Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Martes, 20 de setembro de 2022 Páx. 49171

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 5 de setembro de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo sobre o deslindamento parcial realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común de Couto Valo Branco (concello de Pontevedra) e de Vilanova (concello de Cerdedo-Cotobade), ao respecto da estrema común dos seus montes.

Para os efectos previstos no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo adoptado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, o 14 de xuño 2022, en relación co deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común de Couto Valo Branco (concello de Pontevedra) e de Vilanova (concello de Cerdedo-Cotobade), ao respecto da estrema común dos seus montes (expediente PO-DESC-01/18).

Feitos:

Primeiro. O 4 de xaneiro de 2018, José Carlos Regueira Villaverde, en representación da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Couto Valo Branco, presenta no Rexistro presencial da Xunta de Galicia co núm. de entrada 1008/RX25470 solicitude de deslindamento entre a CMVMC Couto Valo Branco (concello de Pontevedra) e a CMVMC de Vilanova (concello de Cerdedo-Cotobade).

Segundo. No expediente consta a seguinte documentación consonte o artigo 53 da Lei 7/2012: acta de conciliación, certificados da aprobación do deslindamento nas asembleas xerais das comunidades, memoria descritiva con plano de deslindamento e cartografía en formato dixital.

A liña de deslindamento proposta está composta polos seguintes puntos:

Marco B x: 534.943,900 y: 4.699.300,860

Marco C x: 534.999,048 y: 4.699.208,102

Marco D x: 535.148,258 y: 4.698.892,402

Marco E x: 535.150,600 y: 4.698.866,180

Marco F x: 535.181,460 y: 4.698.779,860

Marco G x: 535.250,350 y: 4.698.615,370

Punto DP1 x: 535.283,350 y: 4.698.553,170 dominio público estrada

Punto DP2 x: 535.296,820 y: 4.698.527,780 dominio público estrada

Marco H x: 535.315,975 y: 4.698.491,66811

Marco I x: 535.409,671 y: 4.698.386,36793

Revisada a cartografía das resolucións de clasificación de ambos os montes veciñais en man común detéctase que existe colindancia entre ambos os montes veciñais en man común e non afecta terceiros propietarios excepto no tramo A-B que non existe colindancia e elimina a estrada nacional desde os seus dominios públicos.

A liña non respecta a liña de deslindamento do Instituto Xeográfico Nacional entre os concellos de Pontevedra e Cerdedo-Cotobade.

O Servizo de Montes considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 polo que propón a aprobación do deslindamento tendo en conta que no caso de que o Xurado aprobe o deslindamento remitirase ao catastro os puntos de deslindamento en formato shp.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. Esta resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que hai que seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e consideracións legais e técnicas expostos, o Xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar o deslindamento parcial realizado entre a CMVMC de Couto Valo Branco (Pontevedra) e a CMVMC de Vilanova (Cerdedo-Cotobade) respecto da súa estrema común nos termos indicados no feito segundo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e cos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 5 de setembro de 2022

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra