Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Xoves, 15 de setembro de 2022 Páx. 48691

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 1 de setembro de 2022, do Servizo Provincial da Coruña, pola que se sinala a data para o levantamento das actas previas á ocupación e para a formalización das actas de ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de redefinición do itinerario peonil e ciclista na AC-552, treito Pastoriza-Vilarrodís, punto quilométrico 5+130-6+110, AC/20/130.06, Arteixo.

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu ordinal 2º a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 25 de maio de 2022, a Xunta de Galicia declarou de utilidade pública e urxente ocupación os bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de redefinición do itinerario peonil e ciclista na AC-552, treito Pastoriza-Vilarrodís, puntos quilométricos 5+130-6+110, no concello de Arteixo, de clave AC/20/130.06, mediante o Decreto 100/2022, publicado no Diario Oficial de Galicia do 14 de xuño de 2022.

A tramitación do expediente expropiatorio debe axustarse ao disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do seu regulamento, do 26 de abril de 1957.

En consecuencia, este servizo, en virtude da competencia delegada mediante a Orde do 7 de setembro de 2017, sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería, publicada no DOG núm. 179, do 20 de setembro de 2017, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Arteixo para que comparezan no lugar, data e horas que se detallan a continuación, co fin de realizar o levantamento das actas previas á ocupación en que se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal: Arteixo.

Lugar: Casa do Concello de Arteixo.

Data: 11 de outubro de 2022, ás 10.30 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente, estarán expostos no concello de Arteixo e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña (r/ Vicente Ferrer nº 2, 8º andar, 15071 A Coruña), e publicaranse na seguinte ligazón da páxina web da consellería:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/avisos?content=/Portal-Conselleria6/Avisos/resolucions/aviso_0308.html

Así mesmo, realizarase a convocatoria aos interesados no levantamento das actas previas mediante notificación individual.

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, xuntando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade (e, de ser o caso, outra documentación que se requira, xustificante de pagamento do IBI...), así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de realizar os sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria. Poderán facerse acompañar, pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigo 49 do Regulamento de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957, este servizo, unha vez levantadas as actas previas á ocupación e habilitado o crédito oportuno, realizará o pagamento, mediante transferencia bancaria, do importe dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación. No suposto de non ter presentado o certificado de titularidade da conta bancaria, con códigos IBAN e BIC, e a copia do DNI, consignarase o importe na Caixa Xeral de Depósitos conforme o disposto no artigo 51 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957.

En cumprimento do artigo 55 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, neste mesmo acto convócase ao acto de formalización das actas de ocupación, o cal terá lugar, logo de producirse o aboamento dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación, no lugar e data que se indican:

Termo municipal: Arteixo.

Lugar: Casa do Concello de Arteixo.

Data: 15 de decembro de 2022, ás 10.30 horas.

No mesmo acto ofertaránselles aos propietarios as valoracións establecidas pola Administración para cada un dos predios en concepto de mutuo acordo.

O presente acordo faise público, para xeral coñecemento, advertíndolles aos titulares que na acta figurarán os donos da cousa ou titulares do dereito expropiado e que non se admitirá representación senón por medio de poder debidamente autorizado (notarial, xudicial ou do consulado), xa sexa xeral ou particular para este caso. No caso de figurar o terreo a nome de herdeiros, deberán achegar a documentación necesaria para acreditar a sucesión. A identificación realizarase co documento nacional de identidade.

A Coruña, 1 de setembro de 2022

Felipe de la Vega Gándaras
Xefe do Servizo Provincial da Coruña