Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Luns, 31 de outubro de 2022 Páx. 57105

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 25 de outubro de 2022 pola que se amplía o prazo de xustificación da Orde do 16 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2022, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT238A).

O 1 de xullo de 2022, publicouse no Diario Oficial de Galicia número 125 a Orde do 16 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2022, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT238A).

O artigo 19 das bases regula a xustificación. No parágrafo 2 establécese que para o pagamento os beneficiarios deben presentar a documentación indicada ata o 31 de outubro de 2022 (incluído).

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros. O artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Tendo en conta que a convocatoria de subvencións se resolveu con data do 18 de outubro, debido á gran cantidade de solicitudes presentadas, e que deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia para coñecemento dos beneficiarios, e dada a proximidade do prazo de xustificación establecido na Orde da convocatoria, o 31 de outubro de 2022, considérase necesario introducir modificacións no artigo 19.2 da Orde do 16 de xuño de 2022 e ampliar o prazo de xustificación de tal xeito que os beneficiarios das axudas poidan presentar a xustificación dos gastos ata o 30 de novembro de 2022, sen que con iso se cause prexuízos a terceiros.

En consecuencia, procede levar a cabo a modificación da orde no sentido de ampliar o prazo de xustificación sinalado no artigo 19.2 das bases da convocatoria ata o 30 de novembro de 2022, e os restantes artigos quedan sen variacións.

Polas razóns expostas,

RESOLVO:

Modificar a data límite de xustificación establecida no artigo 19.2 das bases da convocatoria ampliando o prazo ata o 30 de novembro de 2022.

En consecuencia, o artigo 19.2 das bases da convocatoria quedaría redactado do seguinte xeito:

2. Para a xustificación das axudas deberá presentar a seguinte documentación ata o 30 de novembro de 2022 (incluído).

O resto do artigo queda sen variacións.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades