Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Venres, 28 de outubro de 2022 Páx. 56878

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 25 de outubro de 2022 pola que se amplía o prazo de execución e xustificación previstos na Resolución do 1 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para investimentos en mellora da calidade dos albergues turísticos financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TU960B).

O 8 de xullo de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 130 a Resolución do 1 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para investimentos en mellora da calidade dos albergues turísticos financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TU960B).

A dita resolución ten como obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións á mellora da calidade dos albergues turísticos para potenciar Galicia como destino turístico de peregrinacións. Con estas subvencións prestarase apoio a un colectivo fundamental no conxunto das empresas do sector turístico promovendo o seu desenvolvemento tecnolóxico e o proceso de transformación dixital do sector. O artigo 2.1 sinala que se consideran gastos subvencionables aqueles que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro de 2022 e que en ningún caso se admitirán facturas nin xustificantes de pagamento que non estean comprendidos entre esas datas. Por outra banda, o artigo 19 establece que, para cobrar a subvención concedida, o beneficiario terá de prazo ata o 30 de outubro de 2022 para presentar a documentación xustificativa da execución do proxecto.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas polas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados nas referidas datas límite, debido aos atrasos orixinados nos prazos de entrega dos equipamentos por parte das empresas subministradoras e, ademais, non existe a posibilidade de causar prexuízos a terceiros.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no cal se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a data límite que figura no primeiro parágrafo do artigo 2.1 das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para investimentos en mellora da calidade dos albergues turísticos financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TU960B). A redacción do artigo queda da seguinte maneira:

«Considéranse gastos subvencionables aqueles que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2022. En ningún caso se admitirán facturas nin xustificantes de pagamento que non estean comprendidos entre esas datas»

Segundo. Modificar a data límite para presentar a documentación xustificativa que figura no artigo 19.1 das bases reguladoras mencionadas no punto anterior. A redacción do artigo queda da seguinte maneira:

«1. A entrega da documentación xustificativa terá de prazo ata o 30 de novembro de 2022».

Terceiro. Modificar a data límite das facturas ou xustificantes de pagamento que figura no artigo 19.2.c) das bases reguladoras mencionadas nos puntos anteriores. A redacción do artigo queda da seguinte maneira:

«Tampouco se admitirán xustificantes ou facturas de pagamento con data anterior á data de inicio das actuacións subvencionables. As facturas ou xustificantes non poderán ser anteriores ao período subvencionable (1 de xaneiro de 2022) nin posteriores á data límite establecida nestas bases (30 de novembro de 2022)».

Cuarto. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia, para os efectos previstos nos artigos 44 e 45.3 LPACAP.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2022

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia