Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Martes, 20 de setembro de 2022 Páx. 49168

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 5 de setembro de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo sobre o deslindamento parcial realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común de Bermés, Rego do Prado, Lamela, Regado, Orxás, Riádigos, Campos e Camiño Real (concello de Lalín) e a de Asorei (concello de Vila de Cruces), ao respecto da estrema común dos seus montes.

Para os efectos previstos no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo adoptado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, o 14 de xuño 2022, en relación co deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común de Bermés, Rego do Prado, Lamela, Regado, Orxás, Riádigos, Campos e Camiño Real (concello de Lalín) e a de Asorei (concello de Vila de Cruces), ao respecto da estrema común dos seus montes (expediente PO-DESC-05/20).

Feitos:

Primeiro. O 28 de setembro de 2020, José Armando Cristóbal, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Bermés e outros, presenta no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia co núm. de entrada 2020/1856339 solicitude de deslindamento entre a CMVMC de Bermés e outros (concello de Lalín) e a CMVMC de Asorei (concello de Vila de Cruces).

Segundo. No expediente consta a seguinte documentación consonte o artigo 53 da Lei 7/2012: acta de conciliación, certificados da aprobación do deslindamento nas asembleas xerais das comunidades, memoria descritiva con plano de deslindamento e cartografía en formato dixital.

A liña de deslindamento proposta está composta polos seguintes puntos:

Marco 1 x: 569.226,924 y: 4.732.284,992

Marco 2 x: 569.194,540 y: 4.732.233,030

Marco 3 x: 569.025,860 y: 4.732.046,900

Revisada a cartografía das resolucións de clasificación de ambos os montes veciñais en man común detéctase que existe colindancia entre ambos os montes veciñais en man común e non afecta terceiros propietarios.

A liña respecta a liña de deslindamento do Instituto Xeográfico Nacional entre os concellos de Lalín e Vila de Cruces.

O Servizo de Montes considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 polo que propón a aprobación do deslindamento tendo en conta que non se pode obter o informe de validación gráfica catastral porque existe un erro no catastro e a liña non pecha referencias catastrais. No caso de que o Xurado aprobe o deslindamento remitirase ao catastro os puntos de deslindamento en formato shp.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. Esta resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que hai que seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e consideracións legais e técnicas expostos, o Xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar o deslindamento parcial realizado entre a CMVMC de Bermés, Rego do Prado, Lamela, Regado, Orxás, Riádigos, Campos e Camiño Real, no concello de Lalín, e a CMVMC de Asorei, no concello de Vila de Cruces, respecto da súa estrema común nos termos indicados no feito segundo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e cos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 5 de setembro de 2022

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra