Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 6 de outubro de 2022 Páx. 53621

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 13 de xullo de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a autorización ambiental integrada para a planta de construción e mantemento naval en Fene (A Coruña) (expediente 2021-IPPC-I-139).

Para os efectos previstos no artigo 16 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposto o documento titulado:

Proxecto básico para a solicitude da autorización ambiental integrada das instalacións de Navantia ría de Ferrol, situadas en Fene (A Coruña) Navantia, S.A., S.M.E. (Grupo SEPI). Xuño 2022.

Para que calquera interesado poida consultalos e, de ser o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas, o documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/→medioambiente e sostibilidade→prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2022

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO I

Memoria resumo

Clave do expediente: 2021-IPPC-M-139.

Peticionaria: Navantia, S.A., S.M.E. (Grupo SEPI).

CIF: A84076397.

Razón social: rúa Velázquez, nº 132, 28006 Madrid.

Localización da instalación: avenida das Pías, s/n,15500 Fene (A Coruña).

Actividade: estaleiro de construción e mantemento naval.

Epígrafe de actividade (autorización ambiental integrada): anexo I, 5.6 e 5.1.b).

Descrición: este proxecto preséntase para a tramitación da autorización ambiental integrada e para as instalacións que Navantia posúe en Fene.

A actividade principal que se desenvolve no establecemento industrial de Navantia Fene é o deseño, fabricación, construción, transformación, reparación e mantemento de buques, zonas de buques, artefactos mariños (incluídas instalacións offshore), pequenas embarcacións e equipamentos industriais. Ademais, dispón dunha planta para a recollida e xestión de residuos MARPOL anexo I (B e C).

Para isto dispón de tres áreas de produción diferenciadas, estaleiro, reparacións e taller de aeroxeradores, así como servizos de apoio compartidos.

Verteduras:

• Augas sanitarias: as xeradas nos aseos e vestiarios trátanse en tres depuradoras antes da súa vertedura á ría de Ferrol, coa excepción das procedentes do dique 4, que están conectadas á rede municipal.

• Augas oleosas e de sentina retiradas dos buques en reparación, tratadas na planta MARPOL previamente á súa vertedura á ría de Ferrol.

• Augas pluviais: as augas pluviais procedentes da zona de reparacións, planta MARPOL trátanse nun decantador construído en formigón de catro corpos previamente á súa vertedura á ría de Ferrol. O resto son recollidas na rede de drenaxe existente nas instalacións e vertidas á ría de Ferrol sen depuración previa.