Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Xoves, 8 de setembro de 2022 Páx. 47800

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 22 de agosto de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da modificación puntual número 18 das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Vilanova de Arousa para a redelimitación do núcleo rural de Deiro.

O Concello de Vilanova de Arousa remite a documentación relativa á modificación puntual referida de cara á súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e os artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu Regulamento (RLSG).

Analizada a documentación redactada polo arquitecto Alejandro Arias Novas en marzo de 2022 e con dilixencia da súa aprobación provisional mediante o Acordo do Pleno do 13.5.2022, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Vilanova de Arousa conta cunhas normas subsidiarias de planeamento (NNSSP) aprobadas definitivamente o 14.3.1997 (DOG do 28.5.1997 e BOP do 5.5.1997).

I.2. Mediante a Resolución do 24.8.2016 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu non someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria esta modificación puntual (MP) (expediente 2016AAE1895 e código 1813/2016).

I.3. Consta a exposición ao público polo prazo de dous meses, mediante publicación no DOG do 13.3.2020 e nos xornais Diario de Arousa do 25.2.2020 e Faro de Vigo do 25.2.2020. Consta a notificación aos titulares catastrais e o informe das alegacións achegadas.

I.4. O Concello solicitou os informes sectoriais autonómicos e recibíronse os informes de: Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 27.2.2020; Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (informe do 26.2.2020); Instituto de Estudos do Territorio (informe do 13.5.2020); Consellería do Medio Rural (informe do 24.3.2022); Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (informe do 21.2.2020); Axencia Galega de Infraestruturas (informes do 21.4.2020 e 22.4.2020, 16.6.2021, 26.10.2021 e 27.10.2021 e informe favorable do 14.3.2022 e 15.3.2022); Augas de Galicia (informes do 22.5.2020 e 14.1.2022 e 17.1.2022); Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 27.5.2020; e Deputación Provincial de Pontevedra (Acordo do 19.6.2020 e informe do 2.2.2022).

I.5. O Concello de Vilanova solicitou tamén informe á Subdelegación do Goberno, que remite o informe da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do 3.6.2020, á Dirección Xeral da Costa e do Mar do 6.3.2020, e á Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual; consta informe do 28.2.2020.

I.6. Consta informe técnico municipal favorable do 9.5.2022, informe xurídico do 9.5.2022 e informe de secretaría do 9.5.2022.

I.7. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente esta modificación puntual 18 en sesión do 13.5.2022 e o Concello de Vilanova de Arousa achega o documento aprobado provisionalmente segundo o previsto no artigo 78 da LSG.

II. Obxecto da modificación puntual.

O obxectivo inicial desta modificación puntual era redelimitar os asentamentos rurais de Ousensa-Rúa Nova e Deiro de Arriba.

O documento aprobado provisionalmente unicamente abrangue a redelimitación do núcleo rural de Deiro como solo de núcleo rural común, cunha superficie de 41.872 m2, ámbito que en parte xa se atopa recollido como solo non urbanizable de núcleo rural tradicional nas normas subsidiarias municipais vixentes.

III. Análise e consideracións.

III.1. Respecto ás cuestións sinaladas no informe emitido no período de consultas por esta Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, cómpre sinalar que se xustifica a non modificación da delimitación do núcleo rural pola zona norte.

III.2. Acredítase na documentación achegada que incorporou os condicionantes derivados dos informes sectoriais emitidos durante a súa tramitación.

III.3. Compatibilidade co Plan de ordenación do litoral.

1. Os terreos afectados pola modificación puntual insírense na súa totalidade na área continua de ordenación do POL, sen incidencia doutras áreas descontinuas como corredores ecolóxicos ou espazos de interese. A delimitación actual do núcleo abrangue un conxunto de edificacións de orixe tradicional, tipificadas no POL como asentamentos fundacionais e de desenvolvemento periférico; o obxecto da modificación é a súa extensión para incluír edificacións de vivenda unifamiliar xurdidas na súa contorna e tipificadas como novo asentamento. A este respecto, a proposta non contravén os principios aplicables indicados no artigo 37 para a área de ordenación e, en concreto, a delimitación non propicia os procesos de unión de núcleos mediante continuos lineais ao redor das vías de comunicación.

2. Doutra parte, segundo consta na cartografía de usos e elementos para a valoración do POL, os terreos afectados están dedicados, ademais da superficie artificializada polas parcelas edificadas, a viñedos e outros cultivos e prados, sen que consten outros usos que precisen especial protección e sen incidencia visual ningunha no bordo litoral.

3. Porén, nos planos de información relativos ao POL deben emendarse as seguintes cuestións:

– O plano I-14 (coherencia territorial) recolle a cartografía así denominada do Plan director de acuicultura litoral (PDAL), cando a que debe incluírse é a correspondente ao modelo territorial do POL (plano BE-06), descargable en http://webpol.xunta.gal/web/index.php/descargables

– O plano I-15 (aptitude tecnolóxica) pertence tamén ao PDAL, polo que non procede a súa inclusión.

– O plano I-16, titulado como Usos e elementos para a valoración, recolle en realidade unha copia da cartografía do modelo de xestión xa recollida no I-13, polo que debe substituírse pola de usos e elementos para a valoración do POL (plano BE-06), descargable en http://webpol.xunta.gal/web/index.php/descargables

IV. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual número 18 das normas subsidiarias de planeamento municipal do Concello de Vilanova de Arousa para a redelimitación do núcleo rural de Deiro, condicionado á emenda das cuestións indicadas no punto III.3.3 anterior.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio esta modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da modificación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2022

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo