Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Venres, 28 de outubro de 2022 Páx. 56990

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e de construción da instalación solar fotovoltaica de autoconsumo con excedentes de 800 kW que Magnesitas de Rubián, S.A. promove no concello do Incio (Lugo).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Magnesitas de Rubián, S.A. en relación coa autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción dunha instalación solar fotovoltaica de autoconsumo con excedentes, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 27 de xaneiro de 2022 Magnesitas de Rubián, S.A. solicita a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación solar fotovoltaica de autoconsumo con excedentes de 995,50 kWp e 800 kW de potencia instalada correspondente á suma das potencias dos catro inversores que forman parte da instalación, situada no concello do Incio (Lugo).

Segundo. O 25 de febreiro de 2022, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo remitiu ao Concello do Incio e á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), respectivamente, unha separata do proxecto da instalación solar fotovoltaica co fin de que formulasen o condicionado técnico procedente de acordo co recollido no artigo 47 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, en que contaban cun prazo de 30 días para expresar a súa conformidade ou oposición á autorización administrativa previa e de construción.

O 3 de marzo de 2022, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) emitiu un escrito no cal se recolle que pode autorizarse a instalación solar fotovoltaica co cumprimento dunha serie de condicións recollidas no devandito documento.

O Concello do Incio non presentou ningún condicionado ao proxecto remitido, e transcorrido o prazo mencionado sen remitir resposta, enténdese a conformidade do citado Concello coas autorizacións mencionadas.

Terceiro. O 12 de abril de 2022, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo informou favorablemente a autorización administrativa previa e de construción da instalación solar fotovoltaica de autoconsumo con excedentes.

Cuarto. O 2 de agosto de 2021, requíreselle a Magnesitas de Rubián, S.A. documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. A empresa presentou a documentación requirida o 8 de agosto de 2022 e o 21 de setembro de 2022.

Quinto. O 28 de setembro de 2022, Magnesitas de Rubián, S.A. presentou o xustificante da aceptación das condicións establecidas no condicionado emitido o 3 de marzo de 2022 pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) mencionado no antecedente de feito segundo.

Sexto. A planta solar fotovoltaica de autoconsumo con excedentes conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución para unha potencia de 800 kW de acordo co documento emitido polo xestor da dita rede do 23 de marzo de 2022.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, no Decreto 58/2022, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas recollidas na mencionada lei ou modificación das existentes requirirá de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado e correspóndelle neste caso o seu outorgamento á Administración autonómica.

Terceiro. De acordo co Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á dirección xeral competente en materia de enerxía a competencia para outorgar a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción desta instalación.

Cuarto. A instalación solar fotovoltaica de autoconsumo non precisa someterse a trámite de avaliación ambiental ao non estar recollida nos supostos previstos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Quinto. Segundo o recollido no artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, así como na súa disposición transitoria cuarta, a instalación solar fotovoltaica de autoconsumo está exenta do trámite de información pública. Así mesmo, o promotor non solicitou a declaración de utilidade pública.

Sexto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23; no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións complementarias; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos; no Real decreto 244/2019, do 5 de abril, polo que se regulan as condicións administrativas, técnicas e económicas do autoconsumo de enerxía eléctrica; na Instrución 2/2021, do 4 de marzo, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sobre a tramitación administrativa e os requisitos técnicos aplicables ás instalacións de xeración asociadas ás modalidades de autoconsumo; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa a Magnesitas de Rubián, S.A. para unha instalación solar fotovoltaica de autoconsumo con excedentes situada no concello do Incio (Lugo) segundo o correspondente proxecto.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción para unha instalación solar fotovoltaica de autoconsumo con excedentes promovida no concello do Incio (Lugo) segundo o proxecto de execución denominado proxecto de execución de planta solar fotovoltaica en chan de 800 kW de autoconsumo, asinado o 16 de marzo de 2022 polo enxeñeiro industrial Pablo Fernández Castro, colexiado nº 985/201 do ICAI.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

– Solicitante/promotora: Magnesitas de Rubián, S.A. (CIF A28101020).

– Domicilio social: estrada LU-546 km 35 s/n, Vilademouros, 27341 O Incio (Lugo).

– Denominación do proxecto: proxecto de execución planta solar fotovoltaica en chan de 800 kW de autoconsumo.

– Situación: estrada LU-546 km 35 s/n, Vilademouros, 27341 O Incio (Lugo).

– Parcela con referencia catastral: 27024A013006040000DE.

– Potencia instalada: 800 kW.

– Potencia autorizada: 800 kW.

– Características técnicas principais das instalacións:

• Instalación solar fotovoltaica no chan para autoconsumo con excedentes, de 800 kW de potencia nominal (995,5 kWp), formada por:

– 1.810 módulos solares fotovoltaicos de silicio monocristalino de 550 Wp por unidade, que se instalarán sobre un sistema de estrutura fixa de mesas con inclinación 25º sobre a horizontal.

– 2 inversores fotovoltaicos dunha potencia nominal unitaria de 215 kW e 2 inversores de 185 kW.

– Elementos de protección e medida.

• Centro de transformación en edificio prefabricado de formigón no cal se instala:

– Transformador de 800 kVA e relación de transformación 20/0,8 kV.

– Celda de liña e cela de protección.

– Transformador de servizos auxiliares de 5 kVA e relación de transformación 800/400 V.

– Cadros de baixa tensión e mando e protección de xeración e servizos auxiliares.

– Cadro de control e monitorización.

• Liña eléctrica soterrada a 20 kV, en condutor tipo RHZ1 12/20 kV 3×(1×95) mm2 Al, de 250 m de lonxitude, con orixe no CT proxectado e final na cela de protección proxectada do CT existente.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referido no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.

2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establecen o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

4. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación de acordo co establecido no artigo 53.c) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante a Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, co fin de que esta proceda a efectuar a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificar o cumprimento dos compromisos contraídos por Magnesitas de Rubián, S.A. e dos condicionados impostos nesta resolución para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5. Logo de obter a autorización de explotación mencionada no parágrafo anterior, a promotora deberá solicitar a inscrición da instalación solar fotovoltaica no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co recollido nos artigos 39 e 40 do Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos.

6. O prazo para a posta en servizo das instalacións será de dous meses contados a partir da data de notificación da obtención do último permiso necesario para executar a instalación. Se transcorrido o dito prazo aquela non tivo lugar, poderá producirase a caducidade destas autorizacións.

7. A promotora deberá cumprir con todas as condicións recollidas no documento emitido o 3 de marzo de 2022 pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).

8. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

9. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2022

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais