Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Xoves, 20 de outubro de 2022 Páx. 55725

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 7 de outubro de 2022 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 26 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento IN201G).

Mediante a Orde do 26 de abril de 2022 (DOG núm. 93, do 13 de maio) establécense as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega e convócanse para o ano 2022 (código de procedemento IN201G).

O artigo 1.4 das bases reguladoras establece que «en concreto, consideraranse actuacións subvencionables as previstas no artigo 4. As ditas actuacións deberán estar realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 21. Así mesmo, excepcionalmente considéranse subvencionables a organización e participación en feiras do período do Nadal 2021/22 e os gastos efectuados desde o 1 de novembro ata o 31 de decembro de 2021 derivados destas».

Pola súa banda, o artigo 21.1 das bases reguladoras dispón que o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria e ata o 31 de outubro de 2022, dunha copia da documentación indicada do propio artigo 21.1.

Tendo en conta o longo proceso de avaliación e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o artigo 21.1 das bases reguladoras e ampliar o prazo de xustificación ata unha data que permita unha mellor xustificación da subvención por parte das persoas beneficiarias.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 21.1 do anexo I da Orde do 26 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o fomento da comercialización da artesanía galega e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento IN201G)

O primeiro parágrafo do artigo 21.1 do anexo I da referida orde queda redactado nos seguintes termos:

«O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria e ata o 11 de novembro de 2022, dunha copia da seguinte documentación:».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2022

Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía,
Industria e Innovación