Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Venres, 9 de setembro de 2022 Páx. 48155

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 17 de agosto de 2022 pola que se resolve o expediente de cambio de clase da estrada VG-1.8 polígono industrial do Tambre-Ponte Romaño (Deputación).

Antecedentes:

O proxecto de trazado da variante de Aradas, en Santiago de Compostela, de clave AC/10/020.00, someteuse a información pública o 30 de setembro de 2011, aprobouse definitivamente o 22 de febreiro de 2013, e anunciouse no Diario Oficial de Galicia esa aprobación o 15 de marzo de 2013.

O proxecto de construción da actuación aprobouse o 20 de febreiro de 2014.

Con base nese proxecto de construción licitáronse, o 23 de decembro de 2016, as obras para a execución da estrada, que se iniciaron o 4 de agosto de 2017, foron recibidas o 20 de marzo de 2019 e entraron en servizo o 4 de febreiro de 2019.

Por outra parte, o Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia foi aprobado polo Decreto 100/2021, do 24 de xuño, que foi publicado no Diario Oficial de Galicia número 129, do 8 de xullo de 2021.

No antedito Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia asignóuselle á variante de Aradas a denominación VG-1.8 polígono industrial do Tambre-Ponte Romaño (Deputación) e clasificouse como vía para automóbiles, de entre as clases de estradas previstas no artigo 4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

Con data do 29 de abril de 2022, a Área de Planificación, Innovación e Seguridade Viaria da Axencia Galega de Infraestruturas, tras analizar as circunstancias concorrentes, emitiu unha proposta de cambio de clase de estrada da VG-1.8 polígono industrial do Tambre-Ponte Romaño (Deputación), para clasificala como estrada convencional, que se tramitará segundo o procedemento establecido no artigo 10 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio.

Á vista da antedita proposta, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas emitiu unha resolución, o 2 de maio de 2022, para tramitar, segundo o antedito procedemento, o expediente de cambio de clase da estrada VG-1.8 polígono industrial do Tambre-Ponte Romaño (Deputación).

Ao abeiro desa Resolución do 2 de maio de 2022, da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, someteuse o expediente a un trámite de información pública que se levou a cabo durante un prazo de trinta (30) días hábiles.

Durante ese prazo, a documentación que forma o expediente estivo á disposición da cidadanía en días e horas hábiles de oficina, nos locais da Axencia Galega de Infraestruturas en Santiago de Compostela (Edificio Administrativo de San Caetano, s/n), no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas na Coruña (rúa Vicente Ferrer, 2), e na Casa do Concello de Santiago de Compostela (praza do Obradoiro, 1), así como na páxina web oficial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través do seguinte enderezo:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/transparencia/procedementos-informacion-publica/outros-expedientes

As alegacións presentadas neste procedemento deberon versar sobre a xustificación de que a estrada, ou o seu treito, reúne os requisitos necesarios para que sexa modificada a súa clasificación na forma proposta no expediente.

Os documentos que se someteron aos trámites de información pública e informe das administracións territoriais afectadas son a proposta de cambio de clase da estrada VG-1.8 polígono industrial do Tambre-Ponte Romaño (Deputación), elaborada pola Área de Planificación, Innovación e Seguridade Viaria do 29 de abril de 2022, que inclúe a xustificación do cambio de clase da estrada en cuestión e os planos que describen e delimitan as súas características xeométricas e indican a repercusión do cambio nas zonas de dominio público e protección da estrada, así como na liña límite de edificación, e a antedita Resolución do 2 de maio de 2022, da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas.

O anuncio do sometemento do expediente ao trámite de información pública foi publicado no Diario Oficial de Galicia número 92, do 12 de maio de 2022.

Ademais, constan no expediente os certificados de exposición ao público do expediente, durante o prazo establecido, nos locais da Axencia Galega de Infraestruturas en Santiago de Compostela (entre o 13 de maio de 2022 e o 28 de xuño de 2022), no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas na Coruña (entre o 13 de maio de 2022 e o 28 de xuño de 2022, e na Casa do Concello de Santiago de Compostela (entre o 3 de xuño de 2022 e o 15 de xullo de 2022, ambos os dous incluídos).

Durante o trámite de información pública do expediente de cambio de clase da estrada VG-1.8 polígono industrial do Tambre-Ponte Romaño (Deputación) non se recibiu ningunha alegación ao respecto.

Paralelamente, someteuse o expediente ao informe do Concello de Santiago de Compostela, da Deputación Provincial da Coruña e da Administración xeral do Estado, como administracións territoriais afectadas polo ámbito da actuación, para que, nun prazo de trinta (30) días hábiles, examinasen se a clasificación proposta no expediente é a máis adecuada para os seus intereses e informasen sobre ese aspecto, sen que se recibise informe ao respecto de ningunha delas.

En consecuencia, a Área de Planificación, Innovación e Seguridade Viaria da Axencia Galega de Infraestruturas emitiu, o 1 de agosto de 2022, informe de resposta aos trámites de información pública e informe das administracións territoriais afectadas, e propuxo continuar coa tramitación do cambio de clase de estrada da VG-1.8 polígono industrial do Tambre-Ponte Romaño (Deputación), para clasificala como estrada convencional.

O antedito informe foi posto á disposición das persoas interesadas e notificado ás administracións ás cales se lles dera trámite de informe.

O número 6 do artigo 10 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio, indica que, tras a emisión do informe de resposta aos trámites de información pública e informe das administracións territoriais afectadas, por parte da Administración titular da estrada, esta remitiralle copia do expediente de cambio de clase á consellería competente en materia de estradas para que emita informe vinculante, que deberá versar sobre os preceptos contidos na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, no propio Regulamento xeral de estradas de Galicia e sobre se a estrada, ou treito dela, reúne os requisitos necesarios para que se inclúa na nova clase.

Neste caso, aínda que o expediente se refire a unha estrada que é de titularidade da propia Comunidade Autónoma de Galicia, foi tramitado pola Axencia Galega de Infraestruturas, polo que se lle remitiu á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, por ser a consellería competente en materia de estradas segundo a actual estrutura orgánica da Xunta de Galicia.

Con data do 8 de agosto de 2022, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, á vista do contido do expediente, e ao abeiro do previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e no Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio, emitiu informe favorable ao cambio de clase de estrada da VG-1.8 polígono industrial do Tambre-Ponte Romaño (Deputación), para clasificala como estrada convencional, dado que se considera que reúne os requisitos necesarios para que se inclúa nesa nova clase.

Consideracións legais.

O artigo 10 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado por Decreto 66/2016, do 26 de maio, regula o expediente de cambio de clase das estradas e a súa tramitación, establecendo, no seu número 7, que, unha vez recibido o informe vinculante da consellería competente en materia de estradas, á Administración titular da estrada correspóndelle adoptar, de acordo con aquel, a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva ou de desestimación, total ou parcial, da proposta de cambio da clase de estrada de que se trate.

En virtude de todo o anterior,

RESOLVO:

1. Aprobar o cambio de clase de estrada da VG-1.8 polígono industrial do Tambre-Ponte Romaño (Deputación), para clasificala como estrada convencional, dado que se considera que reúne os requisitos necesarios para que se inclúa nesa nova clase.

2. Actualizar, en aplicación do artigo 10.7.e) da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e do artigo 10.9 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio, o Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia aprobado polo Decreto 100/2021, do 24 de xuño, no sentido de reflectir este cambio de clase da estrada.

O documento do Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia actualizado poderá consultarse na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/tema/c/CIV_Infraestruturas_Estradas

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2022

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade