Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 13 de outubro de 2022 Páx. 54372

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

ORDE do 3 de outubro de 2022 pola que se modifica a Orde do 2 de agosto de 2017 pola que se crea a Mesa da Castaña e se regula a súa organización, funcionamento e composición.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria é unha axencia pública autonómica que se encadra dentro das entidades instrumentais do sector público autonómico reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Está adscrita á Consellería do Medio Rural. Creouse en virtude do Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos. Entre os obxectivos da Axencia están os de constituírse no instrumento básico de actuación en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade, investigar e realizar o desenvolvemento tecnolóxico no sector agroalimentario, e desenvolver as actividades de I+D+i nos sectores agrario, gandeiro e forestal.

A Mesa da Castaña é un órgano colexiado de carácter consultivo e asesor que se creou mediante a Orde do 2 de agosto de 2017 pola que se crea a Mesa da Castaña e se regula a súa organización, funcionamento e composición. Posteriormente, mediante o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, realizáronse determinadas modificacións na citada Orde do 2 de agosto de 2017.

Esta nova estrutura orgánica, aprobada mediante o citado Decreto 149/2018, do 5 de decembro, recolle, entre as funcións asignadas á Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a de desenvolver as competencias relacionadas coas denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas do ámbito agroalimentario.

Por outra parte, a Comunidade Autónoma de Galicia ocupa o primeiro lugar a nivel nacional na produción e exportación de castañas. Ademais desta marcada importancia económica do sector, contamos cunha indicación xeográfica protexida, a IXP Castaña de Galicia. Esta indicación xeográfica inscribiuse no Rexistro europeo de denominacións de orixe protexidas e de indicacións xeográficas protexidas mediante o Regulamento (UE) nº 409/2010 da Comisión, do 11 de maio de 2010, e é un instrumento que serve para poñer en valor as características de calidade das castañas galegas. Anteriormente, mediante a Orde do 5 de febreiro de 2009, aprobárase o Regulamento desta indicación xeográfica protexida e do seu consello regulador.

Con estes antecedentes, faise necesario modificar a organización, funcionamento e composición da Mesa da Castaña para dar unha maior participación nela á Axencia Galega da Calidade Alimentaria e dirixir máis claramente a súa actuación aos aspectos relacionados coa produción e comercialización de castaña, en especial da acollida á citada indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, cuestión que xa foi apreciada no seo dese órgano colexiado na súa reunión do día 8 de abril de 2019.

En consecuencia, de conformidade co ditame do Consello Consultivo e no uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 2 de agosto de 2017 pola que se crea a Mesa da Castaña e se regula a súa organización, funcionamento e composición

Un. Modifícase a letra b) do artigo 3, que queda redactada como segue:

«b) Estudar e impulsar medidas que contribúan ao fomento, promoción e mellora da castaña e ao seu aproveitamento sustentable».

Dous. Modifícase o número 1 do artigo 4, que queda redactado da seguinte forma:

«1. A Mesa da Castaña está composta pola Presidencia e por dezaseis vogalías».

Tres. Modifícase o número 3 do artigo 4, que queda redactado como segue:

«3. A Presidencia nomeará, entre o persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, unha persoa titular da Secretaría, que a exercerá con voz e sen voto».

Catro. Modifícase o número 1 do artigo 5, que queda redactado do seguinte xeito:

«1. A Presidencia da Mesa da Castaña corresponde á persoa titular da Dirección da Axencia Galega da Calidade Alimentaria».

Cinco. Modifícase o número 3 do artigo 5, que queda redactado como segue:

«3. En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, as funcións da Presidencia serán exercidas pola persoa integrada na Mesa da Castaña, pertencente á consellería competente en materia de agricultura, designada previamente pola súa persoa titular».

Seis. Modifícase o artigo 6, que queda redactado como segue:

«Artigo 6. Vogais

A Mesa da Castaña estará integrada polas seguintes persoas coa condición de vogais:

a) Representantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma:

1º. Dúas persoas en representación da dirección xeral competente en materia de produción forestal, nomeadas pola persoa titular desta.

2º. A persoa titular da Dirección do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

3º. Unha persoa en representación do departamento que teña as competencias de control e certificación alimentaria da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, designada pola persoa titular da Dirección da dita axencia.

4º. Unha persoa en representación da dirección xeral competente en materia de produción agrícola, nomeada pola persoa titular da dita dirección xeral.

5º. Dúas persoas expertas na materia, designadas pola persoa titular da Presidencia.

b) Representantes dos axentes sociais relacionados co sector da castaña dentro da Comunidade Autónoma:

1º. Dúas persoas en representación da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, nomeadas polo seu consello regulador.

2º. Unha persoa en representación das organizacións de propietarios forestais.

3º. Unha persoa en representación das/dos produtoras/es de castaña.

4º. Unha persoa en representación das operadoras, comercializadoras e almacenistas en fresco.

5º. Unha persoa representante do sector das industrias de procesamento.

6º. Dúas persoas en representación dos viveiros de produción de planta de castaña.

7º. Unha persoa en representación do sector cooperativo galego».

Sete. Modifícanse os números 2 e 3 do artigo 8, que quedan redactados como segue:

«2. A persoa titular da Secretaría da Mesa da Castaña poderá dispoñer da asistencia de persoal técnico de apoio, pertencente á consellería competente en materia de agricultura e industrias agroalimentarias, para o desenvolvemento das súas funcións.

3. No caso de ausencia, vacante, enfermidade ou outras causas que imposibiliten a súa asistencia, a persoa titular da Secretaría será substituída por unha persoa da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, designada pola Presidencia da Mesa da Castaña».

Oito. Modifícase o artigo 9, que queda redactado da seguinte forma:

«Artigo 9. Réxime de reunións

A Mesa da Castaña reunirase como mínimo unha vez ao ano, en sesión ordinaria, e con carácter extraordinario sempre que a Presidencia o considere oportuno ou tres quintas partes (3/5) da totalidade dos seus membros así o acorden».

Nove. Suprímese a disposición derradeira primeira.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural