Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Martes, 18 de outubro de 2022 Páx. 55428

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2022, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e se declaran, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, unhas instalacións eléctricas no concello de Amoeiro (expediente IN407A 2022/54-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas que a seguir se describen:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Enderezo: avenida San Luis, 77, 28033 Madrid.

Denominación: regulamentación da LMT SAC805 entre os apoios 30-10-B-4 e 30-10-B-13.

Situación: lugar de Tiollo, concello de Amoeiro.

Características principais do proxecto, que foi redactado polo enxeñeiro técnico industrial Sergio Rodríguez Rodríguez, colexiado núm. 482 do COETIOU, o 30.9.2021:

• Substitución de 10 apoios da LMTA SAC805, a 20 kV, por deterioración ou por resultaren inadecuados ás novas condicións de explotación, por apoios metálicos, e o cambio de condutor a LA-56 na zona afectada, así como o seu retensado en zonas contiguas. A reforma ten a súa orixe no apoio proxectado B78SCXC3P//30-10-B-3 e o remate no apoio existente B7TCDXG7//30-10-B-15.

A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo desta xefatura territorial do 26.4.2022, que foi inserido no DOG do 19.5.2022 e no xornal La Región de Ourense do 11.5.2022, o proxecto tamén estivo en exposición pública nesta xefatura territorial e no portal de transparencia desta vicepresidencia durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso non se presentaron alegacións contrarias á realización do proxecto.

Para dar cumprimento ao artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, realizouse o trámite de notificación a descoñecidos co correspondente anuncio que se inseriu no DOG do 8.6.2022 e no TEU do BOE do 24.6.2022.

UFD Distribución Electricidad, S.A. comunicou a esta xefatura territorial, mediante escritos do 7.6.2022 e do 27.7.2022, que acadou acordos cos titulares dos predios núms. 1, 4 e 8 da relación de bens e de dereitos afectados, incluída no anexo do Acordo desta xefatura territorial do 26.4.2022.

En consecuencia, cumpridos os trámites anteriores e aqueloutros ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta xefatura territorial resolve:

Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Que polo representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, se dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e nas horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto, logo de actualizar cos acordos comunicados por UFD Distribución Electricidad, S.A.

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 22 de setembro de 2022

Alicia María López Míguez
Xefa territorial de Ourense