Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 6 de outubro de 2022 Páx. 53623

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 20 de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se fai público o Plan de xestión da reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés.

A Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés foi aprobada o 27 de maio de 2009 polo Consello Internacional de Coordinación do programa da UNESCO Home e Biosfera (MaB), celebrado en Jeju (Corea do Sur), pasando a formar parte da Rede Mundial de Reservas da Biosfera.

A reserva está situada entre a Comunidade Autónoma de Galicia (España) e a Rexión Norte de Portugal, nas provincias de Minho e Trás-os-Montes, en Portugal, e na provincia de Ourense, en Galicia.

A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, regula, no seu artigo 70, as características das reservas da biosfera e establece que estes espazos deberán contar, como mínimo, cunha ou varias zonas núcleo que sexan espazos naturais protexidos ou LIC, ZEC ou ZEPA da Rede Natura 2000, un programa de actuación e, finalmente, cun órgano de xestión responsable do desenvolvemento das estratexias, liñas de acción e programas. O citado programa MaB denomina a este plan de actuación, Plan de xestión.

Segundo o recollido no artigo 83 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, a situación de cada reserva da biosfera revisarase, polo menos, cada dez anos para avaliar o cumprimento dos criterios determinantes da súa declaración, consonte o artigo 9 do Marco estatutario da Rede mundial de reservas da biosfera. Esta revisión realizarase consonte o disposto no artigo 69 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e na súa normativa de desenvolvemento.

Sendo unha reserva da biosfera transfronteiriza, o esforzo de cooperación entre o territorio e as entidades portuguesas e galegas ten un peso importante, principalmente na identificación de obxectivos comúns, na definición de prioridades de actuación para o territorio e na articulación de estratexias de xestión.

Este esforzo de cooperación entre os dous territorios reflíctese nos plans de acción 2010-2015 e 2015-2020 da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, documentos elaborados en coordinación entre o Instituto da Conservación da Natureza e dos Bosques, pola parte portuguesa, e a Xunta de Galicia-Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola parte española.

Seguindo os obxectivos específicos das Reservas da Biosfera e con base nunha avaliación das necesidades e oportunidades do territorio Gerês-Xurés, o Plan de xestión que se presenta reflicte as principais prioridades de actuación para o período 2022-2025, identificando os obxectivos, os eixes estratéxicos, as liñas de actuación e as principais accións a desenvolver nos vindeiros anos, así como os orzamentos de financiamento/inversións previstos polos diversos socios.

O 21 de abril de 2022 a proposta de Plan de xestión foi sometida a un proceso de participación pública; o 20 de xuño de 2022 foi sometida a consultas por parte do Consello Consultivo de Cooperación da reserva e, finalmente, o Plan aprobouse en reunión ordinaria por parte da Comisión de Dirección Transfronteiriza da reserva o pasado 20 de xullo de 2022, tal e como establece o Regulamento de funcionamento da reserva.

Para garantir a transparencia do Plan de xestión da reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés, e a súa plena difusión,

ACORDO:

Poñer a disposición da cidadanía o Plan de xestión da reserva da biosfera transfronteiriza Gêres-Xurés na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda: https://cmatv.xunta.gal/seccion-organizacion/c/CMAOT_DX_Conservacion_Natureza?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Espazos_protexidos/Areas_protexidas_de_ambito_internacional/Reservas_da_Biosfera/seccion.html&std=Geres_Xures.html

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2022

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural