Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Luns, 31 de outubro de 2022 Páx. 57231

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 19 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2022 a 2024, susceptible de ser cofinanciada polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria (código de procedemento BS700A).

BDNS (Identif.): 655302.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/es/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Serán entidades beneficiarias segundo o tipo de xestión:

a) Xestión individual: concellos cun censo mínimo de 10.000 habitantes, incluídos os que resulten dunha fusión municipal.

b) Xestión compartida: agrupacións de concellos e/ou de mancomunidades de concellos, mancomunidades de concellos e consorcios locais constituídos exclusivamente por concellos.

Quedan excluídas as deputacións provinciais.

Segundo. Obxecto

O obxecto é establecer as bases reguladoras e aprobar a convocatoria para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia destinadas á prestación de servizos nos anos 2022, 2023 e 2024, ao abeiro do disposto no Decreto 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede galega de atención temperá.

As subvencións destinaranse á consecución das seguintes finalidades:

a) Programa I, destinado á consolidación dos servizos de atención temperá actualmente subvencionados pola Xunta de Galicia a través da Orde do 31 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas parcialmente polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2022.

b) Programa II, destinado aos servizos existentes actualmente non subvencionados, así como á implantación de novas unidades.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 19 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá nos anos 2022 a 2024, susceptible de ser cofinanciada polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria (código de procedemento BS700A).

Cuarto. Contía

Destínase crédito por importe total de once millóns oitocentos doce mil douscentos dezanove euros (11.812.219,00 €), o cal é susceptible de ser cofinanciado nunha porcentaxe do 60 % polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027, obxectivo específico 4 k), distribuído segundo o seguinte:

Anualidade

Importe do Programa I

Importe do Programa II

Total

2022

829.121,00 €

155.230,00 €

984.351,00 €

2023

4.145.606,00 €

776.152,00 €

4.921.758,00 €

2024

4.974.727,00 €

931.383,00 €

5.906.110,00 €

A contía máxima de subvención por beneficiario virá determinada polo número total de horas de traballo totais do equipo que conforma a unidade e, en todo caso, cos seguintes importes máximos en función do tipo de xestión:

a) Individual: 10.270,00 € por mes subvencionable.

b) Compartida: 13.435,00 € por mes subvencionable.

O importe calcularase de acordo co sistema de custos simplificados en función do custo unitario por hora de traballo sinalado na orde, segundo os grupos profesionais.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

De conformidade co establecido na orde e nos termos establecidos nos artigos 7, 8, 9, 10 e 11:

a) Para os efectos da concesión da subvención, o obxecto da prestación estará exclusivamente integrado polo conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e á súa contorna, co obxectivo de dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. A atención estenderase ata a data de finalización do curso escolar cando o cumprimento da idade de 6 anos sexa anterior a esta.

b) O período máximo subvencionable abranguerá desde o 1 de novembro de 2022 ata o 31 de outubro de 2024, e os gastos imputables serán os directos de persoal e outros gastos directos e indirectos realizados naquel e que fosen efectivamente pagados na data límite de xustificación.

c) O equipo de traballo deberá contar cun mínimo de 3 integrantes e ser interdisciplinar.

d) Para a anualidade 2022 realizarase o pagamento do 100 % da contía da subvención concedida en concepto de anticipo, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución de concesión. Para a anualidade 2023 realizarase de forma fraccionada cun pagamento do 60 % da contía da subvención en concepto de anticipo, que se fará efectivo ao longo do mes de marzo de 2023. O importe restante ou a parte que corresponda aboarase ata o 31 de outubro de 2023. Para a anualidade 2024 realizarase de forma fraccionada cun pagamento do 70 % da contía da subvención concedida en concepto de anticipo, que se fará efectivo ao longo do mes de marzo de 2024.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2022

A conselleira de Política Social e Xuventude
P.S. (Decreto 153/2022, do 13 de setembro; DOG núm. 175, do 14 de setembro)
Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación