Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 13 de setembro de 2022 Páx. 48394

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 7 de setembro de 2022 pola que se fixan os prezos privados do servizo de matadoiro móbil de Galicia.

A Consellería do Medio Rural ten entre os seus obxectivos o desenvolvemento das accións necesarias para a ordenación, fomento e control das producións gandeiras. Dentro das diferentes actividades de modernización e mellora funcional e estrutural da Consellería do Medio Rural estableceuse a necesidade de dispor de ferramentas que permitan dar solucións ás necesidades que teñen as explotacións gandeiras.

Unha das demandas que ten o sector gandeiro é incrementar a rendibilidade na comercialización dos seus canais evitando os custos desprazamento ata os matadoiros para o seu sacrificio. Do mesmo xeito, con base na tipoloxía dalgunhas explotacións e dos seus modelos produtivos, asociados a unha crianza tradicional e en extensivo, ligada á conservación ambiental, mediante unha alimentación baseada no pasto natural, fai posible que os ditos canais dispoñan dunha calidade diferencial fronte a outros modelos produtivos máis intensivos, o que permite incrementar o seu valor engadido.

En diferentes países da Unión Europea puxéronse en marcha matadoiros móbiles que contribúen a poñer valor estes sistemas produtivos, facilitando o sacrificio dos animais, en especial naquelas explotacións gandeiras máis afastadas dos circuítos de sacrificio e comercialización habituais. Neste senso, existen diferentes estudos, en que os sacrificios realizados en unidades móbiles preto das explotacións diminúen o estrés nos animais, que non precisan ser transportados a certas distancias, o cal redunda na mellora das condicións do seu benestar e na obtención de canais de maior calidade.

Con todo, existen unha serie de dificultades na posta en marcha de matadoiros móbiles. Así, hai que ter en conta as limitacións técnicas das unidades móbiles fronte a dos matadoiros fixos e, por conseguinte, a adaptación destes ás normas técnicas recollidas na lexislación. Os ditos sistemas de sacrificio teñen que garantir o cumprimento coas exixencias recollidas na diferente lexislación que garantan a seguridade e calidade alimentaria, as normas de hixiene dos alimentos e os produtos de orixe animal destinados ao consumo humano, así como as diferentes exixencias de garantías sanitarias e rastrexabilidade dos animais. Neste senso, o artigo 5 do Real decreto 1086/2020, do 9 de decembro, establece unha serie de excepcións e adaptacións para flexibilizar os requisitos dos regulamentos do paquete de hixiene, nestes pequenos matadoiros.

Así pois, a Consellería do Medio Rural ten previsto realizar un encargo á empresa Tragsatec para poñer en marcha un matadoiro móbil que dea servizo as explotacións gandeiras, así como permitir avanzar cara á posibilidade de establecer unha vía de comercialización diferenciada dos canais obtidos. É obxecto desta orde establecer unha proposta de prezos do dito servizo, coa finalidade de que parte dos seus custos sexa asumible polos seus usuarios, tendo en conta que o resultado supón un beneficio económico para estes. Do mesmo xeito, isto suporá unha redución dos custos de explotación asumidos pola Administración, facendo máis viable a súa continuidade no tempo.

Debido á carencia de persoal suficiente para realizar este servizo, faise necesario contar con colaboración externa para realizar os anteditos traballos.

O artigo 50 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón que son prezos privados as contraprestacións que obteñan os suxeitos pola prestación de servizos ou a realización de actividades efectuadas en réxime de dereito privado cando, prestándose tamén tales servizos ou actividades polo sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados. Así mesmo, o artigo 51 da dita lei establece que os prezos privados serán fixados polas consellerías correspondentes, atendendo ás condicións e circunstancias do mercado en que operen, e publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

A través da presente orde, fíxase a contraprestación económica que, deben realizar os usuarios polos servizos de matadoiro móbil no sector gandeiro realizados pola Consellería do Medio Rural.

En consecuencia, logo do informe favorable da Consellería de Facenda e de acordo co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e, no uso das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1998 e pola Lei 2/2007,

DISPOÑO:

Artigo 1

Primeiro. Os prezos privados exixibles polos servizos prestados pola Consellería do Medio Rural referente ao servizo de matadoiro móbil en Galicia son os que figuran no anexo desta orde.

Segundo. Os referidos prezos entenderanse co correspondente IVE.

Artigo 2

Os prezos privados regulados nesta orde actualizaranse anualmente na mesma proporción que o coeficiente de actualización establecido para os tipos de taxas de contía fixa na Lei de acompañamento á Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural.

Artigo 3

A presente orde adecuarase:

1. Ao Decreto 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas para a aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 29 de xuño de 1994 pola que se regula o procedemento de recadación voluntaria das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2022

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Prezos privados do servizo de matadoiro móbil en Galicia

Servizo

Animais ovino e cabrún menores dun ano

Animais ovino e cabrún maiores dun ano

Animais
porcino

Prezo sacrificio e maquía (prezo/animal)

10 €

15 €

40 €

Prezo sacrificio, maquía e almacenamento (prezo/animal)

15 €

20 €

45 €

Prezo sacrificio, maquía, almacenamento e transporte a punto de distribución (prezo/animal)

20 €

25 €

50 €