Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Mércores, 28 de setembro de 2022 Páx. 51591

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 13 de setembro de 2022 de aprobación definitiva dos ámbitos do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Boborás deixados en suspenso pola Orde do 16 de setembro de 2011 de aprobación definitiva parcial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O Concello de Boborás eleva para a súa aprobación definitiva o expediente dos ámbitos do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) deixados en suspenso pola Orde do 16 de setembro de 2011 de aprobación definitiva parcial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (CMATI), conforme o previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), en relación coa disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

O PXOM foi aprobado provisionalmente antes da entrada en vigor da LSG, polo que, ao abeiro da disposición transitoria segunda desta lei, continuou a súa tramitación a teor da LOUG.

Analizada a documentación achegada polo Concello e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes:

1. O Concello de Boborás conta co PXOM aprobado parcialmente pola Orde do 16 de setembro de 2011, no cal quedaron en suspenso os ámbitos correspondentes ás áreas de expansión dos núcleos rurais do Regueiro, Sonelle, Gabián, Vecoña de Arriba, Vecoña de Abaixo, A Vesada, Vilachá, A Almuzara e As Quintás.

2. Esa suspensión deriva do Informe da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) do 5.4.2011, que sinalaba que en parte destas áreas se producía unha redución, carente de xustificación, da franxa de solo rústico de protección das augas establecida polo PXOM nos terreos rústicos lindeiros e, en cumprimento do artigo 32.2.d) da LOUG, debía achegarse xustificación adecuada desa redución ou, noutro caso, clasificar como solo rústico de protección das augas os terreos situados dentro da zona de policía dos cursos fluviais e as súas marxes.

3. Doutra banda, esa orde sinalaba como condición que, en cumprimento do artigo 53.1.e) da LOUG, se debía sinalar no plano de estrutura xeral e orgánica do territorio todas as dotacións do sistema xeral, particularmente os recollidos na memoria cos códigos: Ad,g-01; Ed,g-01; Sa,g-01; De,g-01; Aat,g-01; Aat,g-02; Aat,g-03; Aat,g-04; Aat,g-05; Aat,g-06 e Aat,g-07.

4. O Concello de Boborás recadou novos informes favorables da CHMS do 1.7.2019, 17.3.2021 e 19.10.2021, relativos aos ámbitos deixados en suspenso.

5. O Concello de Boborás aprobou provisionalmente os cambios no pleno do 31.3.2022, tras a emisión dos preceptivos novos informes municipais técnico (9.3.2022) e de secretaría-intervención (22.3.2022).

II. Análise e consideracións:

1. Os informes favorables da CHMS (1.7.2019, 17.3.2021 e 19.10.2021) correspondentes ás delimitacións das áreas de expansión suspendidas acreditan que as deficiencias correlativas sinaladas anteriormente foron emendadas.

2. Na documentación achegada polo Concello non se observa a corrección requirida respecto dos planos de estrutura xeral e orgánica do territorio correspondente ás dotacións do sistema xeral.

3. O Concello presentou a documentación unicamente en formato papel.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva aos ámbitos do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Boborás deixados en suspenso pola Orde de aprobación definitiva parcial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 16.9.2011, condicionado a que se achegue, en formato dixital debidamente dilixenciada, a documentación técnica e administrativa correspondente aos ámbitos de solo de núcleo rural afectados e aos planos de estrutura xeral e orgánica corrixidos, de cara á súa inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Segundo o disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda