Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Martes, 27 de setembro de 2022 Páx. 51563

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 14 de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización ambiental integrada para a planta de xestión de residuos no parque empresarial Veigadaña de PMA Nutrigrás, S.A., no concello de Mos, provincia de Pontevedra (expediente 2022-IPPC-I-43).

Para os efectos previstos no artigo 16 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro) faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposto o documento titulado:

• «Proxecto básico para autorización ambiental integrada. Nave industrial de almacenamento e valorización de residuos non perigosos e perigrosos. PMA Nutrigrás, S.A. Parque empresarial de Mos (Veigadaña). Data: 16 de xullo de 2022».

Para que calquera interesado poida consultalos e, de ser o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas, o documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

• Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/→medioambiente e sostibilidade→prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2022

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO I

Memoria resumo

Clave do expediente: 2022-IPPC-I-43.

Peticionaria: PMA Nutrigrás, S.A.

CIF: A36643955.

Domicilio social: rúa García Barbón, nº 2, 6º, 36201 Vigo, Pontevedra.

Localización da instalación: nave 11, parcelas M16, M17 e M18, Polígono Empresarial de Mos (Veigadaña), 36416 Mos, Pontevedra.

Actividade: xestión de almacenamento e de valorización de residuos.

Descrición: o proxecto consiste na xestión de residuos nunha nave. As actividades que se levarán a cabo son a xestión de valorización de residuos non perigosos mediante a rexeneración de aceites e graxas de cociñas e restaurantes, a xestión de almacenamento de residuos perigosos mediante o almacenamento de aceites industriais e outros residuos envasados, e a xestión de valorización de residuos perigosos e non perigosos mediante a trituración de envases baleiros que contiveron substancias. Asemade, realízanse outros procesos auxiliares como o lavado de cisternas, o lavado de envases e o lavado de filtros das campás extractoras de cociñas.

As augas residuais industriais xeradas, tras ser tratadas, reutilizaranse na instalación no caso de cumprir condicionantes ou entregaranse a xestor autorizado no caso de non cumprir. As augas sanitarias condúcense á rede de saneamento do polígono industrial. As augas pluviais condúcense á rede de pluviais do polígono industrial.

O proxecto describe as mellores técnicas dispoñibles aplicables á instalación en base á Decisión de execución (UE) nº 2018/1147 da Comisión do 10 de agosto de 2018 pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) no tratamento de residuos, de conformidade coa Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello.