Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Xoves, 18 de agosto de 2022 Páx. 44340

III. Outras disposicións

Instituto de Estudos do Territorio

RESOLUCIÓN do 8 de agosto de 2022 pola que se amplía o prazo establecido no ordinal vixésimo da Resolución do 20 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, xestionadas por este instituto, e se establece a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento MT402A), tramitado como expediente anticipado de gasto.

A Resolución do 20 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, xestionadas por este instituto, e se establece a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento MT402A), tramitado como expediente anticipado de gasto, establece no seu punto vixésimo.1 que a data límite para a xustificación da subvención será o 30 de setembro de 2022.

O artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvención de Galicia, establece, no seu punto terceiro, que o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra establecido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

O devandito precepto legal, en aplicación da disposición derrogatoria única da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da LPACAP, en que se indica que a Administración poderá conceder a ampliación dos prazos establecidos de oficio ou por petición dos interesados antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias o aconsellan.

O elevado número de solicitudes presentadas dificulta o cumprimento polas persoas beneficiarias dos prazos establecidos na resolución para a execución e xustificación dos gastos relativos a estas axudas, tendo en conta que moitas destas solicitudes se concentran en ámbitos territoriais pequenos onde a man de obra especializada para atender a realización das obras é escasa.

Por outra banda, na tramitación dos expedientes tivéronse que outorgar prazos para emenda tanto de documentación como de erros e realizar a valoración técnica dos expedientes. Todo o anterior ten xerado unha demora na resolución da convocatoria, diminuíndo o tempo efectivo dispoñible polos beneficiarios para a execución e a xustificación correspondente dos gastos obxecto de subvención.

Esta situación provoca a necesidade de establecer novos prazos de execución e xustificación das axudas.

Con esta ampliación de prazo preténdese dar cumprimento ao obxecto da Resolución do 20 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, xestionadas por este instituto, e se establece a súa convocatoria para o ano 2022, que é o de corrixir os impactos paisaxísticos en congruencia cos valores paisaxísticos recollidos no Catálogo de paisaxes de Galicia e os obxectivos e criterios que expresan as directrices de paisaxe de Galicia.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a data límite para a xustificación da subvención que figura no ordinal vixésimo da Resolución do 20 de decembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, xestionadas por este instituto, e se establece a súa convocatoria para o ano 2022, de xeito que a data límite para a execución dos investimentos e para a xustificación dos gastos se amplía ata o 31 de outubro de 2022.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto de Estudos do Territorio, para os efectos previstos no artigo 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra este acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto de Estudos do Territorio