Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Venres, 2 de setembro de 2022 Páx. 47097

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 25 de agosto de 2022 pola que se aproban as táboas de avaliación documental de determinadas series documentais do patrimonio documental de Galicia e se dispón a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, determina no seu artigo 19 que os documentos de titularidade pública serán avaliados e seleccionados para determinar a súa conservación ou eliminación, de acordo co interese que presenten desde o punto de vista administrativo, xurídico, legal e histórico e os seus prazos de vixencia, acceso e conservación.

Os documentos de titularidade pública son patrimonio documental de Galicia desde a súa creación ou a súa acumulación, tal como establece a citada Lei de arquivos e documentos de Galicia e a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. A xestión, custodia e acceso aos documentos de titularidade pública réxense polos principios desta normativa e son responsabilidade directa dos seus titulares.

A Lei de arquivos e documentos establece que non poderá eliminarse ningún documento público se antes non foi avaliado e seleccionado de acordo co procedemento que se estableza para tal fin. Con este obxectivo, o Decreto 15/2016, do 14 de xaneiro, que regula a composición do Consello de Avaliación Documental de Galicia, establece o procedemento que se debe seguir na avaliación para a selección de documentos.

No procedemento de avaliación, regulado no título II do Decreto 15/2016, establécese que as propostas de avaliación serán sometidas a ditame do Consello de Avaliación Documental de Galicia, que elaborará as táboas de avaliación documental. Aprobadas, de ser o caso, as táboas de avaliación polo titular da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental, disporá a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, mediante un extracto, sen prexuízo de facelas públicas na páxina web da consellería.

Así mesmo, mediante a Resolución do 18 de abril de 2017, da Secretaría Xeral de Cultura, pola que se aproban e se fan públicos os criterios de avaliación para a selección, transferencia de custodia e acceso aos documentos, así como o formulario normalizado para a elaboración dos estudos de identificación e avaliación de series documentais propostos polo Consello de Avaliación Documental de Galicia na sesión do 15 de marzo de 2017 (DOG núm. 90, do 11 de maio), con carácter xeral, no ámbito da Administración autonómica, os documentos anteriores ao ano 1990 considéranse de conservación permanente e, polo tanto, non serán eliminados.

De acordo con esta normativa e procedemento, as series documentais que se mencionan nesta orde foron presentadas ao Consello de Avaliación Documental de Galicia que, na súa sesión do 16 de xuño de 2022, emitiu o seu ditame a través das táboas de avaliación documental elevadas para a súa aprobación polo titular da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental.

Para estes efectos, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de conformidade co disposto na Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, así como as normas de desenvolvemento,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar as táboas de avaliación documental cuxos extractos se recollen no anexo a esta resolución e que corresponden ás seguintes series documentais, procedentes da Administración autonómica, ditaminadas polo Consello de Avaliación Documental de Galicia na súa sesión do 16 de xuño de 2022:

• AA0390: expedientes de autorización de intervención de bens do patrimonio cultural previa ás licenzas municipais de obra.

• AA5612: expedientes de contratos administrativos.

• AA5448: expedientes de contratos privados.

• AA5113: exames e outros documentos de avaliación académica do alumnado de ensinanzas non universitarias.

Segundo. Ordenar a publicación das táboas de avaliación documental das mencionadas series, mediante un extracto, no Diario Oficial de Galicia.

Esta orde terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que o ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnalo ante o órgano competente da orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional
e Universidades

ANEXO I

Extractos das táboas de avaliación de series documentais

– Táboa: T0081.

Código da serie: AA390.

Denominación: expedientes de autorización de intervención de bens do patrimonio cultural previa ás licenzas municipais de obra.

Procedencia: Cultura. Protección do Patrimonio.

Datas extremas da serie: 1983 - (serie aberta).

Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1983-2022.

Ditame do Consello de Avaliación Documental de Galicia na sesión do 16 de xuño de 2022.

Acceso restrinxido: 30 anos.

Transferencias:

• Arquivo central: 1 ano desde a notificación da resolución.

• Arquivo intermedio: 10 anos desde a notificación da resolución.

• Arquivo histórico: 25 anos desde a notificación da resolución.

Selección: conservación permanente.

– Táboa: T0082.

Código da serie: AA5612.

Denominación: expedientes de contratos administrativos.

Procedencia: Xunta de Galicia.

Datas extremas da serie: 1982 - (serie aberta).

Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1982-2022.

Ditame do Consello de Avaliación Documental de Galicia na sesión do 16 de xuño de 2022.

Acceso restrinxido: 30 anos.

Transferencias:

• Arquivo central: 1 ano desde a finalización do procedemento.

• Arquivo intermedio: 10 anos desde a finalización do procedemento.

• Arquivo histórico: 20 anos desde a finalización do procedemento.

Selección: eliminación parcial. Poderanse eliminar aos cinco anos as ofertas ou proposicións presentadas polas empresas candidatas e licitadoras que non resultasen adxudicatarias dos contratos. Conservarase o resto da documentación orixinal dos contratos.

– Táboa: T0083.

Código da serie: AA5448.

Denominación: expedientes de contratos privados.

Procedencia: Xunta de Galicia.

Datas extremas da serie: 1982 - (serie aberta).

Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1982-2022.

Ditame do Consello de Avaliación Documental de Galicia na sesión do 16 de xuño de 2022.

Acceso restrinxido: 30 anos.

Transferencias:

• Arquivo central: 1 ano desde a finalización do procedemento.

• Arquivo intermedio: 10 anos desde a finalización do procedemento.

• Arquivo histórico: 20 anos desde a finalización do procedemento.

Selección: eliminación parcial. Poderanse eliminar aos cinco anos as ofertas ou proposicións presentadas polas empresas candidatas e licitadoras que non resultasen adxudicatarias dos contratos. Conservarase o resto da documentación orixinal dos contratos.

– Táboa: T0084.

Código da serie: AA5113.

Denominación: exames e outros documentos de avaliación académica do alumnado de ensinanzas non universitarias.

Procedencia: Educación. Educación non universitaria.

Datas extremas da serie: 1982 - (serie aberta).

Datas extremas da fracción de serie avaliada: 1982-2022.

Ditame do Consello de Avaliación Documental de Galicia na sesión do 16 de xuño de 2022.

Acceso restrinxido: 30 anos.

Transferencias:

• Arquivo central: 5 anos desde a finalización do curso académico.

• Arquivo intermedio: 15 anos desde a finalización do curso académico.

• Arquivo histórico: 25 anos desde a finalización do curso académico.

Selección: eliminación total. Poderanse eliminar os exames, listaxes de cualificacións e documentos de trámite ao finalizar o curso seguinte ao da realización da proba de avaliación. Conservarase en cada centro educativo unha mostra dun modelo de exame, traballo ou calquera outra proba avaliatoria de cada unha das materias impartidas en cada curso escolar cunha periodicidade de cinco cursos académicos (dos anos rematados en 0 e 5). De non conservarse os modelos de exame, substituirase por un exemplar elaborado polo alumnado. No caso de que unha materia fose impartida por un período inferior aos 5 anos, conservarase unha mostra dela dun curso académico calquera, segundo o establecido anteriormente.

Mostraxe: 1 exemplar de proba por materia cada cinco cursos académicos por centro educativo (anos rematados en 0 e 5).