Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Martes, 27 de setembro de 2022 Páx. 51211

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 16 de setembro de 2022 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 22 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CO300C).

Mediante a Orde do 22 de abril de 2022 (DOG núm. 98, do 23 de maio) establécense as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal e realízase a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CO300C).

O parágrafo segundo do artigo 1.3 das bases reguladoras establece que se considerarán subvencionables as actuacións previstas no artigo 4, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de decembro de 2021 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 20.

Pola súa banda, o artigo 20.1 das bases reguladoras dispón que o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na forma sinalada no artigo 3 da convocatoria e ata o 14 de outubro de 2022, dunha copia da documentación indicada do propio artigo 20.1.

Tendo en conta o longo proceso de avaliación, co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o artigo 20.1 das bases reguladoras, ampliando o prazo de xustificación ata unha data que permita unha mellor xustificación da subvención por parte das persoas beneficiarias.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 20.1 do anexo I da Orde do 22 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CO300C)

O primeiro parágrafo do artigo 20.1 do anexo I da referida orde queda redactado nos seguintes termos:

«O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, na forma sinalada no artigo 3 da convocatoria e ata o 11 de novembro de 2022, dunha copia da seguinte documentación:».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2022

Francisco José Conde López
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía,
Industria e Innovación