Mediante a Orde do 16 de marzo de 2017, publicada no DOG do 10 de abril, autorízase a apertura e funcionamento do centro privado (CPR) Quelqum Formación Profesional, de Santiago de Compostela, para impartir ensinanzas de ciclos formativos de formación profesional.
A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos incoa o expediente de extinción da autorización do centro docente, de conformidade co establecido no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e a Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve.
Por canto antecede, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,
DISPOÑO:
Artigo 1. Extinción da autorización
Extinguir, de oficio, por cesamento nas súas actividades docentes, a autorización do centro privado Quelqum Formación Profesional, de Santiago de Compostela, código 15033061, con efectos do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 2. Inscrición no Rexistro de Centros
A extinción da autorización dará lugar a correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Recursos
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2022
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional
e Universidades