Intervención.

Forma provisión: concurso.

Nivel complemento de destino: 26.

Entidade local: Concello de San Xoán de Río.

Posto: Secretaría de clase terceira.

Subescala: Secretaría-Intervención.

Forma provisión: concurso.

Nivel complemento de destino: 26.

Terceiro. Adscribir a persoa funcionaria de Administración local con habilitación de carácter nacional titular do posto de traballo reservado de Secretaría de clase terceira da agrupación ao novo posto de Secretaría de clase terceira do Concello de San Xoán de Río.

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, perante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015. Así mesmo, as entidades locais poderán presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, vinte de outubro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes