Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Xoves, 15 de setembro de 2022 Páx. 48642

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 9 de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se veda a pesca nas augas encoradas do encoro de Vilagudín.

Antecedentes:

1º. O día 29 de agosto de 2022 recíbese aviso dun posible episodio de mortandade de aves na contorna do encoro de Vilagudín (A Coruña) e dáse traslado para a comprobación in situ por parte do persoal dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

2º. A inspección realizada na contorna do encoro ese mesmo día veu confirmar o feito denunciado e recóllense 27 exemplares mortos e un vivo de gaivota patiamarela que foron trasladados ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros (A Coruña) para a toma de mostras.

3º. As novas inspeccións realizadas diariamente desde entón están a atopar máis casos de gaivotas mortas ou con síntomas de enfermidade.

Consideracións legais e técnicas:

I. O día 9 de setembro de 2022, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda propón a veda das augas encoradas do encoro de Vilagudín, co fin de protexer e evitar afeccións á fauna ictícola nese encoro, atendendo ao disposto no artigo 48 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

II. A competencia para a resolución correspóndelle á directora xeral de Patrimonio Natural, de conformidade co disposto no 48.3 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, así como co disposto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Vedar a pesca nas augas encoradas do encoro de Vilagudín ata que se determinen as causas do episodio e o seu impacto sobre a fauna ictícola e o estado do medio acuático. No caso de ser preciso, a veda manterase ata a entrada en vigor da normativa de pesca continental da tempada 2023.

Esta resolución entrara en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2022

Belén María do Campo Piñeiro
Directora xeral de Patrimonio Natural