Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 13 de setembro de 2022 Páx. 48381

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 1 de setembro de 2022 pola que se autoriza a implantación do grao en Enxeñaría da Empresa na Universidad Intercontinental de la Empresa para o curso 2022/23.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola Comunidade Autónoma, logo de solicitude de implantación polas universidades, segundo o disposto na lexislación vixente.

O Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da calidade, regula nos artigos 26 e 27 o procedemento de verificación dos plans de estudos e establecemento do carácter oficial das titulacións. Os plans de estudos serán verificados mediante resolución do Consello de Universidades e autorizados pola Comunidade Autónoma. Mediante acordo do Consello de Ministros establecerase o carácter oficial dos títulos e procederase á publicación no Boletín Oficial del Estado e á súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT).

No ámbito autonómico esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia; pola Orde do 20 de marzo de 2012 que desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e polo Decreto 161/2015, do 5 de novembro, que modifica o Decreto 222/2011.

No Decreto 222/2011, do 2 de decembro, establécese que o procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais no ámbito territorial propio da Comunidade Autónoma se fará mediante orde da consellería competente en materia de universidades e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Previamente terá que recibir o informe do Consello Galego de Universidades, de acordo co previsto no artigo 56 da citada Lei 6/2013, do 13 de xuño.

As universidades, logo de ser autorizadas a implantar os estudos, quedan obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición alén dun curso académico. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades poderá autorizar a non impartición da titulación outro curso académico.

Unha vez obtido o informe final favorable da ACSUG, o informe do Consello Galego de Universidades do 10 de xuño de 2022 e a resolución de verificación do Consello de Universidades do Ministerio, emitida con data 27 de xullo de 2022, proponse a publicación desta orde pola que se autoriza a implantación do grao en Enxeñaría da Empresa pola Universidad Intercontinental de la Empresa para o curso 2022/23.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único

Autorízase a Universidad Intercontinental de la Empresa para implantar, no curso 2022/23, o grao en Enxeñaría da Empresa.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional
e Universidades