Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Venres, 28 de outubro de 2022 Páx. 56833

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 24 de outubro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes aos exercicios 2022 e 2023 (código de procedemento TR301V).

Os números 1 e 2 do artigo 29 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúen á Comunidade Autónoma galega a execución da lexislación do Estado en materia laboral e de fondos de ámbito nacional e de emprego.

A Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, recolle a planificación e o financiamento do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema.

O Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, completa este marco regulador e dedica o seu artigo 25 ás axudas e bolsas que poden percibir as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas.

Así mesmo, a Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o seu financiamento, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, regula, no seu capítulo IV, as diferentes tipoloxías de bolsas e axudas.

Neste sentido, o artigo 23.2 da citada orde ministerial dispón que as administracións públicas competentes establecerán nos seus respectivos ámbitos as contías, prazos de solicitude e concesión das bolsas e axudas previstas, e no seu anexo II determínanse as súas contías máximas.

A posterior publicación da Orde TES/1109/2020, do 25 de novembro (BOE núm. 311, do 27 de novembro), modificou a Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.

En relación coas accións formativas referenciadas no Catálogo nacional de cualificacións profesionais, acreditadas nos termos previstos na Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, estas correspóndense co ámbito da formación profesional para o emprego, competencia do Ministerio de Educación e Formación Profesional.

Coa publicación no BOE do 5 de outubro de 2022 da Orde EFP/942/2022, do 23 de setembro, procedeuse a regular a oferta formativa do Sistema de formación profesional no ámbito laboral asociada ao Catálogo nacional de cualificacións profesionais efectuada polas administracións competentes, e estableceranse as bases reguladoras e as condicións para o seu financiamento.

Mediante a Resolución da Secretaría General de Formación Profesional do Ministerio de Educación y Formación Profesional, do 29 de xuño de 2022 (BOE do 11 de xullo), concedéronselle á Comunidade Autónoma de Galicia diversas cantidades consignadas nos orzamentos xerais do Estado para o exercicio económico de 2022, para o desenvolvemento de accións formativas no ámbito da formación profesional para o emprego vinculadas ao Catálogo nacional das cualificacións profesionais.

Así mesmo, a Orde TES/441/2022, do 17 de maio (BOE núm. 119, do 19 de maio), pola que se distribúen territorialmente para o exercicio económico de 2022, para a súa xestión polas comunidades autónomas con competencias asumidas, créditos do ámbito laboral financiados con cargo aos orzamentos xerais do Estado, non financiados co Mecanismo de recuperación e resiliencia, incluíndo aqueles destinados á execución do Plan Reincorpora-T 2019-2021, estableceu a distribución de créditos entre comunidades autónomas para o financiamento daquelas iniciativas do Sistema de formación profesional para o emprego incluídas no Catálogo de especialidades formativas non dirixidas á obtención de certificados de profesionalidade e cuxa competencia corresponde ao Servizo Público de Emprego Estatal.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece no seu artigo 5.2, que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se axusta esta disposición.

A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, regula os requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos que teñen carácter básico, polo que son de aplicación á normativa nesta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

O obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo á concesión de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego.

A orde describe as diferentes tipoloxías de bolsas e axudas, os requisitos que se deberán cumprir para ser persoa beneficiaria delas e o procedemento que debe seguir o alumnado para a súa solicitude. Ademais, aclara conceptos e dúbidas xurdidas na aplicación do anterior texto normativo que derroga.

Así mesmo, a norma evoluciona e modifica a axuda a mulleres vítimas de violencia de xénero recollida na Orde do 21 de outubro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes aos exercicios 2021 e 2022, para adaptala ás demandas da sociedade e abranguer un colectivo máis amplo de persoas destinatarias, baixo a denominación de vítimas de violencia de xénero, que inclúe ademais, como concepto de violencia, a violencia vicaria e a violencia dixital.

Á vista do anterior, e logo de consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto regular o réxime da concesión directa de subvencións por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade en concepto de bolsas e axudas para as persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas no marco da formación profesional para o emprego financiadas pola referida consellería, código de procedemento TR301V, coa excepción da formación incluída en programas integrados de emprego, obradoiros de emprego e accións formativas financiadas con fondos procedentes do Mecanismo de recuperación e resiliencia.

2. Por medio desta orde convócanse as ditas subvencións, referidas ás accións formativas que se inicien no período comprendido entre o 1 de novembro de 2022, día da entrada en vigor desta orde, e o 31 de outubro de 2023 (ambos incluídos).

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento destas axudas destínase un crédito total de 8.560.000,00 €, distribuído en dúas anualidades, que se imputarán con cargo á aplicación orzamentaria 11.05.323A.480.0, códigos de proxecto 2013 00545 e 2021 00149.

A distribución do importe por anualidades especifícase na seguinte táboa:

Aplicación

Proxecto

Anualidade 2022

Anualidade 2023

11.05.323A.480.0

2013 00545

60.000 €

800.000 €

11.05.323A.480.0

2021 00149

500.000 €

7.200.000 €

Total

560.000 €

8.000.000 €

2. A concesión das subvencións en concepto de bolsas e axudas previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

3. Se o orzamento asignado non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentase nalgún dos lugares previstos nesta orde ou, no caso de que a solicitude non estea completa, a data en que esta fose emendada.

No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora de presentación.

4. Os créditos consignados nesta orde poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de formación profesional para o emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais e a Conferencia Sectorial do Sistema de Cualificacións e Formación Profesional para o Emprego, e nos supostos e nas condicións previstos nos artigos 30 e 31 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

5. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán obter a condición de persoas beneficiarias das subvencións en concepto de bolsas e axudas obxecto desta convocatoria as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas recollidas no artigo 1 e que reúnan os requisitos exixidos con carácter xeral nesta orde, así como os particulares establecidos nos artigos que se refiren a cada tipo de bolsa ou axuda, nos termos do disposto no capítulo IV e no anexo II da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo.

2. Para os efectos do indicado no número 1 deste artigo, terán a consideración de persoas traballadoras desempregadas aquelas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia e con situación laboral como non ocupadas, na data de inicio da acción formativa ou no momento da súa incorporación á acción formativa.

Tamén poderán obter a condición de beneficiarias as persoas traballadoras que, tendo a condición laboral de ocupadas no momento da súa incorporación á acción formativa, naqueles supostos en que estea permitida a participación de persoas traballadoras ocupadas, adquiran a condición de persoas traballadoras desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia durante o período de desenvolvemento da acción formativa.

Neste caso, só terán dereito a percibir as axudas que lles poidan corresponder desde o primeiro día do mes seguinte a aquel en que adquiran a condición de persoa desempregada. No suposto de que desapareza o feito causante, perderase o dereito a percibir a axuda a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar esta situación.

A persoa beneficiaria débese comprometer a manter os requisitos que lle permiten o acceso á subvención durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito, de tal maneira que, se deixa de cumprilos, estará obrigada a comunicalo por escrito ao órgano competente para resolver, no prazo de cinco días hábiles desde que se produza tal circunstancia.

3. Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria das subvencións previstas nesta orde aquelas nas cales concorran algunhas das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estaren incursas en ningunha das ditas circunstancias realizarase, de acordo co disposto no artigo 16 desta orde, mediante unha declaración responsable incluída no modelo de solicitude do anexo I, cuxo contido estará suxeito ao disposto no artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sobre declaración responsable e comunicación.

4. As referencias que nesta orde se recollen con respecto ao momento a partir do cal se ten dereito a percibir a bolsa ou axuda refírense aos efectos do cómputo, pois a percepción do importe correspondente á subvención efectuarase no momento correspondente, logo da instrución, tramitación, proposta e resolución, nos termos desta mesma orde, e tendo en conta, especialmente, a necesidade de que exista un mínimo acumulado de 100 € ou fracción.

Artigo 4. Bolsas e axudas. Tipoloxía e réxime de concesión.

1. As subvencións reguladas nesta orde son compatibles e acumulables entre si, agás a axuda por transporte público e a axuda por transporte en vehículo propio, que son incompatibles entre elas.

As bolsas de asistencia para persoas cunha discapacidade recoñecida nun grao igual ou superior ao 33 %, as das persoas que participen nunha acción formativa solicitada desde o seu itinerario persoal individualizado de emprego (IPE), así como as destinadas a persoas que formen parte dunha familia monoparental ou numerosa, son excluíntes entre si e non se poderán percibir simultánea e acumulativamente.

2. As bolsas e axudas reguladas por esta orde, dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas indicadas no artigo 1, son as que a seguir se relacionan:

• Bolsas de asistencia para os seguintes colectivos:

– Persoas con discapacidade recoñecida en grao igual ou superior ao 33 %.

– Persoas que participan nunha acción formativa incluída no seu itinerario persoal individualizado de emprego.

– Membros integrantes dunha familia numerosa.

– Membros integrantes dunha familia monoparental.

• Axudas de transporte público, urbano e interurbano, ou vehículo propio.

• Axudas para manutención.

• Axudas de aloxamento e manutención.

• Axudas á conciliación.

• Axudas para vítimas de violencia de xénero.

O dereito do alumnado a percibilas referirase a cada día de asistencia na correspondente acción formativa, debidamente acreditada a través dos medios de control da asistencia aplicables.

3. De acordo co establecido no artigo 23.2 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, no relativo ao limiar mínimo de tramitación, deberá existir un mínimo acumulado de 100 € por persoa desempregada participante nas accións formativas para proceder á tramitación das bolsas e axudas. Naqueles supostos en que, pola duración do curso ou do período de concorrencia do feito causante, os días de asistencia á formación non permitan chegar ao dito mínimo de 100 € por persoa, a tramitación realizarase ao remate da acción formativa, pola fracción correspondente.

O sinalado no anterior parágrafo non impedirá que a xefatura de servizo competente na materia poida determinar a tramitación de bolsas e axudas por importes inferiores se as posibilidades de xestión e a carga de traballo da unidade administrativa o permiten.

4. O alumnado que participe en accións formativas impartidas, total ou parcialmente, na modalidade de teleformación ou mediante aula virtual terá dereito a percibir, sempre que quede debidamente acreditada a súa participación ou asistencia e cumpra cos requisitos necesarios para a súa obtención, as seguintes bolsas e axudas: bolsa de asistencia por discapacidade recoñecida, bolsa de asistencia por participar nunha acción formativa do seu itinerario persoal individualizado de emprego, bolsa de asistencia por ser membro dunha familia monoparental ou numerosa, axuda por conciliación e axuda a vítimas de violencia de xénero.

Cando a formación se imparta na modalidade de teleformación ou mediante aula virtual, o alumnado terá dereito, de ser o caso, a percibir axudas por transporte, para manutención ou por aloxamento e manutención, naquelas sesións en que a actividade formativa requira a presenza física das persoas alumnas participantes.

5. Para o cálculo do tempo de asistencia, número de días, na modalidade de teleformación, será de aplicación a seguinte fórmula:

(Días de teleformación planificados na programación * Nº controis realizados polo/a alumno/a) / Nº total de controis que se van realizar

En cursos modulares para os efectos de determinar o número de controis realizados polo alumnado para a liquidación de bolsas e axudas, así como o número total de controis que se van levar a cabo durante a realización da actividade formativa, aplicaranse como referencia de cálculo, cando o curso sexa modular, os módulos formativos e, no caso de que, por exención, se realicen unha ou varias unidades formativas sen completar o módulo, o cálculo aplicarase unicamente sobre as unidades realizadas.

6. O procedemento de concesión destas subvencións será en réxime de concesión directa, de acordo co establecido no artigo 19.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 6.5.d) da Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.

7. A Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia reserva para si o dereito a efectuar cantas comprobacións sexan oportunas coa finalidade de asegurar o cumprimento dos requisitos exixidos por parte das persoas que perciban as subvencións reguladas nesta orde e, de ser o caso, poderá iniciar os procedementos de reintegro e sancionador que sexan oportunos, segundo o establecido pola lexislación de subvencións aplicable.

De acordo co disposto no artigo 23 desta orde, e para os efectos de posteriores comprobacións, as persoas beneficiarias deberán conservar durante un prazo de catro (4) anos a documentación probatoria acreditativa do cumprimento dos requisitos exixidos para cada tipo de bolsa ou axuda. A presentación da declaración responsable incluída na solicitude da bolsa ou axuda non eximirá as persoas beneficiarias da obriga de conservar a referida documentación xustificativa.

8. Para os efectos de comprobar a asistencia e participación do alumnado nas accións formativas incluídas no marco da formación profesional para o emprego, reguladas nesta orde, utilizaranse métodos de control que permitan reflectir e ter constancia do tempo de presenza e da hora e minutos en que tivo lugar a entrada e saída das persoas participantes.

Neste sentido, suxeito ao que dite a correspondente norma reguladora de cada procedemento, aplicaranse sistemas de control biométrico mediante pegada dixital, compatibles co sistema establecido polo Servizo Público de Emprego de Galicia, e/ou calquera outro método que para os ditos efectos se autorice para cada unha das posibles modalidades de impartición das accións formativas.

9. Consonte o número 4 do artigo 23 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, as bolsas e axudas á conciliación previstas nesta orde non se computarán como renda para os efectos do establecido no artigo 275.4 do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro.

Artigo 5. Bolsas de asistencia para persoas con discapacidade, persoas que participan nunha acción formativa do seu itinerario persoal individualizado de emprego e membros integrantes de familias numerosas ou familias monoparentais

1. As persoas traballadoras desempregadas que pertenzan a algún dos seguintes colectivos terán dereito a percibir unha bolsa de 9 euros por día de asistencia:

a) Ter recoñecida unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 %, segundo o previsto no artigo 1 do Real decreto 1414/2006, do 1 de decembro.

b) Participar nunha acción formativa solicitada, e non caducada, desde o itinerario individual e personalizado de emprego (IPE), en coherencia co obxectivo profesional que nel se estableza e sempre que non se negasen a participar en actividades nel recollidas.

c) Ser membro integrante de familia numerosa.

d) Ser membro integrante dunha familia monoparental.

2. A contía máxima que se vai percibir por este tipo de bolsa será de 9 euros por día de asistencia, independentemente de que a persoa desempregada pertenza simultaneamente a máis dun dos colectivos sinalados no número 1 deste artigo.

3. No caso das persoas pertencentes aos colectivos a que se refiren as alíneas a), c) ou d) do número 1 deste artigo, no suposto de que o recoñecemento da discapacidade, ou da condición de familia numerosa ou monoparental, teña lugar con posterioridade ao inicio da acción formativa, terán dereito a percibir esta bolsa a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar este recoñecemento, e terán que realizar a solicitude da axuda no prazo dun mes desde que tivo lugar dito o recoñecemento.

4. Polo que se refire ás persoas que se engloban na alínea b) do número 1, para ter dereito a esta bolsa, a solicitude da acción formativa desde o itinerario individual e personalizado de Emprego (IPE) ten que ser anterior á data que consta na carta de cita para a selección enviada pola oficina de emprego ou, no caso de selección directa ou convocatoria pública, anterior á data en que a entidade presenta a acta de selección na oficina de emprego correspondente.

5. No caso de que dúas persoas conviventes pertencentes a unha mesma unidade familiar participen na mesma acción formativa, só se lle aboará a axuda por familia numerosa a unha delas.

6. Para ter dereito ás bolsas ás cale se refire o número 1, o alumnado deberá presentar unha declaración responsable, incluída no anexo I de solicitude, e deberá carecer de rendas de calquera clase iguais ou superiores ao 75 % do indicador público de renda de efectos múltiples (no sucesivo, IPREM).

Entenderase cumprido este requisito sempre que a suma das rendas de todas as persoas integrantes da unidade familiar ou de convivencia, incluída a persoa solicitante, dividida polo número das persoas membros que a compoñen, sexa inferior ao 75 % do IPREM.

Artigo 6. Axudas de transporte

1. As persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación a que se refire esta orde terán dereito a unha axuda de transporte público, independentemente do seu carácter urbano ou interurbano:

a) Axuda de transporte público urbano: o alumnado que utilice a rede de transporte público urbano para asistir á formación terá dereito a percibir unha axuda de 1,5 € por día de asistencia.

b) Axuda de transporte público interurbano: o alumnado cuxo enderezo de intermediación laboral estea localizado nun concello distinto daquel en que teña lugar a acción formativa ou que, coincidindo o concello, deba empregar o transporte público interurbano para asistir á acción formativa, terá dereito a percibir unha axuda de 1,5 € por día de asistencia.

Entenderase por transporte público o servizo de transporte que pode ser utilizado por calquera persoa para trasladarse dun lugar a outro e que se efectúa por diversos medios, dentro de itinerarios preestablecidos e suxeito a calendarios e horarios prefixados. Para estes efectos, o uso do taxi terá a consideración de transporte público.

Para teren dereito á súa percepción deberán presentar unha declaración responsable, incluída no anexo I de solicitude, en que se explicite o medio de transporte utilizado e a liña ou as liñas de transporte público, urbano e/ou interurbano, que precisen utilizar para asistiren á acción formativa.

2. De non existir medio de transporte público entre o enderezo de intermediación laboral das persoas traballadoras desempregadas que asistan á acción formativa e o lugar en que esta se desenvolva ou, no caso de existir, se o horario regular do transporte público non permite compatibilizalo co horario da acción formativa, terán dereito a percibir unha axuda por transporte en vehículo propio consistente en 0,19 € por quilómetro e día de asistencia, cun máximo de 15 euros diarios.

Para teren dereito á súa percepción deberán presentar unha declaración responsable, incluída no anexo I de solicitude, de que non existe medio de transporte público entre o enderezo de intermediación laboral e o lugar en que a acción formativa se desenvolva ou, no caso de existir este, que o horario regular do trasporte público non permite compatibilizalo co horario de realización da acción formativa. A dita declaración deberá incluír o total diario de quilómetros que deban realizar e indicar a matrícula do vehículo que utilizarán no desprazamento.

No caso de que dúas persoas conviventes pertencentes a unha mesma unidade familiar participen na mesma acción formativa, só se lle aboará a axuda por transporte en vehículo propio a unha delas.

Para o cálculo da cantidade que cómpre aboar, terase en conta a distancia en quilómetros existente entre o enderezo habitual da persoa solicitante desempregada e o do establecemento formativo onde teña lugar a realización da acción formativa ou o módulo de prácticas. Para estes efectos, entenderase como enderezo habitual o enderezo de intermediación que figure rexistrado no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento de inicio da actividade formativa.

A comprobación da exactitude dos quilómetros declarados como realizados diariamente poderase efectuar, sen prexuízo da posible utilización doutros medios de control, mediante o uso de sistemas informáticos que permitan determinar a distancia existente entre os puntos de orixe e destino.

Artigo 7. Axudas de manutención e de aloxamento e manutención

1. Se o horario de impartición da acción formativa é de mañá e de tarde, e a distancia entre o enderezo de intermediación laboral da persoa traballadora desempregada rexistrado no Servizo Público de Emprego de Galicia e o lugar en que se desenvolve aquela acada ou supera os 20 quilómetros, poderase ter dereito a unha axuda de manutención pola contía xustificada e por un importe máximo de 12 euros diarios, conforme a contía máxima establecida no punto segundo do anexo II da Orde TMS/368/2019.

2. No caso de que a distancia entre o enderezo de intermediación laboral da persoa traballadora desempregada e o lugar en que se imparte a acción formativa sexa igual ou superior aos 100 quilómetros ou que, pola rede de transportes existentes, os desprazamentos non se poidan efectuar diariamente antes e despois das clases, poderase ter dereito a unha axuda de aloxamento e manutención sempre que a asistencia á acción formativa sexa en horario de mañá e tarde e implique que a persoa solicitante se deba aloxar no concello en que ten lugar a súa impartición. A concorrencia desta última circunstancia será apreciada polo órgano competente. O alumnado terá dereito aos billetes de transporte en clase económica dos desprazamentos inicial e final.

A axuda por aloxamento e manutención será dun máximo de 50 € por día.

Para teren dereito á percepción das anteriores axudas, as persoas solicitantes deberán presentar unha declaración responsable, incluída no anexo I de solicitude, en que indiquen que se cumpren os requisitos establecidos no parágrafo anterior, e achegar mensualmente a documentación recollida no artigo 25.3 desta orde.

Artigo 8. Axudas á conciliación

1. As persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación de referencia e que teñan que conciliar a súa participación co coidado de fillos/as menores e/ou persoas acollidas menores de doce anos ou de familiares dependentes ata o segundo grao terán dereito a unha contía igual ao 75 % do IPREM diario, por día de asistencia, acumulable, de ser o caso, ao resto de bolsas e axudas que lle poidan corresponder.

2. As persoas que se queiran acoller a esta axuda deberán presentar unha declaración responsable, incluída no anexo I de solicitude, e cumprir as seguintes condicións ao inicio da acción formativa ou no momento en que teña lugar o feito causante:

a) Carecer de rendas de calquera clase iguais ou superiores ao 75 % do IPREM, nos termos de cálculos de renda referidos nesta orde.

b) Ter fillo/a/s e/ou persoas acollidas menor/es de doce anos ou, de ser o caso, familiares dependentes ata o segundo grao.

3. No suposto de que o suxeito causante da axuda sexa un familiar ata o segundo grao, este entenderase incluído na unidade familiar para o cómputo de rendas.

4. Se o fillo ou a filla nace ou se acredita a dependencia con posterioridade ao inicio da acción formativa, terase dereito a percibir a axuda a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar o feito causante, e terase que realizar a solicitude da axuda no prazo dun mes desde que tivo lugar o feito.

5. No suposto de desaparición do feito causante, perderán o dereito á percepción da axuda a partir do primeiro día do mes seguinte a aquel en que teña lugar a desaparición, e estarán obrigadas a comunicalo por escrito ao órgano competente para resolver, no prazo de cinco días hábiles desde que se produza tal circunstancia.

6. No caso de que dúas persoas conviventes pertencentes a unha mesma unidade familiar participen na mesma acción formativa, só se lle aboará a axuda por conciliación a unha delas.

Artigo 9. Axudas para vítimas de violencia de xénero

1. As persoas traballadoras desempregadas que asistan ás accións de formación a que se refire esta orde e que teñan a condición de vítima de violencia de xénero terán dereito a percibir unha axuda de dez euros por día de asistencia, acumulables, de ser o caso, ao resto de bolsas e axudas que lles poidan corresponder.

Para estes efectos, entenderase por vítimas de violencia de xénero aquelas que teñan tal consideración de acordo co disposto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Inclúese dentro do concepto de violencia de xénero, en aplicación da Lei 14/2021, do 20 de xullo, e a Lei 15/2021, do 3 de decembro, modificadoras ambas da Lei 11/2007, a violencia vicaria e a violencia dixital.

2. Para aquelas subvencións en concepto de bolsas e axudas en que se establezan límites de rendas da unidade familiar ou de convivencia para a súa percepción, quedarán excluídas do cómputo das rendas os ingresos da persoa agresora.

Artigo 10. Cálculo das rendas

1. Para os efectos destas bases, as rendas calcularanse do seguinte xeito:

a) Para as persoas traballadoras por conta allea:

• Tomaranse os ingresos brutos do mes anterior ao inicio do curso ou do mes anterior a que se produza o feito causante que dea dereito á axuda, segundo o caso, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

• Teranse en conta as axudas de custo que superen o 10 % do IPREM.

b) Para as persoas autónomas:

• Tomaranse os ingresos netos do trimestre anterior ao inicio do curso ou do trimestre anterior a que se produza o feito causante que dea dereito á axuda, segundo o caso.

• Ratearase o importe mensualmente, para obter as rendas mensuais.

2. Computaranse como renda o importe dos salarios sociais, as rendas mínimas de inserción ou as axudas análogas de asistencia social concedidas pola comunidade autónoma, así como o importe das prestacións do Servizo Público de Emprego Estatal.

Tamén terán a consideración de renda os ingresos correspondentes a rendementos patrimoniais, pensións e calquera outro tipo de ingresos percibidos.

A variación de rendas non se considerará circunstancia sobrevida para os efectos de xerar dereito á percepción das axudas.

3. Os datos dos puntos anteriores referiranse á suma de ingresos de todas as persoas que integran a unidade familiar ou de convivencia, incluída a persoa solicitante, dividida polo número de membros que a compoñen.

Artigo 11. Definición de unidade familiar ou de convivencia

1. Para os efectos desta orde, consideraranse persoas integrantes da unidade familiar ou de convivencia, con referencia ao momento de presentar a solicitude e sempre que se produza a convivencia no mesmo enderezo que a persoa solicitante, ademais de esta:

a) As persoas familiares por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao de parentesco en liña ascendente, descendente ou colateral da persoa solicitante.

b) O cónxuxe ou a persoa con quen conviva en situación de unión de feito ou análoga, sempre que se trate de parella de feito acreditada.

c) As persoas acollidas menores de vinte e seis anos, ou de máis idade cando se trate de persoas con discapacidade.

2. A acreditación da convivencia non se deberá efectuar no momento da presentación da solicitude, senón que terá lugar, de ser o caso, no momento posterior que proceda e nos termos establecidos nesta orde, ben que si se deberán cumprir os requisitos coas oportunas consecuencias a que se refire o artigo 16.3 desta orde para o caso de incumprimento ou falsidade do declarado responsablemente.

Artigo 12. Procedemento de concesión

O procedemento de concesión das subvencións en concepto de bolsas e axudas a que se refire esta orde tramitarase en réxime de concesión directa, de acordo co previsto na Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral; na Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, de 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o seu financiamento, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, e no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional.

Artigo 13. Información sobre o procedemento administrativo

Poderase obter información relativa ao procedemento administrativo de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego, código TR301V, a través dos seguintes medios:

a) Na sede electrónica da Xunta de Galicia: http://sede.xunta.gal

b) Na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade:

https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/formacion-emprego/bolsas

c) Para as subvencións en concepto de bolsas e axudas que instrúa e tramite a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, nos teléfonos 881 99 91 24 e 981 99 96 02.

Para o caso concreto de accións formativas impartidas no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, nos teléfonos 881 99 78 03 e 881 99 78 07, así como no enderezo web https://cntg.xunta.gal/web/cntg/bolsas-e-axudas

d. Para as subvencións en concepto de bolsas e axudas que instrúan e tramiten as xefaturas territoriais, segundo corresponda, ademais de presencialmente na sede do correspondente servizo periférico, na Rede de oficinas de emprego e na Rede pública de centros de formación profesional para o emprego, nos seguintes teléfonos:

• A Coruña: 881 88 15 66 e 881 88 15 58.

• Lugo: 982 29 42 75 e 982 29 42 41.

• Ourense: 988 38 68 37 e 988 38 61 05.

• Vigo: 886 21 81 65 e 986 81 77 65.

e) Nas entidades, centros e empresas que perciban fondos públicos para o desenvolvemento de accións de formación para o emprego, nos termos do sinalado nesta orde e no correspondente instrumento xurídico que as regule.

f) Para cuestións de carácter xeral relacionadas coa orde, a través do teléfono 012 do Servizo de Información e Atención á Cidadanía da Xunta de Galicia (981 90 06 43 desde o resto do territorio español), e nas oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Artigo 14. Obriga de colaboración

1. As entidades, centros e empresas que perciban fondos públicos para o desenvolvemento de accións de formación para o emprego e que desenvolvan as accións formativas a que se refire o artigo 1 colaborarán, en cumprimento dos compromisos e obrigas asumidos, na xestión das subvencións en concepto de bolsas e axudas do alumnado que participe nas accións formativas desenvolvidas por cada un deles.

Esta obriga de colaboración abrangue tamén aqueles centros da rede pública da Xunta de Galicia que impartan formación profesional para o emprego, con independencia da consellería de adscrición, sen prexuízo doutras obrigas que se poidan determinar no instrumento xurídico correspondente.

2. A obriga de colaboración concretarase en todos aqueles aspectos que se indican nesta orde e con respecto ás persoas que participen na correspondente acción formativa, de conformidade co previsto no artigo 23.1 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo:

a) Informalas adecuadamente, en tempo e forma, dos dereitos que teñen, dos prazos para presentar a solicitude e da documentación necesaria.

b) Auxilialas no trámite de solicitude se así son requiridas e autorizadas pola persoa participante. Neste sentido, facilitaranlle ao alumnado solicitante das subvencións en concepto de bolsas e axudas os oportunos documentos que acrediten a documentación achegada, así como a data de entrega.

3. Cando a Administración pública autonómica constate que se produciu a perda do dereito ao recoñecemento ou pagamento dunha subvención por bolsa ou axuda a unha persoa traballadora desempregada que teña dereito a ela, e a dita perda for motivada polo incumprimento das obrigas por parte das entidades a que se refire este artigo, estas poderán, salvo acreditación achegada pola entidade de ter aboado ela a subvención á que tiña dereito a persoa ou persoas afectadas, ser obxecto dun procedemento de revogación e reintegro do financiamento público que obtivesen para o desenvolvemento da acción formativa na contía equivalente ao importe que deixase de percibir a persoa afectada.

Artigo 15. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado do anexo I, procedemento TR301V, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A persoa interesada deberá presentar, debidamente cuberto e asinado, o formulario de solicitude do anexo I, con indicación expresa das bolsas e axudas que vaia solicitar.

3. No suposto de que a persoa solicitante non teña capacidade técnica ou económica, ou que, por outros motivos, non teña garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, a presentación electrónica da solicitude e da documentación complementaria poderá ser validamente realizada por unha persoa representante que si cumpra cos ditos requisitos.

Neste sentido, de conformidade co previsto no artigo 23.1 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, as correspondentes entidades e centros beneficiarios colaborarán coas persoas solicitantes, a través dos seus recursos e medios humanos e técnicos, sempre que aquelas lles outorguen a súa autorización para presentaren no seu nome a solicitude e a documentación complementaria.

Ademais, a persoa peticionaria poderase dirixir á oficina de emprego que lle corresponda do Servizo Público de Emprego de Galicia para que unha persoa empregada pública presente no seu nome a solicitude e a documentación complementaria, se é autorizada expresamente pola peticionaria.

No caso de vítimas de violencia de xénero que solicitasen a confidencialidade dos seus datos, a solicitude de subvención deberase tramitar a través da persoa titora.

4. A solicitude dirixirase á Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación ou ás xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, segundo o tipo de acción formativa en que se participe e de conformidade co seguinte criterio:

a) As solicitudes das persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas, procedementos TR302A e TR303B, ou nas accións formativas impartidas polo Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, dirixiranse á Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

b) As solicitudes das persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas distintas ás citadas no número 4.a) deste artigo dirixiranse ás correspondentes xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, segundo a provincia ou ámbito territorial a que corresponda a competencia.

Inclúense nesta alínea b) as derivadas da participación nas seguintes accións formativas:

• As dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas e as dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas con compromiso de contratación, procedementos TR301K e TR301P, respectivamente.

• As propias da oferta formativa executada nos centros de formación para o emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

• As solicitudes das persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas impartidas nos centros da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, respecto das accións formativas incluídas nos acordos de colaboración entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, para a impartición de formación profesional para o emprego nos centros educativos.

No caso de que no acordo de colaboración entre ambas as consellerías se estableza outro procedemento para a presentación e tramitación das solicitudes de bolsas e axudas, será de aplicación o disposto no dito acordo.

c) No caso de que durante o período de vixencia desta orde se habiliten novas liñas de formación para o emprego non citadas nas anteriores alíneas a) e b), atenderase, para os efectos de determinar o órgano a que se debe dirixir a solicitude, ao que nelas se estableza.

Para estes efectos, deberán sinalar na epígrafe correspondente do modelo de solicitude, anexo I, a opción que corresponda.

5. A solicitude deberase presentar xunto coa documentación complementaria relacionada no artigo 17 desta orde, de ser o caso.

Artigo 16. Declaración responsable que forma parte da solicitude

1. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e na cal se farán constar os aspectos seguintes:

a) Que cumpre cos requisitos necesarios para o recoñecemento do dereito á bolsa e/ou axuda que se solicita, que dispón da documentación que acredita tal cumprimento e que a porá á disposición da Administración cando lle sexa requirida, ademais de que se compromete a manter os ditos requisitos durante todo o período de tempo inherente ao recoñecemento de tal dereito, de tal maneira que, se deixa de cumprilos, estaría obrigado a comunicalo por escrito ao órgano competente para resolver, no prazo de cinco días hábiles desde que se produza tal circunstancia.

b) Que en relación con outras bolsas e axudas concedidas ou solicitadas:

Non solicitou nin se lle concedeu ningunha outra bolsa e/ou axuda para este mesmo concepto para o que solicita esta subvención.

De se solicitar e/ou conceder outras axudas para este mesmo concepto para o cal se solicita esta bolsa e/ou axuda, deberanse relaciona estas no documento de solicitude, anexo I.

c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que, de ser o caso, se xuntan son certos.

d) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, para os efectos do previsto no artigo 11.g) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

g) Que coñece as estipulacións desta orde e das bases da convocatoria que regula a acción formativa, que cumpre cos requisitos sinalados nela, en particular os establecidos para aquelas bolsas e/ou axudas que solicita, e que se compromete a destinar o importe da subvención ao obxecto indicado.

h) Que, para o suposto de solicitar unha bolsa de asistencia por discapacidade, por IPE, por ser membro de familia numerosa ou monoparental, ou unha axuda por conciliación, a suma das rendas de todas as persoas integrantes da unidade familiar ou de convivencia, incluída a persoa solicitante, dividida polo número das persoas membros que a compoñen é inferior ao 75 % do IPREM.

i) Que, para o suposto de solicitar axuda por transporte público, urbano e/ou interurbano, o medio e a/as liñas de transporte utilizadas son as que se relacionan no anexo I.

j) Que, para o suposto de solicitar axuda por transporte en vehículo propio, non existe medio de transporte público entre o enderezo de intermediación laboral e o lugar onde se desenvolve a acción formativa ou que, no caso de existir, o horario regular do trasporte público non permite compatibilizalo co horario da acción formativa.

k) Que, para o suposto de solicitar axuda por manutención, o horario de impartición da acción formativa é de mañá e tarde, e a distancia entre o enderezo de intermediación laboral rexistrado no Servizo Público de Emprego de Galicia e o lugar en que se desenvolve a actividade acada ou supera os 20 quilómetros, e que para estes efectos o total diario de quilómetros que se van realizar e a matrícula do vehículo que se vai utilizar son os que se relacionan no anexo I.

l) Que, para o suposto de solicitar axuda por aloxamento e manutención, a distancia entre o enderezo de intermediación laboral da persoa traballadora desempregada e o lugar en que se imparte a acción formativa é igual ou superior aos 100 quilómetros, ou que, pola rede de transportes existentes, os desprazamentos non se poden efectuar diariamente antes e despois das clases e, ademais, que a asistencia á acción formativa implica o aloxamento no concello en que ten lugar a súa impartición, en horario de mañá e tarde.

m) Que, para o suposto de solicitar a axuda por conciliación, esta é consecuencia do coidado de fillos/as menores e/ou persoas acollidas menores de doce anos ou de familiares dependentes ata o segundo grao.

2. A concesión das subvencións vinculadas ás bolsas e axudas recollidas nesta orde realizarase sobre a base da declaración responsable recollida neste artigo, sen prexuízo das comprobacións que poidan ser realizadas con posterioridade pola unidade administrativa correspondente.

3. A presentación dunha declaración responsable falseando as condicións requiridas para a concesión da subvención ou ocultando as circunstancias que a impiden ou limitan poderá ter a consideración dunha infracción nos termos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen na dita norma e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Consideraranse falseamento ou ocultación das circunstancias o incumprimento do compromiso de manter os requisitos necesarios para ter dereito á subvención, a falta de documentación que o acredite e/ou o incumprimento da obriga de comunicar que se deixaren de cumprir os requisitos exixibles, no prazo sinalado nesta orde.

Artigo 17. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) As persoas peticionarias das bolsas de asistencia reguladas no artigo 5 desta orde, relativas a persoas con discapacidade, persoas que participan nunha acción formativa incluída no seu itinerario persoal individualizado de emprego, e membros integrantes de familias numerosas ou monoparentais, así como as peticionarias das axudas por conciliación reguladas no artigo 9, deberán achegar xunto coa solicitude o anexo II, de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.

b) No suposto de solicitar a bolsa de asistencia para membros integrantes de familias monoparentais, certificado emitido pola Consellería de Política Social e Xuventude, acreditativo de que reúnen os requisitos para ser persoa beneficiaria da bolsa.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. As imaxes electrónicas aplicarán os formatos establecidos para ficheiros de imaxe na Norma técnica de interoperabilidade do catálogo de estándares; o nivel de resolución mínimo para imaxes electrónicas será de 200 píxeles por polgada, tanto para as imaxes obtidas en branco e negro, cor ou gradación de grises; a imaxe electrónica será fiel ao documento orixe (respectará a xeometría do documento orixe, en tamaños e proporcións, non conterá caracteres ou gráficos que non figurasen no documento de orixe e a súa xeración realizarase por un medio fotoeléctrico).

As imaxes electrónicas que acheguen as persoas interesadas ao procedemento administrativo terán eficacia, exclusivamente, no ámbito da actividade das administracións públicas.

As imaxes electrónicas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para estes efectos, a persoa interesada deberá conservar o documento orixinal por un prazo de catro (4) anos desde a presentación da imaxe electrónica.

Artigo 18. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

I) DNI/NIE da persoa solicitante.

II) DNI/NIE da persoa representante.

III) A inscrición como persoa traballadora desempregada no Servizo Público de Emprego de Galicia, con data actual ou con data concreta, nos termos desta orde.

IV) Para o caso de solicitar a axuda por transporte público urbano ou interurbano, ou por transporte en vehículo propio, ou a axuda por manutención, o enderezo de intermediación laboral da persoa solicitante.

V) Para o caso concreto das bolsas de asistencia para persoas con discapacidade, certificado da discapacidade da persoa solicitante, recoñecida pola Xunta de Galicia.

VI) Nos casos que proceda, a inclusión da acción formativa, solicitada e non caducada, en que a persoa traballadora desempregada participa, desde o itinerario individual e personalizado de emprego (IPE), en coherencia co obxectivo profesional que nel se estableza, nos termos desta orde.

VII) Para o suposto das bolsas de asistencia e para axudas por conciliación, certificado de empadroamento, convivencia ou residencia nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

VIII) Para o caso concreto das bolsas de asistencia para persoas membros de familias numerosas, título de familia numerosa.

IX) Para o caso específico de axudas á conciliación, de ser o caso, certificado do grao e nivel de dependencia da persoa que motiva a conciliación, emitido pola Administración pública competente.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro pertinente habilitado no formulario correspondente, anexos I e/ou II, e achegar os documentos acreditativos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dalgún dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 19. Trámites posteriores á presentación da solicitude e documentación complementaria

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizaren trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Prazo de presentación das solicitudes

1. A persoa traballadora desempregada deberá presentar a súa solicitude no prazo dun mes desde a súa incorporación á acción formativa, ou desde que teña lugar o feito causante que determina o dereito.

2. A presentación da solicitude fóra de prazo dará lugar á súa inadmisión sen máis trámites, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

Artigo 21. Réxime das notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou postal) no formulario de solicitude.

3. No caso de optar pola notificación postal, efectuaranse a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia Notifica.gal.

Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Órganos competentes para a ordenación e instrución do procedemento de concesión. Prazo de resolución e de notificación

1. Os órganos competentes para as distintas fases do procedemento serán:

a) O Servizo de Xestión Administrativa da Formación para o Emprego será competente para instruír, tramitar e emitir as propostas de resolución correspondentes ás bolsas e axudas das persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras ocupadas, no marco dos procedementos TR302A e TR303B, e a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación será o órgano que dite as correspondentes resolucións.

b) O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia será competente para instruír, tramitar e emitir as propostas de resolución correspondentes ás bolsas e axudas das persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas impartidas no dito centro, e a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación será o órgano que dite as correspondentes resolucións.

c) Corresponderalles aos servizos de Formación para o Emprego e Orientación das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a instrución e tramitación das solicitudes que a seguir se relacionan, que teñan a súa orixe en accións formativas impartidas en centros localizados no ámbito territorial sobre o cal exercen as súas funcións:

• As correspondentes a accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas ou a persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas con compromiso de contratación, procedementos TR301K e TR301P, respectivamente.

• As correspondentes a accións formativas da oferta de formación para o emprego executada nos centros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

• As correspondentes a accións formativas da oferta de formación para o emprego executada os centros da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, respecto das accións formativas incluídas nos acordos de colaboración para a impartición de formación profesional para o emprego nos centros educativos, sen prexuízo das obrigas que se recollen para estes centros nos correspondentes instrumentos xurídicos.

No caso de que, tal como se establece no artigo 16.4.c) desta orde, no acordo de colaboración entre as consellerías de Promoción do Emprego e Igualdade e de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades se estableza un procedemento específico para a instrución e tramitación das solicitudes de bolsas e axudas, será de aplicación o disposto no dito acordo.

A resolución de concesión corresponderalle, para todos os supostos citados no número 1.c) deste artigo, e sen prexuízo do disposto no parágrafo segundo da disposición adicional primeira, á xefatura territorial correspondente.

d) No caso de que durante o período de vixencia desta orde se habiliten novas liñas de formación para o emprego diferentes ás relacionadas, será de aplicación para a súa tramitación, instrución e resolución o disposto nas alíneas a) e c) deste artigo, en función de se a solicitude de bolsa ou axuda se deba dirixir, respectivamente, á Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación ou ás xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

2. As xefaturas territoriais poderán determinar que as oficinas de emprego e os centros de formación da rede pública dependentes delas poidan participar na instrución e tramitación das solicitudes a que se refire o número 1 deste artigo.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder os seis meses e computarase a partir da data da presentación das solicitudes.

Logo de transcorrer o dito prazo sen se ter notificado resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada por silencio administrativo.

4. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas de desestimación.

5. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se producise manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

6. As persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Documentación probatoria

1. Para os efectos das posteriores comprobacións, a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos por parte das persoas beneficiarias, que estas conservarán durante un prazo mínimo de catro (4) anos, nos termos do artigo 14 da Orde TMS 368/2019, do 28 de marzo, e que porán á disposición da Administración cando esta llelo requira, é a seguinte:

a) Bolsas de asistencia dirixidas a persoas con discapacidade:

• Certificado de empadroamento conxunto de todas aquelas persoas que, para os efectos desta orde, compoñen a unidade familiar ou de convivencia.

• Documentación acreditativa de que a suma das rendas das persoas integrantes da unidade familiar ou de convivencia sexa inferior ao 75 % do IPREM.

• Certificado acreditativo do grao de discapacidade emitido polo IMSERSO ou polo servizo autonómico correspondente. No suposto de que o recoñecemento da discapacidade estea acreditado pola Xunta de Galicia, o dito certificado só se deberá presentar no caso de que a persoa interesada, conforme o disposto no artigo 18 desta orde, se opoña á súa consulta.

b) Bolsas de asistencia dirixidas a persoas que participan nunha acción formativa incluída no seu itinerario persoal individualizado de emprego:

• Certificado de empadroamento conxunto de todas aquelas persoas que, para os efectos desta orde, compoñen a unidade familiar ou de convivencia.

• Documentación acreditativa de que a suma das rendas das persoas integrantes da unidade familiar ou de convivencia sexa inferior ao 75 % do IPREM.

c) Bolsas de asistencia dirixidas a membros dunha familia monoparental:

• Certificado, emitido polo órgano competente da Consellería de Política Social e Xuventude, que acredite a condición de familia monoparental. O certificado terá efectos desde a data e polo período que se determine nel, ou, no caso de non figurar expresamente indicada unha data de efectos, desde a data de emisión do certificado.

• Documentación acreditativa de que a suma das rendas das persoas integrantes da unidade familiar ou de convivencia sexa inferior ao 75 % do IPREM.

d) Bolsas de asistencia dirixidas a membros de familias numerosas:

• Título de familia numerosa. O dito título só se deberá presentar no caso de que a persoa interesada, conforme o disposto no artigo 18 desta orde, se opoña á súa consulta.

• Documentación acreditativa de que a suma das rendas das persoas integrantes da unidade familiar ou de convivencia sexa inferior ao 75 % do IPREM.

e) Axuda por transporte en vehículo propio: documentación xustificativa de que non existe medio de transporte público entre o enderezo de intermediación laboral e o lugar en que a acción formativa se desenvolva ou, no caso de existir este, que o horario regular do trasporte público non permite compatibilizalo co horario de realización da acción formativa.

f) Axuda á conciliación:

• Libro de familia ou calquera documentación que acredite de forma suficiente o grao de parentesco.

• Documentación acreditativa de que a suma das rendas das persoas integrantes da dita unidade familiar ou de convivencia sexa inferior ao 75 % do IPREM.

• Documentación acreditativa do grao de dependencia do familiar ata o segundo grao, de ser o caso.

g) Axuda para vítimas de violencia de xénero: calquera dos seguintes documentos, con vixencia no momento de participación na acción formativa:

• A situación de vítima de violencia de xénero acreditarase nas formas previstas no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Inclúense dentro do concepto de violencia de xénero, en aplicación da Lei 14/2021, do 20 de xullo, e a Lei 15/2021, do 3 de decembro, modificadoras ambas da Lei 11/2007, a violencia vicaria e a violencia dixital.

Para estes efectos, a Resolución do 2 de decembro de 2021, da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, pola que se publica o Acordo da Conferencia Sectorial de Igualdade, do 11 de novembro de 2021, relativo á acreditación das situacións de violencia de xénero, inclúe un modelo común para a acreditación administrativa da violencia de xénero e unha relación de organismos, recursos e servizos que acreditan as situacións de violencia de xénero (anexos 1 e 2, respectivamente).

http://igualdade.xunta.gal/sites/default/files/files/documentos/boe-a-2021-20570.pdf

2. As unidades administrativas competentes efectuarán labores de control e verificación do cumprimento dos requisitos necesarios para seren beneficiarios das referidas bolsas e axudas, nos termos que ao respecto establezan as instrucións ditadas pola Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación.

Se, durante as referidas actividades de control e verificación, se conclúe que unha persoa beneficiaria presentou unha declaración responsable falseando as condicións requiridas para a concesión da subvención ou ocultando as circunstancias que a impedisen ou limitasen, ademais da consecuente perda do dereito á percepción da subvención, poderá ter a consideración dunha infracción nos termos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas posibles consecuencias sancionadoras que se recollen na dita norma e no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 24. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde poñen fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor, potestativamente, recurso de reposición, ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de conformidade co que preceptúan os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo, ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 25. Pagamento das bolsas e axudas

1. O pagamento das subvencións por concepto de bolsas e axudas establecidas nesta orde realizarase logo da comunicación da resolución de concesión á persoa beneficiaria e terá carácter mensual cando a acción formativa se desenvolva na modalidade presencial, sempre que sexa compatible coa exixencia da contía mínima acumulada por persoa desempregada a que se refire esta orde. No primeiro pagamento incluirase o importe total das axudas devindicadas para o período correspondente ata a comunicación da resolución de concesión.

Cando a acción formativa se imparta na modalidade de teleformación e se corresponda con especialidades formativas de carácter modular, o pagamento terá lugar no momento da finalización de cada módulo formativo. No suposto de especialidades formativas que non teñan carácter modular, o pagamento efectuarase unha vez rematada a acción formativa.

2. Todas as subvencións previstas nesta orde están supeditadas, ademais de ao cumprimento dos requisitos exixidos para cada tipo de bolsa e axuda, á asistencia á acción formativa ou á realización dos controis periódicos de seguimento, de maneira que todos os pagamentos terán lugar logo da comprobación das asistencias mensuais de cada unha das persoas beneficiarias, no caso de que a modalidade de impartición sexa presencial, ou, no suposto de que a acción formativa se imparta na modalidade de teleformación, da realización en prazo dos controis de seguimento da aprendizaxe programados.

Para o caso específico da axuda por manutención, esta asistencia deberá ser de mañá e tarde.

3. No suposto das axudas por manutención, as persoas beneficiarias deberán achegar mensualmente as correspondentes facturas ou os xustificantes de pagamento.

No caso da axuda de manutención e aloxamento, xustificarase por medio do contrato de arrendamento, factura de hospedaxe ou calquera outro medio documental acreditativo válido en dereito, ademais das facturas e xustificantes de pagamento da manutención.

4. A autorización de vacacións polo órgano competente implica que, durante ese período, queda en suspenso o pagamento das subvencións en concepto de bolsas e axudas a que teña dereito o alumnado.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, así como nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, no ámbito das súas respectivas competencias, para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento das subvencións reguladas nesta orde, así como para resolver a súa concesión, denegación, modificación, reintegro ou outras incidencias das citadas subvencións.

A través do oportuno instrumento xurídico, poderase aprobar a delegación das atribucións e competencias citadas no parágrafo anterior noutros órganos administrativos.

De igual xeito, apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación para tramitar e resolver os expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición adicional segunda. Información sobre a xestión de subvencións

1. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto de cada convocatoria pública efectuada no marco destas bases e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS), nos termos do Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas públicas.

2. De acordo co establecido no artigo 14 alínea ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición transitoria primeira. Accións formativas iniciadas con anterioridade á entrada en vigor desta orde e que rematen no ano 2023

1. Nos casos de accións formativas iniciadas antes da entrada en vigor desta orde e que rematen no ano 2023, actuarase do seguinte xeito:

• Tramitarase, con cargo aos créditos da Orde do 21 de outubro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes aos exercicios 2021 e 2022, a parte das bolsas e axudas correspondente ao período do curso impartido durante o ano 2022.

• Tramitarase, con cargo aos créditos desta orde, a parte das bolsas correspondente ao período do curso impartido durante o ano 2023, pero aplicando os criterios da Orde do 21 de outubro de 2021.

Así mesmo, se o feito causante se produce con posterioridade á entrada en vigor desta orde, tramitarase a bolsa con cargo aos créditos desta orde, pero aplicando os criterios da Orde do 21 de outubro de 2021.

2. Na aplicación dos criterios recollidos nesta disposición transitoria, en ningún caso se lle requirirá á persoa interesada que presenten unha nova solicitude, unha vez presentada a solicitude inicial.

Disposición transitoria segunda. Presentación de solicitudes ao abeiro da orde anterior

O prazo de presentación de solicitudes, ao abeiro do establecido na Orde do 21 de outubro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes aos exercicios 2021 e 2022, será dun mes desde a incorporación á acción formativa ou desde que teña lugar o feito causante que determina o dereito.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para ditar resolucións e instrucións de desenvolvemento e execución

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación para que dite, no ámbito das súas funcións, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día 1 de novembro de 2022.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2022

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Promoción do Empleo e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file