Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 5 de outubro de 2022 Páx. 53384

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 18 de agosto de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello da Coruña (expediente IN407A 2022/27-1).

Expediente: IN407A 2022/027-1.

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: ampliación de potencia do CT Bens Sepens (15CBR1).

Situación: concello da Coruña.

Feitos:

1. O 2 de febreiro de 2022, Ana María Salgado López, en nome e representación de UFD Distribución Electricidad, S.A., solicitou ante esta xefatura territorial a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción das instalacións do proxecto de execución de ampliación da potencia do CT Bens Sepens (15CBR1), coa finalidade de atender a petición de ampliación de potencia de subministración de enerxía eléctrica a unha nave industrial na rúa da Ermida, no concello da Coruña.

2. Entregou o proxecto, que inclúe a memoria, os planos e o orzamento, conforme establece o artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que comprende os seguintes documentos:

I. Proxecto de execución da ampliación de potencia do CT Bens Sepens (15CBR1), asinado por Susana Casais Pérez, enxeñeira técnica industrial, con número de colexiada 2.033 da Coruña, o 17 de decembro de 2021.

II. Anexo, asinado por Javier Fernández Mitre, enxeñeiro industrial con número de colexiado 15.670 de Madrid, o 30 de maio de 2022.

3. Os/as proxectistas realizan a declaración responsable, segundo o establecido no punto 1.b) do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e na Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Consellería de Economía e Industria (DOG do 19 de marzo).

4. Consonte o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, esta instalación está exenta do trámite de información pública. En cumprimento do artigo 46.e) da devandita lei, o solicitante declara que o proxecto non afecta novos bens e dereitos de propiedade particular.

5. De acordo co establecido no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral dunha separata do proxecto na parte que a instalación puidese afectar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. UFD Distribución Electricidad, S.A. presentou separatas para os seguintes organismos: Concello da Coruña e Patrimonio Cultural. UFD Distribución Electricidad, S.A. manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.

Así mesmo, indícase que, de acordo co artigo 120.2 do título VII do Real decreto 1955/2000, as autorizacións a que se refire este título serán outorgadas, sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

6. No expediente consta o informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 73/2022, do 25 de maio, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

2. Lexislación de aplicación:

A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade de instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As instalacións atópanse na rúa da Ermida, no concello da Coruña, e as súas características técnicas son as seguintes:

Novo trafo no CT Bens Sepens (15CBR1, IN407A 2016/579-1) en edificio prefabricado de manobra interior, cunha potencia de 630 kVA, unha relación de transformación de 15.000/400-230 V e configuración 2L+1P, alimentado pola LMT GRN-737 (Peruleiro II 37), entre a subestación A Grela 2 e o CT P. Bens 1 Sec (15CDQ1), que queda enlazado mediante cable subterráneo de tipo de illamento seco RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240. Retirada do trafo existente de 400 kVA.

4. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a referida solicitude.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da devandita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

I. As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

II. Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 18 de agosto de 2022

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña