Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Martes, 20 de setembro de 2022 Páx. 49195

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Verín

ANUNCIO da aprobación definitiva do Plan especial de infraestruturas e dotacións do Complexo Balneario-Asistencial de Caldeliñas.

Logo da correspondente tramitación administrativa, de acordo coas disposicións legais aplicables, o Pleno do Concello de Verín, en sesión ordinaria do 12 de agosto de 2022, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro. Dar cumprimento ao requerido polo Servizo de Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Ourense no seu escrito do 18 de outubro de 2021.

Segundo. Aprobar definitivamente o Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) do Complexo Balneario-Asistencial de Caldeliñas, por segunda vez, segundo a última versión do documento técnico redactado pola empresa Otima, S.L., e presentado neste concello o 7 de novembro de 2021.

Terceiro. Proceder á publicación do citado instrumento de planeamento, de acordo co disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e concordantes do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, que aproba o regulamento da citada lei, de modo que alcance a necesaria eficacia xurídica coa súa entrada en vigor.

Proceder, así mesmo, á notificación individualizada aos titulares catastrais dos terreos afectados, de acordo co disposto no artigo 186.4 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro.

Cuarto. Trasladar ao Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, da Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a última versión do documento do PEID do Complexo Balneario-Asistencial de Caldeliñas, para a súa inscrición, polo que se dá así cumprimento ao previsto no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Quinto. De acordo co disposto no artigo 82.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, indícase que as medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do citado plan especial se inclúen na memoria xustificativa do documento técnico aprobado definitivamente, que se pode consultar íntegramente no seguinte enderezo electrónico da páxina web do Concello de Verín:

http://www.verin.gal/

Sexto. Segundo o disposto no artigo 82.3 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o documento que conteña a normativa e as ordenanzas publicarase no Boletín Oficial da provincia de Ourense.

En todo caso, a eficacia do acto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do plan aprobado quedan condicionadas á inscrición do planeamento no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Contra este acordo, que aproba unha disposición administrativa de carácter xeral, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade cos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa. Todo iso sen prexuízo de que poida interpor calquera outro recurso que poida considerar máis conveniente ao seu dereito.

Verín, 7 de setembro de 2022

Gerardo Seoane Fidalgo
Alcalde