Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Venres, 2 de setembro de 2022 Páx. 47094

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 11 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións públicas a centros privados sostidos con fondos públicos para a dotación de aulas dixitais, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento ED301K).

BDNS (Identif.): 645747.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios da subvención os centros docentes privados sostidos con fondos públicos que teñan unha porcentaxe do 30 % do alumnado vulnerable no segundo ciclo de educación Infantil, primaria e/o secundaria obrigatoria.

Enténdese por alumnado vulnerable nun sentido amplo aquel que presente algunha das circunstancias que se describen a continuación: necesidades asistenciais (alimentación, vivenda e subministracións básicas etc.), escolares (clima familiar propicio, fenda dixital, material escolar etc.), necesidades socioeducativas (actividades complementarias, extraescolares etc.), necesidades educativas especiais, altas capacidades, dificultades específicas de aprendizaxe, incorporación tardía no sistema educativo, dificultades para a aprendizaxe por necesidades non cubertas. Todas elas barreiras que condicionan, potencial ou efectivamente, as posibilidades de éxito educativo do alumnado.

2. Todos os requisitos exixidos para solicitar estas axudas ou para obter a condición de beneficiario deberán cumprirse antes da finalización do prazo de solicitude previsto na correspondente convocatoria.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras relativas ás axudas destinadas a dotar as aulas dos centros privados sostidos con fondos públicos, dos medios dixitais apropiados para o ensino e aprendizaxe en calquera modalidade: presencial, a distancia e mixta, no marco do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia, así como acordar a súa convocatoria para o ano 2022.

Esta medida recolle aquelas aulas dos centros educativos que, ben non dispoñen dun sistema dixital interactivo (SDI) ou necesitan completalo co obxectivo de contar cos medios suficientes para a ensinanza cos medios dixitais.

2. O ámbito de aplicación desta orde esténdese a todos os centros educativos privados sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 11 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións públicas a centros privados sostidos con fondos públicos para a dotación de aulas dixitais, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento ED301K).

Cuarto. Financiamento

1. As subvencións, obxecto desta convocatoria financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 10.10.421A.782.0, código de proxecto 2022 00072, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, por importe total de 4.928.993 €, financiados pola Unión Europea-NextGenerationEU, a través do Mecanismo de recuperación e resiliencia da Unión Europea, establecido polo Regulamento (UE) 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un instrumento de recuperación da Unión Europea para apoio da recuperación tras a crise da COVID-19, e regulado segundo o Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. O dito financiamento queda legalmente vinculado á realización das actuacións subvencionadas, medidas integradas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España.

2. Os anteditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de educación dixital, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo límite de presentación de solicitudes será de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Enténdese por último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades