Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Luns, 31 de outubro de 2022 Páx. 57393

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no termo municipal de Santa Comba (expediente-e IN407A 2022/155-1).

Expediente-e: IN407A 2022/155-1.

Solicitante: Electra de Santa Comba, S.L.

Denominación: repotenciación LMT, novo CT Guldrís e enlace coa RBT (Santa Sabiña-Santa Comba).

Termo municipal: Santa Comba.

Feitos:

Primeiro. O 2.5.2022, Electra de Santa Comba, S.L. solicitou a esta xefatura territorial o outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción das instalacións do proxecto de execución denominado Repotenciación LMT, novo CT Guldrís e enlace coa RBT (Santa Sabiña-Santa Comba), coa finalidade de mellorar a rede de distribución existente no lugar de Guldrís (parroquia de San Xulián), termo municipal de Santa Comba. Para tal fin proxectouse a substitución do centro de transformación de intemperie CT Guldrís, de 100 kVA de potencia, e instalouse un novo centro de transformación prefabricado de 100 kVA, unha liña de media tensión soterrada que o enlazará coa liña de distribución de media tensión LMTA a CT Guldrís (expediente 27.949) alimentada pola subestación Carballo e un novo tramo de liña aérea entre os apoios nº 31 e nº 33.

A promotora achega xunto coa dita solicitude o proxecto de execución, que inclúe memoria, planos e orzamento, conforme establece o artigo 123 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que comprende os seguintes documentos:

– Proxecto de execución denominado Repotenciación LMT, novo CT Guldrís e enlace coa RBT (Santa Sabiña-Santa Comba), asinado con data do 28.4.2022 por Antonio Sabín Vázquez, enxeñeiro técnico industrial (colexiado nº 2.233 do COETI da Coruña) e con visado nº 1018/22-CO, do 29.4.2022, do COETI da Coruña.

– Declaración responsable do técnico proxectista, segundo o establecido no punto 1.b) do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE nº 310, do 27 de decembro) e na Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 54, do 19 de marzo).

Segundo. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, de conformidade co disposto no artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG nº 39, do 26 de febreiro).

En cumprimento do artigo 46.e) da dita lei, o solicitante declara que o proxecto non afecta novos bens e dereitos de propiedade particular.

Terceiro. De acordo co establecido no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o preceptivo informe ou, de ser o caso, o establecemento do condicionado técnico que considerasen pertinente, ás distintas administracións, organismos, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados, para o que lles foi remitida unha separata do proxecto coas características da instalación e a documentación cartográfica na parte que a instalación puider afectar bens e dereitos ao seu cargo. Electra de Santa Comba, S.L. presentou separatas para os seguintes organismos: Concello de Santa Comba.

Cuarto. O 29.9.2022, os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe sobre a solicitude feita por Electra de Santa Comba, S.L.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación é competente para resolver o presente expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4 de xullo).

2. A lexislación de aplicación a este expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE nº 310, do 27 de decembro).

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE nº 310, do 27 de decembro).

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica (BOE nº 175, do 24 de xuño).

– Resolución do 19 de febreiro de 2014 pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG nº 54, do 19.3.2014).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE nº 68, do 18 de marzo).

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE nº 139, do 9 de xuño).

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG nº 39, do 26 de febreiro).

3. As características máis significativas das instalacións recollidas no proxecto de repotenciación LMT, novo CT Guldrís e enlace coa RBT (Santa Sabiña-Santa Comba), obxecto da solicitude de outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción, son:

• LMTS a 15 kV, de 275 metros de lonxitude, en condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3 (1 × 150 mm2 Al), con orixe no PA/S proxectado no apoio nº 33 proxectado na LMTA a CT Guldrís (expediente 27.949) e remate no CTC proxectado.

• LMTA a 20 kV, de 377 metros de lonxitude, en condutor tipo LA-78 Al, con orixe no apoio nº 31 existente da LMTA aos CCTT de Santa Sabiña e Guldrís (expediente 27.949) que se retirará da LMTA a CT Guldrís (expediente 27.949) e remate no apoio nº 33 proxectado. Retirada do condutor tipo LAC-28 existente.

• Substitución do apoio nº 32 de formigón tipo HV-15/400 polo novo apoio metálico tipo CH-20/1600 e intercalación dun novo apoio (nº 33) de formigón tipo HVH-15/4500 que fará as funcións de final de liña e onde se realizará un PA/S e se instalará un seccionador XS.

• CT Guldrís compacto prefabricado, cunha potencia de 100 kVA, unha relación de transformación de 20.000/400-230 V e configuración 1L+1P.

• Desmontaxe dun treito de LMTA a 20 kV, de 271 metros de lonxitude, en condutor tipo LAC-28, con orixe no apoio nº 33 proxectado e remate no CTI Guldrís (IN407A 2005/536-1) que se retirará. Desmontaxe de 2 apoios intercalados.

• Desmantelamento do CTI Guldrís (SCH041, IN407A 2005/536-1) existente de 100 kVA en apoio tipo pórtico existente. Desmontaxe dun dos apoios do pórtico.

4. Non consta no expediente, no día de hoxe, contestación do organismo ao informe solicitado, de tal xeito que, de acordo co establecido nos puntos 3 e 4 do artigo 3 do Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, se entende a súa conformidade coas especificacións técnicas propostas no proxecto de execución.

5. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción das instalacións de media tensión recollidas no proxecto de repotenciación LMT, novo CT Guldrís e enlace coa RBT (Santa Sabiña-Santa Comba), coas características anteriormente descritas, coas seguintes consideracións:

– A presente autorización outórgase sen prexuízo daquelas concesións e autorizacións que sexan necesarias de acordo con outras disposicións que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como se dispón no artigo 120.2 do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

– A presente autorización circunscríbese ás instalacións de tensión maior de 1 kV, de conformidade co artigo 111 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

– As instalacións executaranse no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

– Para a posta en funcionamento das instalacións, Electra de Santa Comba, S.L. solicitará a esta xefatura territorial a autorización de explotación destas, acompañada da seguinte documentación:

a) As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

b) Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

c) Toda a documentación exixible segundo a ITC LAT-04 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e a ITC RAT-22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE nº 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que os interesados poidan promover calquera outra acción que consideren pertinente para a defensa dos seus intereses.

Mediante este documento notifícaselle a Electra de Santa Comba, S.L. esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE nº 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 17 de outubro de 2022

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña