Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Luns, 19 de setembro de 2022 Páx. 48990

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 6 de setembro de 2022, da Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, de inicio do proceso de selección de persoas adxudicatarias para vivendas de protección oficial de promoción pública, en segundas e posteriores adxudicacións, en réxime de arrendamento, para o concello de Vilagarcía de Arousa (expediente PO-2007/701).

De acordo co que se establece no artigo 30 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, a Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, en sesión do 6 de setembro de 2022,

ACORDA:

Iniciar o proceso de selección de persoas adxudicatarias para vivendas de promoción pública en segundas e posteriores adxudicacións en réxime de arrendamento (vivendas vacantes), expediente PO-2007/701, que se desenvolverá de conformidade cos seguintes criterios:

Primeiro. Características das vivendas

Número de vivendas: unha e as vacantes que se produzan ao longo do ano.

Expediente: PO-2007/701.

Localización das vivendas: Bosque dos Desamparados, no concello de Vilagarcía de Arousa.

Tipoloxía das vivendas e composición familiar:

– Vivendas dun ou dous dormitorios: para unidades familiares de 1, 2 ou 3 membros (maiores de 60 anos e menores de 35 anos).

Segundo. Cualificación das vivendas

As vivendas do expediente PO-2007/701 foron cualificadas definitivamente mediante a Resolución do xefe territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Pontevedra, do 13 de xuño de 2011, como vivendas de protección oficial de promoción pública, en réxime de arrendamento e destinadas a colectivos especiais:

– Persoas maiores de 60 anos.

– Persoas menores de 35 anos.

Terceiro. Réxime de adxudicación das vivendas da promoción

As vivendas adxudicaranse en arrendamento.

Cuarto. Condicións das persoas beneficiarias

Poderán acceder a estas vivendas de promoción pública as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade e con plena capacidade de obrar que, sendo maiores de 60 anos e menores de 35 anos de idade, como titulares dunha unidade familiar, reúnan os seguintes requisitos:

1. Na data desta resolución de inicio, estar inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o concello de Vilagarcía de Arousa.

2. Ter ingresos ponderados por unidade familiar entre 0,7 e 2,5 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples.

3. Residir ou traballar no concello onde se localizan as vivendas, excepto no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

4. Carecer de vivenda en calidade de persoas propietarias, agás que se dea algunha das seguintes circunstancias:

a) Excepcionalmente, poderán acceder a unha vivenda protexida as persoas que sexan propietarias doutra vivenda cando estea suxeita a expediente de expropiación forzosa, as persoas separadas ou divorciadas que se atopen ao día no pagamento das pensións alimenticias e compensatorias e que fosen privadas do uso da vivenda por sentenza ou convenio regulador e as que ocupen aloxamentos provisionais como consecuencia de actuacións de emerxencia ou remodelacións urbanas que impliquen a perda da súa vivenda ou calquera outra situación excepcional declarada polo organismo competente en materia de vivenda (artigo 64.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia).

b) Acreditar que a vivenda de que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012, do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Neste suposto, quedarán obrigados a ofertar a dita vivenda ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), para os efectos do disposto no artigo 10.V do Decreto 253/2007.

c) A tenza doutra vivenda respecto da cal non se posúa a súa plena propiedade e dispoñibilidade en calidade de dono, sempre que o valor catastral do inmoble non supere os 30.000 € (Resolución do 23 de febreiro de 2015, do Instituto Galego da Vivenda e Solo).

Quinto. Condicións xerais de carácter económico

Réxime de arrendamento.

a) Os contratos de arrendamento terán unha vixencia de sete anos prorrogables por períodos anuais e estará prohibido, en todo caso, a cesión ou subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións que procedan.

b) A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, de ser o caso, determinado de acordo co establecido no Decreto 253/2007, do 13 de decembro, de réxime xurídico do solo e das edificacións promovidas polo IGVS.

c) A firmeza da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo de pagamento por parte da persoa adxudicataria da fianza correspondente.

Sexto. Procedemento de adxudicación

De acordo co Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, antes mencionado, o procedemento de adxudicación será o de sorteo entre as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o concello de Vilagarcía de Arousa ata a data de hoxe.

O feito de resultar adxudicatario/a provisional no sorteo non determinará a condición de adxudicatario/a definitivo/a, mentres non se acredite que se reúnen os requisitos sinalados no criterio cuarto desta resolución.

Sétimo. Número de solicitantes que integrarán as listas

Serán vinte e cinco as persoas demandantes seleccionadas entre todas as que figuren inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia para o concello de Vilagarcía de Arousa.

A orde de confección das referidas listas virá determinada pola orde de selección que se derive do sorteo.

Oitavo. Publicidade

A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no Diario Oficial de Galicia e as sucesivas publicacións, incluída a dita resolución de inicio do procedemento, a lista de persoas adxudicatarias provisionais resultante do sorteo e a resolución da lista definitiva de persoas adxudicatarias en espera, de acordo cos artigos 22.1 e 24.3 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, publicaranse nos taboleiros de anuncios do Concello de Vilagarcía de Arousa, no da Área Provincial do IGVS e na páxina web do organismo.

Esta publicidade substituirá as notificacións persoais, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tras a publicación da lista provisional, as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días desde a publicación para presentar reclamacións ante a Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

Noveno. Asignación de vivendas

Cando se produzan as vacantes na promoción con número de expediente PO-2007/701, no concello de Vilagarcía de Arousa, estas serán adxudicadas aos integrantes da lista por orde de prelación, sen prexuízo de que ao abeiro do establecido no artigo 28 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, a Área Provincial do IGVS proceda á determinación da vivenda que lle corresponde a cada adxudicatario tendo en conta a mellor adecuación das vivendas á composición da unidade familiar e convivencial daqueles, e notificaralles a adxudicación.

Tal notificación deberá conter, entre outros, os seguintes datos:

– Tipo de vivenda.

– Superficie útil.

– Réxime de adxudicación.

– Prezo de renda.

As persoas adxudicatarias definitivas disporán dun prazo de dez días hábiles para aceptar ou renunciar á adxudicación, e no caso de aceptaren, deberán efectuar, dentro do prazo indicado, o ingreso da fianza e os gastos que procedan.

Décimo. Data do sorteo

O sorteo celebrarase as 11.30 horas do día 6 de outubro de 2022, ante persoa que dea fe pública.

Décimo primeiro. Vixencia das listas

Ao abeiro do artigo 30 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, a vixencia das listas resultantes deste sorteo será dun ano, contado a partir da data en que se aproben as listas definitivas de persoas adxudicatarias en espera, e utilizarase por rigorosa orde de prelación, para as vacantes que se produzan neste concello, no grupo de vivendas do expediente PO-2007/701, situado no Bosque dos Desamparados, durante a súa vixencia.

Pontevedra, 6 de setembro de 2022

José Manuel González González
Presidente da Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra